A Terceira Rexional puido vivir a novena xornada de liga ao completo. Con sorpresa no norte ao caer o Catro Roldas na Reigosa, aínda que se mantén líder. No sur, continúa a pugna na cabeza entre o Lemos B e o Rubián.
Na zona norte, o Catro Roldas segue liderando o grupo, aínda que volve ver os seus rivais máis perto. Encaixou a segunda derrota do curso na súa visita ao Friol B. O bo gol de falta directa de Esteban Carracedo non se traduciu en puntos para os seus.
A un punto do conxunto amarelo está agora a Comercial. Os pupilos preparados por Andrés Rodríguez volveron levar o dominio do xogo ante o Cazás e acabaron impoñéndose. Pacín con dobrete e Martín co seu oficio foron os que sobresaíron nun bo traballo coral. O cadro xermadino tivo que lembrarlle a Iago os seus tempo de porteiro no Momán para que se puxera baixo paus na capital. A mala sorte fixo que fisurase un dedo e no segundo tempo vestiu as luvas o habitual ausente Corral.
O Catro Roldas con 19 puntos, a Comercial con 18, o Rioaveso con 17 e o Castro B con 16 (e un partido menos). O Machinango venceu ao Celeiro en terras viveirenses. Pola súa banda o filial vermello venceu ao Nausti con protagonismo claro para Álex Gascón ‘Torito’. O dianteiro de Outeiro asinou tres goles.



Na zona sur, o Lemos B e o Rubián mantéñense no máis alto da táboa clasificatoria a espera de xogar o partido que teñen entre eles pendente. O filial lemista impúxose con claridade ante o Castroverde. O Rubián fixo o propio ante un combativo Relámpago. Armesto foi un dos sobranceiros cun dobrete. O centrocampista de Laiosa cumpre a súa vixésima temporada no equipo de Bóveda.
Na terceira posición, a dous puntos dos primeiros e cun partido máis, está o Sober. Empatou no seu duelo directo co Carballedo ao que avantaxa en tres puntos na clasificación. Aperta as posicións de arriba o filial do Monterroso (4º). Venceu no duelo de filiais ao Taboada B. Pita tivo que poñerse baixo paus no filial branquiazul ante a falta de porteiro.
