A pasada semana tivemos derbi na Preferente Futgal. Un duelo de rivalidade lucense entre Pol e Lemos, que se verá reforzado polos dous que viviremos esta fin de semana e que podedes consultar na nosa habitual Axenda de todos os xoves en Radio Lugo Cadena Ser.
Por alí nos pasamos unha semana máis co claro protagonista da xornada. Non é outro que Borja Castro, un dos pesos pesados no vestiario do Lemos, e que lle deu o triunfo ao seu equipo en Pol cun solitario golazo. Aquí vos deixamos a intervención do noso compañeiro Diego Díaz ao completo xunto co presentador do espazo radiofónico Juan Carlos Rodríguez. E, por suposto, todas as verbas e declaracións de Borja Castro.
Se preferides ler antes que escoitar, deixámosvos tamén un resumo de todo o falado nas ondas!
A vitoria en Pol. «Tivemos un pouco de sorte a verdade. Xusto, xusto… non foi. Pero ás veces os partidos póñense así. O noso porteiro foi o máis espectacular dos nosos. Máis ca min. Pablo Losada salvounos bastante e o equipo respondeu a nivel defensivo».


O importante rol de Borja Castro no Lemos. «Xa son bastantes anos os que levo no Lemos en Preferente. O míster dáme moita confianza. E coas baixas que temos, tampouco temos moito máis de onde tirar. Estou encantado de axudar sempre ao equipo do pobo».

Cal é o teito do Lemos? «A día de hoxe a prioridade é manterse. Despois xa se verá. Actualmente temos bastantes baixas por temas de lesións. Entón, canto antes cheguemos aos puntos para salvarnos; mellor. Temos que ir partido a partido, sen poñerse metas moi altas que despois pasa factura».
A aportación dos menos habituais. «A súa aportación é fundamental. Os rapaces do ‘B’, os xuvenís do Calasancio e de todos os que saen. Non se lles pode dicir nada. Corren como calquera e déixano todo polo Lemos, iso é primordial. Teñen un compromiso absoluto. As baixas son as que son e estamos respondendo con resultados. Se estivesemos todos, igual levabamos algún punto máis posiblemente».

Un novo derbi ante o Ribadeo. «Creo que eles veñen nunha liña moi ascendente desde que cambiaron de adestrador e non terán problemas para salvarse. Creo que vai ser un partido bastante complicado. Nós, ultimamente, estamos a defender ben e manter a portería a cero. É básico en Preferente. E a partires de aí, aproveitar algunha cousa como o outro día co Pol».