O Viveiro foi quen de acadar a permanencia matemática na pasada xornada despois de vencer ao Alondras por 2-1. Para os mariñáns, a vindeira será a oitava tempada consecutiva na Terceira RFEF, o que os mantén como un dos equipos históricos da categoría e dos poucos que xogou todas as tempadas desde o cambio de formato. Todo un histórico do noso fútbol que se reconvirte ano tras ano co fin de manterse na competición.
Este ano, o traballo foi se cabe máis meritorio polo seu curto cadro de xogadores e as baixas que tiveron, especialmente no último tramo. Todo aos mandos dun Alberto López que, na súa terceira campaña no club, volveu cumplir o obxectivo. O adestrador pasou polos micrófonos do Ser Deportivos Lugo desta semana e enfrontouse ás preguntas de Álex Gato, presentador do programa, e Eros López, redactor de Futbolinlugo. Na entrevista falaron sobre a permanencia e a última xornada ante o Compostela.
Entrevista a Alberto López do Viveiro
Acadar a permanencia: «Tiña moita responsabilidade, porque ademais hai un compoñente de sentimento de pertenza despois de estar aquí tres campañas. Había moita presión despois de todo o traballo. Nas últimas xornadas, tiñamos o temor do arrastre e poder acadalo matemáticamente foi unha liberación moi grande».
Celebración: «Para nós é como se gañasemos un título. Tiñamos un cadro moi curto e tivemos cambios e moitas limitacións. Isto foi un éxito moi grande que sae do compromiso de todos os futbolistas. Sorprendeume que xogadores que levan tan pouco tempo festexárono e vivirono como se fosen de Viveiro de toda a vida. Loitaron con todo polo club e o que fixemos ten un gran valor. Foi a miña mellor tempada en rendemento e involucración co equipo».

Última xornada: «Creo que non imos ser xuices. Cando un equipo depende de si mesmo, é moi complicado que outro poida gañarlle. O cadro do Arosa é moi superior. O Compostela foi perdendo o ascenso nas últimas xornadas».

