Abraham Gacía (PM Friol): “Queremos que as xogadoras asuman o concepto de profesionais”

Foto de portada: Carlos Maira

Aos poucos vai volvendo a actividade futbolística a provincia. Polo de agora só naqueles equipos que teñen certa dependencia estatal. Por incrible que siga parecendo, o PM Friol goza desa presenza na segunda categoría do fútbol feminino español. Esta campaña tan diferente preséntase tamén con cambios na Reigosa. Abraham García González (23-04-1977, Cádiz) é o novo adestrador do cadro friolés. Chega con experiencia no fútbol andaluz e unha curta estadía no canario. O seu último equipo foi a UD Tacuense. Da mesma categoría ca o PM Friol, pero correspondente ao grupo sur. Abraham vén acompañado da readaptadora Luna Castellano. Chegan con ilusión de coñecer un fútbol ignoto para eles. E coa idea de traballar para que o Friol siga tendo o seu oco no fútbol español. Por abrainte que pareza, o Friol quere seguir codeándose coa nobreza. Este domingo comeza un novo capítulo da súa historia.

FUTBOLINLUGO: Chegas por primeira vez ao fútbol galego nunha tempada rara. Cales son as sensacións?

Abraham García: Foi unha pretemporada complicada. Pouco tempo. E as xogadoras levaban sen competir máis de seis meses. O nivel competitivo que non tiveron nótase. Intentamos realizar microciclos de pretemporada nun periodo preparatorio. Imos con algo de retraso, pero supoño que como a maioría dos equipos. As futbolistas colleron ben a idea e estamos preparadas para competir.

FIL: Cambiaron moitas cousas na pretemporada?

AG: Tivemos que acelerar as cargas de traballo dependendo moito tamén de cando ían saíndo os partidos amigables, as probas da covid,… Houbo xogadoras que non soportaron esas cargas. Tivemos que dar máis descansos para rexenerar ao equipo.

“O grupo norte da Reto é unha competición que non coñecía”

Abraham García foi anunciado no mes de xullo como novo adestrador do PM Friol

FIL: Como se deu a opción de vir ao Friol?

AG: Tiña a renovación practicamente feita co Tacuense. De feito, chegara a saír a miña presentación. Pero por varias circunstancias rompeuse o que acordaramos e quedei libre. Geluco contactou comigo. Propúxome asinar esta temporada e chegamos a un acordo. O grupo norte da Reto é unha competición que non coñecía. Pero ilusionoume moito.

FIL: Cales foron os motivos de vir ao norte?

AG: Tiña experiencia de Nacional no sur, vinculado ao Sevilla FC. Despois de traballar sempre alí e a última experiencia en Canarias, quería coñecer esta competición da parte norte. Sabemos que chegamos a estrutura dun club humilde. Creo que é incrible que un equipo cunha infraestrtutura tan pequena estea en Liga Reto. Nunca visitara esta zona. Estabamos a 950km e queriamos coñecer esta parte.

FIL: Grupo máis reducido do habitual. Que che parece o formato de competición?

AG: Algúns din que están prexudicados. Outros que se benefician. Penso que todo ten a súa igualdade. Penso que o que pode haber nalgún subgrupo é que haxa algún equipo moi destacado con respecto aos outros. Ou, pola contra, que todo sexa máis igualado. A clave está en empezar a liga forte. Ir a seguinte fase cos maiores puntos posibles. Sexa para pelexar por evitar o descenso ou outras metas. Tamén debemos sacar a máxima puntuación ao principio porque non sabemos como evolucionará a situación santiaria.

FIL: Cales deben ser os obxectivos do Friol?

AG: O principal é manterse. Pero son ambicioso e busco sempre superarme. Iremos partido a partido. Empezaremos co Racing e logo xa se verá polo que loitamos. De feito, é un rival que firmou moi ben. Xa no curso anterior se vía bastante bo equipo. A súa dianteira está nunha boa xeira metendo goles nos encontros de pretemporada. Son favoritas.

FIL: Estás contento co cadro de xogadoras que tes?

