Chega un novo Tres en Raia En Boas Mans Fisioterapia e faino co Sporting Pontenova como líder sólido do grupo norte da Terceira Futgal. Os da Mina venceron ao Río Ouro e amplían diferencias cun segundo posto que comparten Muimenta e Cazás. Ámbolos dous enfrontáronse con resultado de empate. Sobresae a vitoria dun Roupar que non saboreaba a vitoria desde facía máis de ano e medio.
No grupo sur, o Comercial goleou ao Río Sil e colidera a táboa cun Quiroga que caeu na casa fronte ao Relámpago Taboada, que enlaza dúas vitorias consecutivas. Tamén suma dous triunfos nos últimos dous partidos o Casás que venceu no feudo do Corgo B. Outros dous filiais, Taboada B e Becerreá B sacaron adiante os seus encontros.
GRUPO NORTE
O Sporting Pontenova vence ao Río Ouro e suma doce de doce (2-0). Segue de pleno o cadro adestrado por Héctor Expósito logo dun encontro no que primou o fútbol directo do que os locais saíron beneficiados. O Sporting gozou de ocasións no primeiro cuarto de hora que non foi quen de materializar, feito que lle fixo medrar ao Río Ouro no encontro. Os visitantes víronse penalizados polas lesións de Jony e o gardameta Ángel que tivo que ser sustituido por un xogador de campo. Nada máis comezar o segundo tempo, Pada adiantou aos locais, logo dunha acción a balón parado, e Jaimuky puxo terra de por medio a vinte minutos para o final. Os de Julio Castro apenas foron quen de inquedar a portería defendida por Brais Moirón.
Muimenta e Cazás igualan no partido e na segunda praza (1-1). Encontro de moita disputa física no Pichón entro dous conxuntos que non coñecen a derrota neste comezo ligueiro. Os locais foron superiores no periodo inicial, chegando á portería contraria en numerosas ocasións, aínda que o Cazás realizou unha boa labor defensiva. Seijas, que marcou por terceira xornada consecutiva, adiantou ao Muimenta cun bo disparo desde o vértice da área ante o que nada puido facer Xavi. Tras o intermedio, o Cazás adiantou liñas e os cambios déronlle outro aire. Co paso dos minutos, o Muimenta non era quen de ter o dominio do balón e os de Ángel Pena lograron o empate no tempo de desconto tras un córner que rematou no segundo pao Efrén.
O Celeiro prantou cara ao Pol B, pero non foi quen de puntuar (2-3). Gran tarde de fútbol en Trasvías cun moi bo ambiente nas gradas. Os locais complicáronlle moito as cousas ao filial, sobre todo nas accións de choque e balóns divididos nos que os de Martín Rodríguez saían vitoriosos. O Celeiro adiantouse aos cinco minutos. A veteranía de Mora serviulle para forzar un penalti cometido por Renan e o propio dianteiro foi quen de transformar a acción en gol. Refíxose ben o Pol B que logrou o empate nunha boa acción individual do brasileiro Lucas. Os de Martín Rodríguez empurraron a través do fútbol directo volveron adiantarse no marcador preto do final do primeiro tempo cun lanzamento desde longa distancia de Mora. No segundo tempo, o Pol B saiu mellor ao campo e novamente Lucas foi quen de igualar o choque. O extremo foi un pesadelo para a zaga local. Preto do final, nun lanzamento de falta Rui anotou o tanto do triunfo para os de Basi.
O Rioaveso vence na Veiga do Olmo cun tanto de penalti (0-1). Primeiro triunfo dos chairegos nun encontro no que o Castroverde foi quen tivo o balón fronte a un rival que agardou replegado no seu campo coa intención de saír á contra. Nunha delas chegou o único tanto do encontro logo dun penalti que transformou Losada. Os de Alfonso Gesto realizaron unha gran labor defensiva diante dun cadro local errático e que non foi quen de inquedar a portería contraria. No segundo tempo, os de Iago Núñez amosaron outra cara e xeraron máis situacións de perigo. A máis clara un lanzamento de penalti que detivo providencial Diego Barro. No último tramo o Castroverde asumiu riscos e o Rioaveso tamén tivo opcións de marcar á contra.

