A sección ‘Sesión Plenario’ está a piques de arrincar en Futbolingo. Da man de Plenario Veiga (co patrocinio de Discoteca Hermo e do Tibor) andamos na procura da persoa que máis coñecementos teña do balompé lucense.
Non vós asustedes, o obxectivo principal é pasalo ben e dignificar, unha vez máis, o noso fútbol. Así que animádevos a colaborar con nós. É tan fácil como enviar un correo a futbolinlugo@gmail.com co asunto ‘SESIÓN PLENARIO’ acompañado do nome e apelidos e un teléfono de contacto.
Facemos un chamamento a todos os equipos que animen a alguén da súa contorna que saiban que sería o candidato perfecto para representalos tamén dalgunha maneira no concurso.
Iso si, hai que darse présa porque as prazas son limitades. Xa hai concursantes apuntados e veñen con ganas de dalo todo. Lembrade que calquera persoa que teña máis de 18 anos e lle teña cariño ao noso fútbol pode participar. Sexa futbolista, adestrador, directivo, afeccionada dun equipo ou amante en xeral do balompé.



Dinámica do concurso:
Trátase dun concurso onde en cada programa dous participantes se enfrontarán. Cada un terá que responder a un máximo de cinco preguntas e a persoa que máis acerte accederá a seguinte eliminatoria.
As preguntas serán sempre referidas a algún aspecto do fútbol provincial. No caso de que rematadas as cinco preguntas regulamentarias os participantes estean igualados en acertos, seguirianse facendo preguntas de unha en unha ata que un das dúas persoas fallara.
Os diferentes gañadores accederían a sucesivas roldas ata que se xogue a gran final. O vencedor levará un premio acorde aos seus coñecementos e esforzo.

O programa emitirase os domingos en formato audiovisual. Un dos redactores de Futbolinlugo presentará a sección, dous concursantes xogarán e Plenario Veiga levantará acta en cada sesión dando por válida ou incorrecta cada unha das respostas.