Abrimos con goles marcados nos últimos días na Preferente e coas historias que hai detrás de cada un deles: Chumi e Bossa. Ademais salientamos os resultados de dous equipos do fut fem que destacaron esta semana e que tiveron o seu protagonismo nas redes sociais: Friol B e Carballedo. Por último, rescatamos a unha desas persoas de club, que engadiu un ano máis as súas pernas.

De Primeira a Preferente, de gardamallas a dianteiro, de goles a golazos

Hai varios porteiros que marcaron goles, pero sen deixar de ser gardamallas. Para seguir xogando ao fútbol, David Díaz “Chumi” tivo que tomar este verán a decisión de abandonar a súa posición baixo paus por mor dunha lesión. Deixou o Monterroso na Primeira Rexional e o Castro chamouno para o seu proxecto in extremis na Preferente como xogador de campo. Co paso das xornadas, Chumi foi collendo máis minutos e tamén protagonismo. O xoves pasado marcaba o seu primeiro gol ante o Foz e este domingo marcou o seu primeiro golazo ante o Negreira. Un encontro que supuxo a primeira vitoria do equipo de Ribeiras de Lea no que vai de temporada.

O líder dun líder

Non é unha sorpresa que o viveirense Juan Manuel Pena Louzao “Bossa” marque un gol de falta, pero tampouco renega ninguén de ver outro gol del a balón parado. A unha xornada para finalizar a primeira volta, o As Pontes ten a marcha metida cara a Terceira Galega. Gañou dezasete partidos, perdeu un e conta con trece puntos de marxe sobre o segundo (Viveiro). Un dos pilotos do equipo pontés é Bossa que foi titular na maioría dos partidos e leva catro goles. O último que marcou foi o xoves diante do Puebla. E como apuntamos naquela entrevista do verán, este domingo a semana volveu rematar cun gol de Bossa no En Xogo.

Campioas de inverno

O título recolle a designación habitual coa que se lle coñece ao líder dunha clasificación ao remate da 1ª volta. Realmente, non supón ningún trofeo e o fútbol pode cambiar tanto que tampouco serve para predecir nada. Non obstante, si demostra en resultados o feito ata o momento. Rematou o primeiro tramo de competición no grupo I da Segunda Galega e o Friol B é o líder cunha vantaxe de seis puntos sobre o Vioño (ten un partido menos). Ademais, o cadro adestrado por Covi é o único que non perdeu, o máis goleador con 48 goles e o menos goleado con 7 tantos encaixados. Na pasada xornada empataron no campo do Xuventude Crendes de Abegondo, equipo do lugar considerado o xerme do fútbol feminino galego.

Cada finde unha aprendizaxe, cada vitoria unha festa

No mesmo grupo ca o Friol B atópanse a SD Chantada, a Comercial e un Carballedo que convirte cada encontro nun sentimento de esforzo colectivo ou polo menos así o transmiten nas súas redes sociais. Nesta xornada conseguiron a segunda vitoria da temporada, a primeira fóra do Catro Ventos. O triunfo foi pola mínima con gol de Diana Picos ante o cuarto clasificado do grupo, o Silva. O cadro silvista non perdera ningún partido como local. Cos tres puntos, a festa no vestiario e nas redes sociais do Carballedo estaba asegurada.

 

Ver esta publicación en Instagram

 

Gran traballo

Una publicación compartida de Carballedo CF (@carballedocf) el

Os corenta e tantos de Manel

Foi ponte festiva para os equipos da Segunda e da Terceira Rexional que están a espera de afrontar a última xornada do 2018 a vindeira fin de semana. No Goiriz aproveitaron o descanso para celebrar o aniversario do xogador máis veterán do cadro de futbolistas. José Manuel Cornide Souto “Manel” naceu na parroquia do equipo no que xoga hai 45 anos. O equipo regresou esta tempada á Segunda e Manel continúa portando o brazal de capitán de maneira incombustible polo lateral esquerdo.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario