O fútbol galego medra e o lucense tamén. Así o acredita a Revista de Fútbol Feminino Galego, referente no seguimento do futfem. Aínda que foi unha tempada inacabada, a publicación galega organizou unha campaña máis a elección das mellores do curso. Elaborou o Once Ideal Galego Absoluto, o Once Ideal Promesa e o Once Ideal dos equipos da Primeira Nacional. O fútbol lucense adquire protagonismo no primeiro deles coa presenza de Lucía Pardo ‘LP’ e de Fanny Varela. Dúas futbolistas de Outeiro, sobranceiras do fútbol galego. E as dúas do PM Friol. De feito, o cadro friolés é o equipo que máis xogadoras aporta nesta formación de destacadas. No Once Ideal atópase tamén a defensa Andrea Mirón. E no banco de suplentes foi seleccionada a futbolista de Cariño, María Corral. Tanto Andrea como María non continúan no equipo que comezará a competición a finde do 18 de outubro. 

Lucía Pardo comezou xogando ao fútbol sala en Outeiro, pasou polo Azkar e comezou ao fútbol campo na Milagrosa. Esta será a súa sétima temporada en Friol

A publicación decana do fútbol feminino español asumiu cambios na organización desta iniciativa. “Renovamos porque cambiou a estrutura do fútbol en Galicia, porque hai máis xogadoras non galegas en equipos galegos e porque cada vez hai máis galegas fóra da Galiza», apunta Carlos Castro, director da Revista. Isto conlevou tamén a realizar o reconto dun novo xeito: «Antigamente os equipos galegos concentrábanse na 2ª Nacional. Era fácil. Estableciamos un sistema de votacións coa posterior colaboración dos adestradores. Pero o curso pasado xa vimos que era un pouco absurdo. Dentro das votacións o Dépor era moi superior. O mellor Once Ideal xa sería o once habitual do Deportivo. Entendiamos que iso non podía ser. Ademais cada vez había máis xogadores de fóra e non permitiamos que as galegas tiveran o seu oco«.

No 4-4-2 que usa a Revista do Fútbol Feminino no Once Ideal, LP e Fanny Varela ocupan as bandas. «Lucía Pardo por banda dereita non tiña competencia. A súas opoñentes podían estar en 2ª. Pero hai datos moi obxectivos que determinan que LP tiña que estar aí. No caso de Fanny Varela pola esquerda si que podía ter a competencia de Patri Carballo do CD Tacón… Pero só foi titular unha vez e non marcou goles. A importancia de Fanny no seu equipo foi moi superior a pesar de estar en distintas competicións», argumenta Carlos Castro. Os números das de Outeiro acredítano. Lucía Pardo foi titular en 21 partidos e marcou 10 goles. Foi a sétima máxima goleadora do grupo norte da Reto Iberdrola. A súa incidencia no equipo e en determinados momentos é indiscutible. Mesmo firmou actuacións estelares con hat-trick incluído. Fanny Varela foi titular en 16 encontros e marcou 3 goles. Xunto coa súa presenza no conxunto friolés valéronlle para aparecer nesta lista.

Segundo Carlos Castro que o PM Friol aporte catro xogadoras a esa convocatoria ideal non é casualidade: “Iso ten unha explicación. Na Revista deste mes facemos un pequeno recordatorio sobre Juan Carlos Padín que foi todo en El Olivo. Participou no tránsito do fútbol profesional. Entendeu que había que incentivar as xogadoras de xeito monetario aínda que fose pouco. Aínda que o vexa mal moita xente, hai xogadoras que teñen un nivel táctico e técnico moi superior a xogoadores de 3ª.  Como non van cobrar 400€  como mínimo? Que xa é unha vergoña que cobren 400. Polas circunstancias xeográficas que ten Friol, se Geluco apostou por ter fut fem, a única opción é investir. O Friol foi tamén un dos primeiros en aplicar esa teoría que fai que aglutine moi boas xogadoras nacidas en Galicia. Ademais, actualmente é o segundo equipo en orde de categorías. E non todas as boas poden xogar no Dépor. Combínase a situación deportiva do equipo e a aposta sempre de estar competindo que fai Geluco. O PM Friol entende o fútbol máis cara a modernidade que cara o pasado».

Fanny Varela participou no I All Star Futbolinlugo xogado en Burela no que marcou un gol

Neste Once Ideal chama a atención a ausencia da considerada mellor futbolista galega de todos os tempos. «Escollimos o criterio de que había que ter un mínimo de 15 partidos xogados. E a partir de aí valorar os datos. No caso de Vero Boquete contando os tempos de como é a temporada aquí, en Estados Unidos cóllea no medio de dous cursos. Só xogou 14 encontros. Por iso non entra na lista. Ademais ocupa o seu posto Pauleta que foi unha das pezas clave do exitoso Benfica. Pauleta é menos ca Vero Boquete? Creo que non. A liga portuguesa non ten o nivel da norteamericana (que está entre as mellores) pero está facendo máis cousas», comenta Carlos.

A pesar desta sonada ausencia, o bloque resultante semella de garantías. “Esta sería unha selección galega moi competitiva. E se a iso lle engadimos a Vero Boquete co prestixio que ten… E temos outra xogadora moi polivalente que non entrou tampouco polo mínimo número de partidos que é Sheila que está en Austria. A selección galega non competiría nunha Eurocopa de 16. Pero non ía facer o papel de Azerbaiyan”, conclúe Carlos Castro.

A Revista do Fútbol Feminino Galego é unha publicación mensual que abarca todo o futfem galego. Un balompé que segue medrando e do que a provincia de Lugo tamén é testemuña. Todos os anos organizan a Gala do Fútbol Feminino Galego. Un evento que vai pola 8ª edición. Serve para premiar as mellores de cada temporada. 

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*