A pasada campaña a piques estivo de facer a súa estrea en Terceira nas filas do Racing Vilalbés logo dunha pretemporada ás ordes de Simón Lamas, pero seguiu medrando no Ribadeo en Preferente Autonómica. Agora Brais Preito Cobas (Frexulfe – O Valadouro, 05/06/1999) non deixou pasar o tren. O Arzúa, equipo revelación da Terceira na última temporada, fixouse no mariñán, que con só 21 anos ten un prometedor futuro por diante.

Xunto aos tamén lucenses Álex Vázquez e Pedro Delgado, tentará facer un bo papel nunha atípica temporada. Falamos con él logo de xogar un encontro moi especial: ante o Deportivo en Riazor.

O pasado mércores en Riazor coa camisola do Arzúa

FUTBOLINLUGO: Aínda que fose nestas circunstancias, que tal a experiencia de xogar nun estadio como Riazor?

BRAIS: Foi algo incrible e que sempre soñara. Nunca imaxinei que xogaría contra o Deportivo da Coruña nun estadio polo que teñen pasado os grandes equipos de Europa. Malia que fora un amigable, no que non puido haber público e contra un Dépor recén descendido segue a ser un dos grandes equipos do fútbol español e de seguro que axiña voltará a atoparse na categoría que lle corresponde. Foi un partido moi especial pra min, do que disfrutei moito e sempre o recordarei.

«A esixencia desta pretemporada axudaranos ao longo da liga»

FIL: Como te atopas nestes primeiros econtros co teu novo clube?

B: No campo atópome ben. De tódolos xeitos é verdade que dousrivais contra os que nos enfrontamos eran dous bos clubes da Segunda B como son o Coruxo e o Deportivo. Foron os dominadores de gran parte dos encontros, pero creo que a esixencia á que nos estamos enfrontando nos partidos desta pretemporada axudaranos ao longo da liga. Ademáis tamén tivemos a oportunidade de medirnos a un rival da nosa categoría como é a UD Ourense co cal empatamos nun encontro moi disputado. Estou contento co estado de forma no que cheguei, pero aínda teño que seguir acostumándome ao ritmo e ás disputas da Terceira, que esixen unha concentración maior en todo momento.

FIL: Cales son as expectativas do equipo para esta atípica temporada?

B: É unha temporada diferente, máis curta do normal, polo que cremos que é importante comezar ben para non desengancharse dos primeiros postos e poder pelexar por estar o máis arriba posible. Contamos cun excelente grupo de persoas, todos mo xoves pero moi bos xogadores. Se remamos xuntos na mesma dirección, estou convencido que lograremos alcanzar os nosos obxectivos.

«Deséxolle o mellor aos tres equipos lucenses de Terceira e aos moitos amigos que teño neles«

FIL: Debutades diante do Racing Vilalbés, onde o ano pasado fixeche a pretemporada. Que rival agardas para o comezo ligueiro?

B: Estiven pouco tempo en Vilalba, pero chegoume para darme conta das grandes persoas que forman parte do plantel. Agardo un equipo intenso, duro nas disputas e loitador. Seguro que nos porá as cousas difíciles.

FIL: Nesta Terceira con dous grupos, o Arzúa queda tamén encadrado cos outros dous equipos lucenses da Terceira. O C.D. Lugo B e o Viveiro. Que papel cres que farán na categoría?

B: Sempre é algo impredecible, pero a priori o Lugo B como filial, sempre posúe xogadores capaces de loitar por todo. O Viveiro tamén ten moitos xogadores que xa teñen experiencia na categoría que serán capaces de controlar os partidos, e seguro que lles dan moitos puntos. Deséxolles o mellor a cada un dos tres equipos lucenses e aos moitos amigos que teño neles.

«A competición na División de Honra Xuvenil era preciosa, xogamos en campos incribles«

FIL: Logo de dúas temporadas no Ribadeo emprendes esta nova aventura. Como foi a experiencia no conxunto mariñán?

B: En Ribadeo atopeime cun grupo dos que costa despedirse. Ademáis de aprender moito ao longo destes dous anos que pasei alí, lévome un gran número de bos recordos e amigos para toda a vida, e iso non o cambiaría por nada. Deséxolles o mellor, porque son unhas persoas fantásticas.

Brais, nun encontro na Ribela ante a Sarriana, na súa primeira temporada no Ribadeo

FIL: Anteriormente puideche xogar na División de Honra Xuvenil nas filas do C.D. Lugo.  Que recordos gardas daquela etapa?

B: Foi unha das mellores. Adestrábamos moito e a un nivel altísimo, rodeados de grandes xogadores que nos facían mellores a todos. Ademáis a competición era preciosa, con desprazamentos a campos incribles e contra xuvenís de equipos de élite. Ademáis, formar parte da base dun equipo profesional sempre ofrece maiores comodidades que outros clubes non poden ofrecer. O poder disfrutar desto foi un privilexio.

FIL: Non nos esquecemos do Foz, co que debutache no fútbol senior. Como viviche aqueles anos sendo aínda un rapaz?

B: Xogar no primeiro equipo do Foz sempre foi a miña ilusión desde pequeniño e facelo debutando da forma que o fixen metendo o gol da vitoria no desconto foi moi especial. Aprendín moito e abreume a porta a poder chegar a onde estou agora. Sempre lle estarei agradecido ás persoas que o fixeron posible e aos compañeiros que me aaxudaron a logralo.

Comparte
                     

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*