Achegámonos á metade da primeira volta cos máxicos en auxe e comezando a definir os seus obxectivos.
Monterroso 1-2 Chantada Atlético: boa victoria do Chantada Atlético en Cerdeiriños grazas a un penalti nos últimos intres. Os visitantes levaron o peso do xogo, pero sen apenas xerar perigo. No segundo tempo o partido se abriu máis, e David puxo o 1-0 nun saque de esquina. Cos cambios, o Chantada meteu pólvora arriba e logrou o empate. Unha contra ao final do choque traduciuse na pena máxima que supuxo o definitivo 1-2.
Santaballés 0-1 Outeiro de Rei: partido bonito na Liga. O Santaballés estivo moi serio ao longo da primeira parte, contando con bastantes chegadas, pero o Outeiro soubo aproveitar a súa opción para chegar 0-1 ao tempo de lecer. Seguiron competindo os locais na reanudacións, con chegadas á área que os visitantes souberon defende as embestidas do Santaballés e sacaron tres puntos de ouro da Liga.
Castro 1-4 Pol: pese ao resultado, foi un partido igualado no Arturo Pereiro, que se decidiu pola efectividade do Pol en ambas áreas. O balón parado e a boa presión dos visitantes condenou a un Castro que, pese a que o intentou, non estivo atinado. Golpe de autoridade do Pol na loita polas primeiras prazas.


Antas 1-1 Foz: o Antas saíu ben plantado no primeiro tempo, e aínda que o Foz levou o peso do xogo e tivo a posesión, apenas inquedou a portería local. No segundo tempo, un gol dos celestes puxo contra as cordas aos visitantes, pero estes souberon reaccionar e pecharon aos locais no seu campo. Finalmente, tiveron o premio do empate á saída dun córner no tempo de desconto, 1-1 no Castro Seoane.
Lourenzá 1-0 Xove: un balón parado nos últimos intres sentenciou ao Xove e deu a victoria ao Lourenzá. Foron mellores os visitantes ao longo dos 90′, pero a seriedade defensiva local e a falta de efectividade do Xove permitiu a Clemente deixar a súa portería a cero. Foi Luis o que aproveitou unha peinada no 88′ para facer o 1-0.
Pastoricense 1-1 Riotorto: choque con opcións para ambos equipos, que gozaron de numerosas oportunidades, pero os paus e o porteiro visitante salvaron ao Riotorto, mentre que o porteiro local salvou ao Pastoricense. Porén, os visitantes tamén tiveron as súas opcións no derbi, pois erraron un penalti e conseguiron sacar un meritorio empate do Acebreiro. A ansia de victoria dos visitantes permitiu ao Pastoricense gozar de varios contragolpes claros nos que puido levar os tres puntos.

Sporting Pontenova 0-3 San Ciprián: o Sanci comezou o choque moi enchufado e anotou 3 goles no primeiro tempo que lle valeron para sacar tres puntos da Mina. Porén, o Sporting gozou na primeira parte de varias ocasións nas que non estivo atinado. Na reanudación, os locais non lle perderon a cara ao choque e loitaron por recurtar diferenzas, pero a falta de efectividade impediullo.
SD Chantada 0-0 Atlético Escairón: choque igualado no Sangoñedo no que ambos equipos mostraron unha versión defensiva moi seria. Os locais xeraron perigo a balón parado, mentres que os visitantes aproveitaban os segundos balóns para achegarse á meta rival. No segundo tempo, ambos equipos gozaron de situacións claras, pero non era a tarde do gol en Chantada. 0-0 e reparto de puntos na xornada 7.
Taboada 1-5 Burela: o Burela asaltou a Medela o pasado domingo. Unha primeira parte moi boa dos mariñáns valeulles para chegar 0-3 ao tempo de descanso, ante un Taboada que non estivo nada atinado. No segundo tempo, o Burela anotou o 0-4 e o Taboada sacou peito para facer o 1-4. Porén, David Ben completou o seu hat-trick co definitivo 1-5.
