Derrota pola mínima para PM Friol e CD Lugo
Derrota do PM Friol no campo do Lóstrego CF tras un partido no que as amarelas xa entraron mal. Nunha xogada na que as friolesas perden o balón, o Lóstrego aproveita para marcar o único gol do partido no minuto 8′ de xogo por medio de Adelaida. As xogadoras do PM Friol tiveron balón e algunha que outra ocasión, pero non souberon aproveitalas. As imprecisións, a distancia entre liñas e a falta de acerto condenounas.
«Estamos nunha dinámica da que temos que saír. Temos que espabilar e traballar para mellorar», comentaba Ángel Villar.
O CD Lugo tamén caía ante o Villa de Simancas pola mínima, un equipo chamado a estar na parte alta da clasificación. As de Valladolid controlaron a posesión mentres que as do CD Lugo trataban de roubar e saír á contra. Durante moitos minutos, as lucenses conseguiron asedialas e obrigalas a xogar directo e renunciar a un partido combinativo como gusta ás vallisoletanas.

Porén, as xogadoras albivermellas víanse ao mesmo tempo con dificultades para xogar crear perigo. Unha excesiva precipitación co balón impedía chegar á área rival ás lucenses.


Durante os primeiros 70 minutos o partido transcorreu nesa dinámica. As vallisoletanas tiveron algunha chegada perigosa pero solventada pola defensa luguesa. Nos últimos 15 minutos de encontro todo cambiou, con ocasións para ambos equipos mais, xa no desconto e nos mellores momentos do Lugo o que chegou foi o gol do Villa de Simancas nunha xogada chea de rebotes e bastante desafortunada.
Os filiais de Lugo e Friol tamén caen polo mesmo resultado: 1-2
Aínda que as de Quiroga fixeron o mellor partido do que levan de tempada, moi serio por parte de todas as xogadoras. Mais o Xallas é un equipo que sempre pon ós seus rivais en problemas. Así, o PM Friol púxose por diante cun balón en profundidade que soubo aproveitar Carla para pór o 1-0 no luminoso. O PM Friol B tiña o control do partido pero xa no minuto 50′ empata o partido o Xallas por medio de Olalla Antelo e as rivais das friolesas bótanse á contra, pero sen ocasións demasiado claras.
O partido rematouno por decantar un auténtico golazo de Olalla Antelo no 76′ logo dunha moi boa xogada individual.

Pola súa banda o CD Lugo B comezou perdendo logo dun gol do Sporting Burgo no minuto 16′ das botas de Laura Boedo. Porén, as luguesas non baixaron os brazos e loitaron ata que, xa no 66′ chegaba o gol do empate de Ánxela Prado. Porén, a piques de rematar o partido e cando todo semellaba rematar en táboas sería a visitante Nair Yadira Lage no 87′ quen daba a vitoria ás do Burgo.

Derrota contundente da SD Chantada na súa visita a Touro
Cun 6-1 final a SD Chantada sumou outra derrota. O partido xa comezou mal para as chantadesas, cun gol olímpico do Touro aos 3′ de xogo. Aínda así, a SD Chantada recompúxose tras unha saída de balón que roubamos e que puido anotar Eva Piñeiro. As ocasións sucedéronse para ambos equipos e poñerse por diante no marcador nunha primeira parte moi igualada.
Á volta dos vestiarios o Touro soubo resolver o partido nos primeiros dez minutos da segunda parte. As chantadesas viñéronse abaixo cos dous goles en 3′ minutos que poñían o 3-1 no marcador e remataron por encaixar outros tres goles.
Nova goleada da SD Antas
Partidazo da SD Antas na súa visita a Gondomar. O partido comezaba cas visitantes buscando roubar en campo rival e acabar xogadas o antes posible. E así chegaria o primeiro gol, Jenny anotou tras un pase filtrado. Mais as locais empatarían o encontro nun penalti dubidoso.
Unha boa xogada elaborada desde atrás sería Melanie quen anotaría.
Tras o paso polos vestiarios un bo centro de Jenny era rematado por Melanie de cabeza para o 3-1.

A propia Jenny completaría o hat trick tras regatear á porteira e anotar a portería baleira e cun disparo lonxano pola escuadra. 5-1 final para a SD Antas

Derrota do Carballedo na súa visita a Cruces
As xogadoras do Carballedo comezaron moi ben o partido, tendo ocasións para poñerse por diante no marcador a través de Diana Picos e de Sara. Porén, a medida que pasaban os minutos o Cruces ía gañando confianza e nivel de xogo para adiantarse no partido e xa na segunda cun saque dende o curruncho que rematou en gol colocar dous goles de vantaxe no luminoso. Xa no 83′ chegaría o terceiro gol do Cruces que sentenciaba o partido.
Aínda que as de Sementa non baixaron os brazos e seguiron tendo moitas ocasións para marcar, a porteira rival luciuse e o gol do caballedo non chegou ata os últimos minutos, anotando Ana Lamas no 89′, demasiado tarde para pensar na remontada.
O marcador final, 3-1, deixa ao Carballedo na 11ª posición.
O San Lázaro golea á SG Comercial na casa
Cun 5-0 rematou o derbi lugués aínda que as xogadoras do Comercial comezaron ben o partido, con ocasións en ataque, o primeiro dos goles sacounas do partido totalmente. Isto unido a unha total falta de acerto de cara a portería condenou a un resultado abultado para o San Lázaro
O San Lázaro conseguiu manter a continuidade das boas sensacións do último partido, pero quizabes o feito de ser un derbi fixo estar nerviosas ás do San Lázaro. Aínda así saiu ben parado o San Lázaro despois de adiantarse grazas a un gol de falta de Eukene. O segundo tanto chegou en propia porta logo dunha xogada desafortunada. O resto dos tantos chegarían da propia Eukene, Kaoutar e Ana.
Derrota contundente da Milagrosa
A SCD Milagrosa caeu 5-0 a domicilio na casa da SDC Órdenes. De principio a fin as locais pasáronlles por enriba, cun gol tempraneiro no minuto 10′ que abriu a veda a unha goleada imparábel das do Órdenes. Pouco hai salvable dun partido que deixa a idea clara de que a Milagrosa ten aínda moitas cousas por mellorar.
A ADC Monte Forte tamén volve con derrota de Santiso
A ADC Monte Forte caeu 2-0 no campo do Santiso. As locais tiveron en todo momento o control do partido mentres que, as do Monte Forte, só tiveron un par de oportunidades de gol que non souberon aproveitar. As numerosas baixas nas filas monfortinas fixo que o encontro se lles fixera longo e complexo.
Camila, a porteira, evitou que a derrota fora maior facendo paradas de mérito, incluso atallando un penalti.
