A xornada en Terceira deixounos resultados positivos, co triunfo do Polvorín e o empate do Racing Vilalbés ante o Compostela. Na Preferente, destacamos o primeiro triunfo da temporada do Castro e tamén a victoria do Viveiro que se coloca segundo. Empate no derbi mariñán entre o Ribadeo e o Foz e derrota da Sarriana, que baixa á terceira praza.

Importante victoria do Polvorín na Cheda por dous tantos a cero ante un rival directo como o Céltiga. Logo de dous meritorios empates ante Ourense C.F. e Bergantiños, este triunfo coloca ao filial lucense no décimocuarto posto. Partido cómodo para os de José Durán, que tiveron o control do balón, pero que erraron numerosas ocasións de gol. Non foron quen de adiantarse ata os primeiros minutos da segunda metade, cun zapatazo do lateral Asier desde fóra da área. Dez minutos máis tarde, Marcos fixo o segundo cun bo lanzamento desde a frontal. O Céltiga, apenas inquedou a meta de Cacharrón. Nos da Illa xogou no equipo titular Nathan, xogador formado no xuvenil do C.D. Lugo.

O Racing Vilalbés acadou un empate a un tanto ante un dos galos da categoría, a S.D. Compostela, nun encontro adiantado ao xoves. Os de Simón Lamas seguen en postos de descenso, pero é patente a melloría do equipo, sobre todo na Madalena. Partido con máis dominio do balón dos santiagueses, pero con moitas ocasións para ámbolos conxuntos. Aos 11 minutos de xogo, Javi Ballesteros adiantou ao Racing, logo de aproveitar un erro defensivo, facendo o seu quinto tanto no que vai de liga. Apretou o Compostela, pero os chairegos resistiron a embestida e mesmo Jose Varela puido facelo segundo. Ao pouco de comezala segunda metade, o canario Aythami fixo o empate nunha acción protestada polos chairegos, na que reclamaron fóra de xogo. Make, Ballesteros e Álex Pérez tiveron as ocasión máis claras na última media hora. O lucense Santi Gegunde foi titular no Compos.

O Viveiro xa é segundo. Quinto triunfo consecutivo, desta volta por cero a tres no campo do Estudiantil, pechacancelas da categoría. Kiko salvou unha clara ocasión dos locales, desbaratando un man a man, pero aos poucos minutos, Arturo adiantou aos de Chusky logo dun gran pase de Aitor. Na segunda metade, un gol en propia meta dun defensor dos da Estrada, e de novo Arturo, tras un córner,  pecharon a conta dos viveirenses.

A Sarriana apañou a cuarta derrota da temporada, terceira consecutiva, na Ribela ante o Arzúa (0-2). O conxunto sarriao, moi superior na primeira media hora, contou con numerosas ocasións de gol, pero non foi quen de aproveitalas, mentras que os visitantes unicamente tiraron unha falta ao pao. Na segunda metade, un roubo de balón sobre Marzán, moi protestado polos xogadores da Sarriana ao considerar que existiu falta sobre o xogador de Escairón, rematou cun disparo desde medio campo de Damián que rematou en gol. A Sarriana logrou empatar por medio de Luisma, pero o árbitro anulou o tanto por suposto fóra de xogo. Xa moi preto do final, o pichichi da Preferente, Iker Hurtado sentenciou o encontro.

O derbi mariñán non nos premiou con goles. Empate a cero entre Ribadeo e Foz no Pepe Barrera, nun encontro no que o máis destacado foi o gran ambiente nas gradas, con multitude de afeccionados focenses. Partido marcado pola expulsión, con cartón vermello directo a Bouso á media hora de xogo. Gayol situou a Dani Chao no lateral esquerdo e o Foz, apenas viu perigar o marcador. Na primeira metade as ocasión máis claras para os locales chegaron por medio de Poratti, que rematou a rentes do pao en dúas ocasións, e nun tiro de Javichu que marchou ao pao. Asier, cun tiro cruzado protagonizou o único achegamento do Foz. Na segunda metade, dominio territorial do Ribadeo, que non soubo xestionar. Dous paradóns de Bruzos nos primeiros minutos da reanudación, logo dun potente disparo de Luki en nun libre directo de Javichu, foi todo o bagaxe ofensivo dos de Rafa Casanova. O Foz, cun home menos, acadou un meritorio empate, sumando dez dos últimos doce puntos en xogo.

Por fin o Castro puido celebrar un triunfo nesta campaña. Foi no Arturo Pereiro ante o Negreira por dous tantos a un. A primeira metade non tivo un claro dominador, e foron os visitantes os que se adiantaron, a falta de catro minutos para o descanso, por medio de Richi. Co encontro prácticamente controlado polo Negreira, o Castro foi quen de darlle a volta en cinco minutos máxicos. No minuto 54, unha xenial volea de Chumi serve para acadalo empate. Na seguinte acción o defensa visitante Sanín foi expulsado e acto seguido chegou o segundo tanto para os chairegos. O burelao Javi Fraga, desde dentro da área non perdonou pechando así o primeiro triunfo do seu equipo. Nos derradeiros minutos, tentouno o Negreira sen éxito.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*