Aldán Naval e Jorge Méndez estréanse en Terceira

A primeira xornada da Terceira Galega deixou puntos nos equipos lucenses. O Viveiro gañou na súa reestrea na categoría e o Vilalbés empatou ante o conxunto máis lucense de fóra da provincia. O Arzúa será un dos protagonistas habituais desta nova sección que estreamos, #LucensesNaTerceiraGalega. Repasamos como lles vai, xornada a xornada, aos xogadores lugueses da Terceira División Galega.

O protagonista lucense da xornada foi o xa comentado Javi Rey. O seu dobrete pasa a historia do Viveiro CF. Así como para moitos dos seus compañeiros que viviron coa celeste por primeira vez o fútbol da Terceira. Pero que fixeron os que militan fóra dos marcos da provincia?

Dúas estreas no Manuel Candocia: 

Aldán Naval criouse na canteira do Viveiro CF. Chegou ao RC Celta para xogar en cadetes no 2015. Foto: Javi Ferreiro

Este domingo probablemente sexa un día difícil de esquecer para Jorge Méndez ou Aldán Naval. O colexiado lucense dirixiu por primeira vez un encontro na cuarta división do fútbol español. Estivo asistido por Adrián López Bermúdez e Adrián Fernández Teijido. O encontro entre o Somozas e o Fabril rematou 0-0. Non puido axudar a modificar o marcador nos últimos intres Aldán. O viveirense debutou en Terceira e no fútbol sénior no tramo final de partido. Vestiu co número 11 as costas da camisola do Somozas. Pola súa banda, Diego Villares xogou os 90 minutos co Fabril. O de Samarugo portou o brazal de capitán do filial branquiazul.

Os triunfadores:

Víctor Eimil fichou esta tempada no CD Arenteiro. Pecha unha etapa de formación na estrutura do RC Deportivo. Foto: @CD_Arenteiro

Dous lucenses triunfaron no grupo sur con cadansúa vitoria para os seus respectivos equipos. Víctor Eimil xogou todo o partido co Arenteiro na Lomba. O lateral dereito chegou este curso ao Carballiño procedente do Fabril. Fran Justo apostou polo vilalbés no primeiro once da temporada dun dos candidatos ao ascenso. Polo menos por calidade de xogadores e, semella que tamén, por un importante crecemento económico. Víctor é un dos destacados da xornada en Futbolinourense. Precisamente o Arenteiro venceu ao Arousa. Rafa Saéz tamén ten a un lucense no seu cadro de xogadores. Martín López Ross enfrontouse ao seu anterior conxunto. Despois de dous anos no Espiñedo, recalou en Vilagarcía. Xogou o partido completo tamén cunha das equipas favoritas do grupo.

Quen tamén conseguiu a vitoria foi Alberto Suárez co Choco. O mediocentro xa é un clásico da categoría. É a sexta temporada de Berto no cadro redondelán. O Choco venceu pola mínima ao Rápido de Bouzas.

O partido con máis lucenses:

Pedro Delgado e Álex Vázquez xogaron os 90 minutos no partido que o seu Arzúa xogou ante o Racing Vilalbés. Dáse a coincidencia que os dous formaron parte do cadro chairego en distintas etapas. O caso de Pedro é máis peculiar. O chantadino chegou a finais de xaneiro ao Vilalbés. Pouco puido demostrar sobre o verde coa posterior chegada da pandemia. Pola contra, o outro lucense do equipo foi suplente. Brais Prieto non puido gozar de minutos. A súa estrea na Terceira terá que agardar. Entre os dous lucenses do Arzúa, os oito lugueses titulares no Racing e os tres que entraron de refresco estiveron presentes no céspede do Viso 13 futbolistas da provincia.

O Bergan de Iago López non consegue gañar no derbi:

Xusto comeza a segunda temporada no Silva despois do seu paso polo Racing Vilalbés

Iago López segue sendo un dos piares do Bergantiños en defensa. O monfortino xogou titular todo o partido no duelo da comarca entre o Paiosaco e o Bergan. O conxunto de Carballo tamén está chamado a estar arriba na clasificación. Aínda que vén de realizar unha campaña non moi boa.

Foi a xornada dos empates no grupo norte. Catro en cinco encontros que se xogaron. O Silva tamén igualou na Grela ante o As Pontes. A representación lucense no polígono coruñés correu a cargo de Xusto Pardeiro. O focense completou todo o encontro dende o centro da zaga silvista.

Incidencia da Covid:

A pandemia non foi allea a Terceira Galega. Ademais de todas as normas sanitarias suspendeuse o CD Lugo B – SD Fisterra. A orixe foi un positivo no filial albivermello. Teremos que agardar para ver aos lucenses do Polvorín e ao gardamallas monfortino do Fisterra Ramón.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario