O Racing Villalbés e o Lemos conseguiron nesta fin de semana a súa presenza matemática na promoción de ascenso. Os monfortinos acadárono cunha xornada de adianto tras vencer ao Tyde, mentres que os chairegos venceron no derbi ante o Lugo B e aproveitaron o empate entre o Somozas e o Boiro para entrar. O Burela, pola súa parte, dependerá de si mesmo para acadar a permanencia. Pola contra, Viveiro e Pol, que non se xogaban moita cousa, perderon.
A milagre do Racing Villalbés
O Racing Villalbés venceu no derbi provincial remontándolle ao Lugo B (2-1) e consigue o billete para o play off de ascenso despois de que se deran os resultados que necesitaban. Os de Dani Galán deron máis sensación de perigo na primeira metade, pero sen que chegasen os goles. No minuto 58, unha gran transición do filial albivermello rematou nun gol de Fran Blas que facía que comezase o baile de posicións no alto da táboa.
Co partido aberto, Pablo Trigo empatou o encontro no 83 que deixaba esperanzas na Magdalena. O gol de Anthony no 92 encúmbrao como o heroe que necesitaban os de Juan Rodríguez para volver a entrar nunha promoción por segundo ano consecutivo. O Racing Villalbés medirase na primeira rolda da promoción ante o Compostela, coa volta en Santiago. Se pasan, mediríanse ao gañador do Atlético Arteixo-Estradense e, de gañar a fase galega, mediranse a un equipo do grupo catalán.
Obxectivo cumprido na Pinguela
O Lemos firmou unha vitoria agónica ante o Tyde por un 0-1 que lle da o billete directo para xogar a promoción de ascenso á Terceira RFEF. Non o terían doado, porque o conxunto local puxo as cousas complicadas, sobre todo nun primeiro tempo onde deron pasos cara adiante, aínda que non xeraron ocasións que inquedasen de máis a Pablo Losada. Marquitos sabía que o equipo necesitaba pernas frescas e os cambios deron resultado.

No minuto 88 de encontro, Rogerio atoparía a Fito dentro da área e o dianteiro arxentino firmaría o seu gol número 23 para certificar o play off. Coa tarefa feita, ao Lemos quédalle saber tanto a súa posición final como o seu rival na primeira rolda. Ademais, os monfortinos poderían ser terceiros, o que lles daría a vantaxe de campo ante o primeiro rival. Mediranse na última xornada a un Pontevedra B que acadou o ascenso neste fin de semana.
O Burela depende de si mesmo
O Burela ten cada vez máis preto a proeza da permanencia despois de conseguir a vitoria por 1-2 ante o Órdenes nun encontro no que comezaron moi ben, pero sufriron ata o final. Jairo López puxo a alegría no conxunto mariñán no minuto 2 despois de culminar unha xogada que comezou nun saque de Kiko. Xusto antes do descanso, Jairo Campo combinou con Diego Chao para deixar unha diferencia de dous goles que daba tranquilidade.
Os locais recortaron distancia a través dun gol de Mouriño e apretaban cada vez máis para intentar ir a polo empate. Dopico tivo a mellor ocasión no minuto 85, pero Kiko volveu a salvar aos de Julio Castro. As contas do Burela para a última xornada, que a xogarán na Marosa ante o Cidade de Ribeira, están moi claras. Se gaña, está salvado, xa que pese a que haxa empates estaría todo feito. Se empata ou perde, serán equipo da Primeira Futgal.
O Viveiro e o Pol rematan na casa
O Viveiro xa tiña os deberes feitos antes da chegada da última xornada, o que facía que non tivera a mesma necesidade que o seu rival, o Compostela, que venceu por 0-1 pero non puido levantar o título de campión de liga, que foi para o Arosa. Damián Noya puxo o único tanto no minuto 15 e os de Secho tiveron ata dous longueiros para aumentar a vantaxe. Os de Alberto López trataron de empatar con disparos desde fóra da área, pero sin éxito
Ao Pol aínda lle falta unha xornada, pero o telón do Municipal pechouse cun encontro no que dominaron durante 60 minutos, pero a inferioridade numérica rematou cun 1-3 para o Miño. Alesito abriu o marcador despois dunha boa xogada colectiva, pero no último tramo e con nove xogadores dentro do campo despois das expulsións de Diego Rey e Álex Pérez, un doblete de Muíños e un gol de Rubén Lozano déronlle a volta
Foto do Instagram do Racing Villalbés