O Roupar saborea de novo a vitoria logo de vencer ao San Ciprián (2-1). Desde o mes de marzo de 2025 fronte ao Catro Roldas, o Roupar non era quen de sumar os tres puntos. E logrouno in extremis diante dun bo San Ciprián. Os pupilos de Félix Martins comezaron mellor e gozaron de boas ocasións no primeiro cuarto de hora de xogo. O Roupar asentouse no campo co paso dos minutos, pero eran os visitantes quen tiñan o control do partido. Preto da media hora de xogo, Dani GP marcou para os mariñáns ante a pasividade da defensa. O tanto fíxolle espertar aos xermadinos que foron quen de empatar antes do descanso por medio de Xavi. No segundo tempo, o Sanci gozou de varias contras que finalizaron en claras ocasións de gol que desbaratou o gardameta Adrián. Moi preto do final, cando o encontro xa se convertira nun ida e volta, Miguel anotou o gol da vitoria local.

GRUPO SUR
A Comercial, ao ritmo de Torito, golea ao Río Sil (6-0). Encontro de claro dominio local fronte a un Río Sil que non estivo atinado en ningún momento. Os locais amosaron unha gran imaxe e realizaron un bo fútbol combinativo nun primeiro tempo no que o Río Sil apenas tivo o balón. Torito marcou o único tanto dos primeiros corenta e cinco minutos e tras o paso por vestiarios, o encontro seguiu coa mesma dinámica. Os visitantes deron un baixón físico e a Comercial foi quen de marcar cinco goles. Torito con dous tantos completou outro hat-trick, Portos, Xabi e Dani completaron a goleada.
O Quiroga encaixa a primeira derrota da temporada diante do Relámpago Taboada (0-1). Segundo triunfo consecutivo do Relámpago Taboada que xa ocupa praza de promoción de ascenso. Logo dun tanteo inicial, o Quiroga fíxose co dominio do balón fronte a un Relámpago que non tivo problema en cederllo. O conxunto local eran quen de achegarse ás inmediacións da área, pero sen xerar perigo. Preto do descanso, nun erro defensivo do Quiroga chegou o único tanto do encontro, obra de Fran. No segundo tempo acrecentáronse as posicións de ámbolos conxuntos. Os locais tiveron máis balón e os visitantes amosáronse máis cómodos sen él. O Relámpago impúxo o seu estilo e levou os tres puntos do Municipal.
O Casás logra a segunda vitoria consecutiva no campo do Corgo B (2-3). O filial amosou unha boa imaxe no primeiro tempo no que foi superior ao seu rival e logrou adiantarse cun gol de Manuel tras aproveitar un erro da zaga do Casás. Andrés Rodríguez realizou un triple troco no descanso e os visitantes saíron de vestiarios con outra cara. Brayan igualou a contenda e o Corgo B tivo un penalti para volver a poñerse por diante que non foi quen de transformar. O Casás culminou a remontada con goles de Yerai e Rafa e Xoel recurtou diferencias co tempo xa cumprido.
Un tanto de Keyner sobre a bocina dalle o triunfo ao Becerreá B diante do Páramo (3-2). O primeiro tempo resultou parello. Os visitantes chegaron sen demasiada claridade á área rival e o Becerreá B, co paso dos minutos, pasou a dominar e logrou adiantarse cun gol de Higinio de penalti. Xusto antes do descanso, Gonza fixo o tanto do empate. Tras o intermedio, os locais fixeron o segundo por medio de Borja tras aproveitar un erro defensivo, pero novamente o Páramo reaccionou axiña. Hugo Dono igualou a contenda e os de Castro tiveron ocasións para levar os tres puntos, pero a boa actuación do gardameta Mito impediuno. Preto do final, un balón filtrado aproveitouno Keyner para deixar a vitoria en Becerreá.
O Taboada B vence ao Carballedo e estrea o casilleiro de vitorias (2-1). Igualdade nun primeiro tempo escaso de ocasións e que rematou sen goles. Na reanudación, o Taboada B saiu mellor e logrou dous goles, obra de Iago nunha contra, e Fran tras un saque desde o curruncho. O Carballedo, que tentaba xerar perigo a través do xogo por ambas bandas, quedou tocado con dous tantos en contra case consecutivos. No último cuarto de hora, David Guerra acumulou xogadores en zona de ataque e logrou recurtar diferencias cun tanto de Doval. O Taboada B aguantou as embestidas visiantes sen demasiados apuros para sumar o primeiro triunfo do campionato.