AG: Temos un cadro de futbolistas bastante ben configurado. Contabamos sobre 22 xogadoras e igual nos quedamos con algunha menos. Temos a baixa de Covi que xa arrastraba lesión de atrás. Estamos tamén a espera de Marta que ten pendente unha operación no pé. E despois a baixa da porteira Ana Murga que tiñamos asinada, pero finalmente marchou ao Pozoalbense. Temos xogadoras con moi bo nivel. Pero igual lles falta experiencia na categoría. Algo que si teñen xogadoras como Goretti, LP ou Fanny Varela. Outras veñen de Nacional e temos que traballar para que se consoliden.

FIL: É unha tempada tamén complicada para o filial que de momento non comeza a competir, poderás contar con algunha xogadora?

AG: Está un pouco no aire. Tiven a confirmación de que Laura de la Torre, que era unha xogadora do filial, xa vai estar con nós a todos os efectos. Polo demais comecei coa estrutra que xa estaba montada. Traballo co que me dan.

“Queremos que todas as xogadoras se sintan titulares”

FIL: Como queres que xogue o teu equipo?

AG: Somos un conxunto que vai buscar os tres puntos sempre. Cunha presión alta. Queremos que todas as xogadoras se sintan titulares e importantes. Pódese ver que nos cinco encontros de pretemporada, modificamos sempre o once. Gústame que todas estean encufadas e gáñeno no verde.

FIL: E como se adapta o grupo a túa idea?

AG: Non podo dicir que non lle costara adaptarse a nova metodoloxía. Pero sei pola miña experiencia que as xogadoras son esixentes e sempre piden máis. Están contentas co traballo esixente e porque o equipo loite por todo. Queremos tamén que as xogadoras asuman o concepto de profesionais. En todos os aspectos. Estamos nun deporte no que temos que levar hábitos saudables, profesionais. Iso tamén é o meu traballo. Son un grupo totalmente novo. Foron moitas fichaxes e de xente de fóra. Algunhas sen xogar nunca en Reto. Temos que convencelas e que se fagan conscientes do sacrificio. Teñen que ter outro tipo de alimentación e traballar todos os días. As xogadoras teñen tamén traballos, algunhas estudan e outras só teñen isto.

FIL: Co pouco tempo que levas, cales cres que son as razóns de que o PM Friol estea nunha categoría como a Reto Iberdrola?

AG: É difícil e a min sorpréndeme. Estou vivindo aquí, nesta contorna rural, a unha certa distancia de Lugo,.. é curioso. Pero a min cautívame moito. E que este equipo xa competiu con estruturas como as do Racing, Oviedo ou Atlético de Madrid. Supoño que se traballou ben nos últimos anos. Houbo a oportunidade de meterse en Reto e a campaña pasada ía nunha liña ascendente.

“Intento poñer o meu grao de area para que o futfem siga medrando”

Abraham García adestrará por primeira vez un equipo galego. Foto: Carlos Maira

FIL: Levas uns 6 ou 7 anos xa metido no fútbol feminino. Como valoras a túa experiencia?

AG: No fútbol masculino estiven no Conil, Chiclana, tamén en seleccións,… Cando pasei ao futfem dicíanme se estaba tolo. Non crían que dera ese paso. Pero unha vez coincidiume de ver a un equipo de mulleres, os Frailes, e vin un pouco inxusto onde estaban adestrando e como o estaban facendo. Sen espazo, sen case materiais,.. Esa situación tocoume o corazón. Quixen conseguir polo menos o que conseguira no fútbol masculino. Intento poñer o meu grao de area para que siga medrando. Pasei pola estrutura do Sevilla FC, o Unión, os Frailes,… Estou encantado. Isto é fútbol. En canto aos aspectos tácticos, físicos e técnicos é practicamente todo igual. O factor piscolóxico si que é diferente.

FIL: En que sentido?

AG: Os conceptos cóllenos moitísimo antes. As xogadoras teñen unhas ansias enormes por aprender. Ademais hai moitas que comezaron tarde no fútbol e chegan con moita ilusión e ambición.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario