A resolución das competicións xa é un tema pasado. A maioría dos clubs xa miran con ilusión a idea de volver comezar e esquecerse desta primavera 2020. Non obstante, a incerteza aínda manda no ambiente. E no futuro haberá que asumir as consecuencias precisamente da resolución das ligas. A diferenza, por exemplo, da Terceira Rexional onde se tiveron en conta os ascensos dos equipos clasificados en play off, na Primeira División Galega Feminina esa opción foi descartada. Ascendeu só o primeiro clasificado. A outra praza de ascenso quedou anulada. Esta decisión influíu a un equipo da provincia. O Friol B rematou no 4º posto. Nun posto de play off que dende o propio club tiñan claro que non debían xogar. Conversamos cunha adestradora referente na provincia. Hai quen pronuncia o nome deste maldito virus igual ca se lle coñece a ela. Pero Covi Regueiro ten nome e apelidos e as ideas moi claras sobre o que debe ser un filial.

FUTBOLINLUGO: A postura do Friol foi clara, como cres que deberían acabar as competicións?

COVI REGUEIRO: Evidentemente, queres competir. Pero dada a situación excepcional, o máis xusto era finalizar a tempada. A campaña estaba perdida porque non se puido rematar. Descender é inxusto e ascender tamén. O que estamos facendo é saturar as ligas e os grupos nas próximas tempadas. Pensamos que iso é prexudicial. Pensamos no bo para o fútbol, non na nosa posición egoísta. A Federación preguntounos se queriamos xogar a promoción. Dixemos que non porque non nos parecía xusto.

FIL: Que valoración fas da segunda tempada de vida do equipo e primeira na 1ª Galega?

CR: Positiva. A metodoloxia de traballo non é pensando en que o filial quede cuarto ou en ningunha posición. Buscamos que as xogadores melloren, formalas para que teñan proxección no primeiro equipo e intentar que avancen o máis rápido posible. No mes de marzo cortouse a proxección. Estivemos adestrando virtualmente como moitos equipos para tentar tamén manter a cabeza ocupada. Cando se volva a competir estamos falando que será despois de levar cinco ou seis meses paradas. Iso na proxección das xogadoras novas nótase moito.

«O adestramento máis específico que hai é a competición»

Covi afronta a experiencia dende hai dous anos de dirixir o filial. En anteriores tempadas xa foi adestradora do 1º equipo cando estivo lesionada

FIL: Cres que realmente pode afectar moito á súa evolución? En que sentido?

CR: Estar cinco ou seis meses sen xogar aínda que ti corras, fagas exercicios,.. pasa factura. O adestramento máis específico que hai é a competición e as xogadoras non están competindo. Estase vendo estes días no regreso da liga de Primeira e Segunda que moitos deles parecen encontros de pretemporada. É normal. É moito tempo sen xogar en equipo. Vai haber un periodo de adaptación longo.

FIL: En que punto estaban as xogadoras do filial para subir ao primeiro equipo?

CR: Moitas xogadoras con proxección ascendente. Unha xogadora de 16 ou 19 anos o que ten que facer é xogar. Non consideramos subir unha futbolista ao primeiro equipo para ser o número 18. Ten que subir para ser protagonista. Unha xogadora que leva seis meses parada ao mellor necesita recuperar rodaxe. E repito que queremos que cheguen ao Friol para ser protagonistas na Reto Iberdrola; non para ser un número.

FIL: Non obstante nalgún momento da temporada si que o primeiro equipo tivo que botar man delas para cubir convocatoria. Houbo participación en Reto Iberdrola coa estrea de Nerea, María ou Andrea…

CR: Penso que as que debutaron fixérono por merecemento. Polo nivel de cadro de xogadoras do primeiro equipo merecerían xogar máis. Pero hai que ter en conta que somos dous equipos.Se tiras do filial, non tes con quen saír no B. En dous sitios á vez non poden estar. Hai situacións nas que podes ter necesidade. Pero nós non cremos nas xogadoras ascensor. Hainas noutros equipos que acumulan oito ou nove sesións de adestramento e ao final chega a fin de semana e non xogan nin no primeiro e finalmente quince minutos co filial. Adestras moito, pero non xogas. E por moito que adestres, a competición dáche máis. Seguramente merecesen subir máis futbolistas. Pero no filial temos 17 xogadoras. Se perdes a 3 ou a 4 xa vas en cadro.

«A idea este ano é crear un equipo infantil»

FIL: Estase refrendando o que agardabas cando decidides botar adiante o filial?

CR: A mellora está sendo moito maior do que agardabamos. O primeiro equipo está en Reto e é un salto moi grande. A nosa idea este ano é crear un equipo infantil. En Lugo non hai moitos equipos e en Galicia tampouco. Iso dificulta a adaptación de xogadoras porque se non as tes cerca, tes que ir a lonxe buscalas. A adaptación acúrtase se tes xogadoras túas. Ese é o noso obxectivo. Non é facil fichar. Somos dous ou tres equipos para escoller. E as esas idades as xogadoras tamén teñen outras prioridades como os estudos.

FIL: Como de avanzado está a formación dese equipo infantil?

CR: A nosa idea é todos os anos ir creando un novo equipo na estrutura. É moi complicado porque todas as ideas que tes cortounas agora a Covid 19. Neste mes xa estariamos realizando xornadas de portas abertas, un pequeno campus,… Non é o mesmo facer captación vía telefónica ca facelo no campo. Non podes ver a nena adestrar e ela non podo comprobar se lle gusta ou se se adapta as compañeiras. A intención é seguir medrando como club.

FIL: Vai haber continuidade de cara a nova tempada (sen saber cando comezará)?

CR: O 90% van continuar. Estamos contentos con elas e elas penso que tamén con nós. Poden fallar unha ou dúas, pero máis por temas de estudos. Cando van estudar non é o mesmo ir a Lugo ca marchar lonxe. A idea é manter este bloque porque se non non tería sentido todo o que facemos.

FIL: Adestradora do filial e tamén xogadora do primeiro equipo aínda que sen poder participar moito. Como viches o curso do Friol na Reto Iberdrola?

CR: Pasei toda a temporada lesionada. Nos partidos si que estiven e tamén nos adestramentos. Colléronse novas experiencias. Houbo cousas que se fixeron ben e outras que non. É unha liga de nova creación na que partes de cero. Somos o pobo máis pequeno que está en Reto de toda España. A experiencia foi moi positiva. Sempre partimos con desvantaxe para subir xogadoras, sempre tes que cambiar o cadro de xogadoras practicamente na súa totalidade, despois o periodo de adaptación,… son moitas cousas novas.

«Está ben que se formen novos equipos sempre que non sexa unha moda»

FIL: Semella que hai intención de que na provincia se formen máis clubs como a Sarriana ou Corgo. Que opinión che merece?

CR: Que saían equipos está moi ben sempre que sexa unha idea e non unha moda. Para que un club medre tes que apostar desde a base. Facer un equipo porque che veñen xogadoras doutro club ou do fútbol sala non é unha garantía. Facer un equipo non é difícil; o difícil é mantelo. O ideal sería construír unha base e que esas xogadoras tiveran unha oportunidade despois. Incluso beneficiaría a un equipo coma nós onde é moi complicado buscar xogadoras en Galicia. Neste momento non podemos pretender fichar na nosa terra porque moitas das mellores xogadoras da provincia xa as temos no filial. Entón se eses clubs constrúen unha base na que as xogadoras podan medrar, logo as que tiveran a opción de xogar nunha categoría máis alta terían a opción de ter unha continuidade con nós, por exemplo.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*