#Fútbol afeccionado #Terceira Futgal

Goiriz e Corgo comezan liderando a Terceira Galicia

Botou a andar a Terceira Galicia. No grupo norte, o Goiriz é o primeiro líder logo de golear no Ventiño ao Rioaveso. Cazás e Celta Barreiros foron quen de gañar con comodidade nos seus campos, mentres que o Celeiro foi o único conxunto que logrou vencer a domicilio. No grupo sur, o Corgo ocupa o primeiro posto, igualado co Sober. O Relámpago Taboada venceu no seu campo e manda un aviso de que esta temporada non será como a última.

grupo norte

O Goiriz golea con dez ao Rioaveso (6-1). Os de Cora queren voltar a Segunda e demostrárono no partido inagural fronte a un Rioaveso que non estivo nada atinado. Héctor Moure abriu a lata aos sete minutos e tan só cinco despois Blanco viu o cartón vermello. Non foi determinante a expulsión, xa que o cadro local non tardou en marcar o segundo por medio de Nico e Héctor Moure volveu anotar para deixar o encontro encarrilado. Alesso recurtou diferencias para un Rioaveso que na segunda metade tentou meterse no partido, pero o Goiriz á contra anotou tres tantos máis.

O Catro Roldas remontou na segunda metade para dobregar ao Friol B (4-2). Primeira metade de claro dominio visitante. Os de Bruno Castro foron superiores no periodo inicial en xogo e tamén no resultado. Yassin, en propia porta, e Lucas anotaron para o filial do Friol, mentres que Álex fíxoo para os de Koski. O segundo tempo comezou cun gol de Samu Orosa que igualou a contenda e o Catro Roldas dominou o segundo acto e logrou darlle a volta ao marcador con goles de David Orosa e Díaz

Casás e Piringalla, dous debutantes que comezan coa pólvora mollada (0-0). Encontro igualado e intenso. O Casás comezou dominando o xogo e tentando xerar perigo mediante accións por banda. O Piringalla buscou máis un fútbol directo e crear ocasións e accións a balón parado. No segundo tempo, o conxunto visitante estivo máis incisivo e contou con varias ocasións claras que solventou ben o gardameta Raúl. O Casás tentou anotar ao contragolpe sen éxito.



O Celta Barreiros golea ao Castroverde no Cascabeiro (3-0). O novo proxecto barreirense comezou da mellor forma, diante dun Castroverde falto de ritmo e que non foi quen de adpatarse ao campo, ademáis de contar con importantes baixas. Os de Rubén Acebedo foron superiores ao longo de todo o partido e xeraron claras ocasións de gol. Malia todo, o marcador non se abriu ata o minuto 62 cun tanto de Casanova. O propio atancante de Trabada anotou o segundo e Jhoseba, xa moi preto do final, pechou o marcador.

O comezo fulgurante do Celeiro, clave para gañar no campo do Matela (1-3). O conxunto local saiu dormido e os viveirenses aproveitárono á perfección. O gardameta Jony, que debutaba co Celeiro, marcou desde o seu campo, e pouco despois o capitán Brais Maseda puxo terra de por medio. Os locales protestaron este tanto ao considerar que existiu fóra de xogo. Aínda que o Matela parecía reaccionar, o Celeiro deixou o encontro visto pra sentencia co terceiro tanto, obra de Karchi. Antes do descanso Bruno recurtou diferencias no marcador. No segundo tempo, os de Martín Real tentaron facer o segundo con máis corazoón que cabeza e o Celeiro puido ampliar diferencias, pero o gardameta Nacho estivo providencial.

O Cazás comeza goleando á Comercial B no Catro Ventos (3-0). As xogadas a balón parado resultaron providenciais para o cadro chairego. Desta forma chegaron as mellores ocasións, aínda que a máis clara da primeira metade foi para a Comercial B. Nun contragolpe, un tres para un foi desbaratado polo gardameta Fernando. Sobrepasada a primeira media hora, Efrén rematou de cabeza un saque desde o curruncho sacado por Iago. Pouco despois, noutro cónrer chegou un tanto en propia porta dun defensor visitante e antes do intermedio, Iago anotou pola escadra. Na segunda metade o ritmo baixou pero a falta de puntería privou á Comercial B de achegarse no marcador.



grupo sur

O Relámpago Taboada esquece a última campaña e gaña ao Monterroso B (4-2). Os visitantes puxéronse por diante no marcador e contaron con claras ocasións para marchar ao vestiario con máis goles de diferencia, incluso con varios balóns aos paos. Na segunda metade o Relámpago reaccionou e aproveitou as facilidades dun Monterroso B nada atinado para darlle a volta ao resultado. Nos últimos intres chegou a sentencia cun gol de Valiño.

O Sober impúxose con claridade ao Bóveda no Hermanos Somoza (0-3). Os de Iban Lagoa comezan a temporada tal e como remataron a pasada, en bo estado de forma. Na primeira metade, o conxunto visitante púxose por diante cun tanto de Piñeiro. O Bóveda tentou igualar o encontro sen éxito e na reanudación o ex do Brollón Rodri puxo terra de por medio desde os once metros e o killer Martín sentenciou.

O Corgo remonta e remata goleando ao Santa Comba no Municipal (4-1). Os visitantes chegaron ao debut ligueiro moi xustos de efectivos e pasoulles factura. Os de Abel Rochela amosáronse moi superiores malia ter que remontar o gol de Santi, aínda que a primeira media hora acusaron o nerviosismo e o medo a errar. O empate chegou á saída dun córner obra de Sebas. Na segunda parte Sebas fixo o doblete e partir de aí foi todo rodado para un Corgo que anotaría dous goles máis, obra de Stalin e Brais.

Rubián e Río Sil igualan sen goles no Poste (0-0). Encontro moi igualado e trabado. Resultado xusto entre dous conxuntos que se repartiron as ocasións de gol e o dominio, sendo un tempo para cada conxunto. Entre todos emerxeu a figura do gardameta local Casillas que resultou providencial ao deter unha pena máxima, moi protestada polo seus, así como un disparo que se colaba pola escadra.

O Páramo vence á Sarriana B nun encontro de nove goles (5-4). Comezou mellor o cadro local xerando varias ocasións de gol, previas ao primeiro tanto do encontro, obra de Juan. O Páramo, co marcador a favor, baixou o ritmo e encaixou o empate nun mal despexe do gardameta. A segunda metade respostou ao visto na primeira. Os locales marcaron por medio de Héctor, pero en dous minutos o filial sarriao deulle a volta ao partido. Saúl de penalti e Álex Ayán foron os goleadores. Nos últimos vinte minutos o Páramo tivo o seu mellor momento e traduciuse en goles. Hache, Juan e Noel marcaron tres tantos que sentenciaban o choque, pero a Sarriana B vendeu cara a súa pel e no desconto achegouse co cuarto tanto, pero os puntos no marcharon das Rapadas.



O Taboada B suma tres puntos no campo do debutante Chantada Atlético B (1-2). A primeira metade resultou bastante igualada. O filial chantadino adiantouse no marcador moi axiña. Aos tres minutos, Rubén anotou o primeiro tanto da historia do seu equipo en competición oficial. Os de Dani Ríos igualaron por medio de Xavier. No segundo tempo o encontro seguu pola mesma senda e de novo Xavier marcou á saída dunha falta lateral para remontar o encontro.

Goiriz e Corgo comezan liderando a Terceira Galicia

Cinco gañan todo e 6 sen puntuar

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *