O Outeiro de Rei tivo durante a xornada pasada o regreso de Aarón Sánchez ao seu banco cunha vitoria vital para manterse na Primeira Futgal ante o Pastoricense por 2-1. O técnico volve a que foi a súa casa tras dous anos alonxado do seu vestiario, pero mantendo o vínculo cun clube que o tratou «xenial». O regreso foi froito dese «sentimento» que se xerou en Sánchez e que agora mesmo fai que intente evitar o descenso dun histórico da categoría.
Futbolinlugo: Como se deu a túa volta ao Outeiro de Rei?
Aarón Sánchez: Desde que deixei o equipo hai dúas tempadas sempre estiven vencellado a eles porque sempre me trataron xenial. Alí estiven moi contento e este ano estaba nas escolas do Concello, así que nunca perdín o contacto. Falaron conmigo para revertir a situación e tras pensalo quero salvar o equipo. É máis un sentimento, fastidiame que o equipo estea na zona baixa cando nunca descendeu da Primeira Futgal e gustariame axudar para permanecer.
FIL: Foi o bon recordo que tiñas ti da entidade decisivo á hora de firmar?


AS: A verdade é que foi a chave. Tiven bastantes ofertas de diferentes categorías e a todos lles dixen que non quería adestrar. Esta é unha situación moi diferente polo sentimento que teño co clube e penso que a xente debe entendelo tamén.
«A victoria foi unha liberación para o Outeiro de Rei»
FIL: Conseguístedes unha importante vitoria ante un rival directo coma o Pastoricense na última xornada. Como foi o encontro?
AS: Foi un encontro importantísimo para ambos. Nós xogabámonos moito máis porque marchaban a seis puntos. A tensión fixo que fose un choque de moitas disputas e sobre todo nos últimos minutos tivemos que sufrir con eles volcados. O pitido final do árbitro foi case unha liberación nun partido de ida e volta que tanto a nosa vitoria coma o empate eran xuntos. Tivemos moi boas oportunidades que penso que erramos pola ansiedade de tratar de marcar o terceiro gol. Pero o máis importante era cortar a xeira negativa de nove derrotas consecutivas. Para os rapaces foi unha liberación e así logramos afrontar todo dun xeito diferente.

FIL: Estades empatados con eles nunha loita pola permanencia na que estades tres equipos nun punto. Cal cres que pode ser a chave para acadar a salvación?
AS: A idea que temos é deixar catro equipos por debaixo para evitar arrastres. Inda que o calendario sexa un factor, nós pensamos en ir semana a semana. Esta foi unha vitoria importantísima e agora a nosa mente está en Vilalba. Xa non é ir partido a partido, senón centrarnos en cada adestramento para que todo saia como queremos. Danos igual o rival porque nós temos que sumar cada fin de semana. Esperamos sumar os tres puntos ante o Vilalbés como na primeira volta.
FIL: Como viches ao cadro de xogadores do Outeiro de Rei dende a túa entrada?
AS: É un equipo con moitas caras novas dende a miña anterior etapa. O que si destaco deles son as ganas que teñen de traballar día a día. Nestas catro sesións están respondendo moi ben cunha gran calidade de adestramentos e todos teñen a predisposición de sumar cando lles toque dentro dun cadro moi amplo. Cambiamos algunha cousa, pero sobre todo notamos un cambio a nivel mental do equipo para acadar mellores resultados. A vitoria do fin de semana reforza unha dinámica na que queremos seguir no Outeiro de Rei.
