#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal

A Sarriana volve a postos de ascenso antes da traca final

A dúas xornadas para que remate o campionato a Sarriana recupera o seu sitio nos postos que dan acceso a xogar a vindeira temporada en Terceira. Os sarriaos venceron na Ribela pola mínima ao Sigüeiro. O Lemos perdeu na casa diante do Dubra. Na loita pola permanencia a Residencia obtivo tres puntos de ouro diante do Puebla, mentres que o Foz empatou no campo do San Tirso e segue vivo na pelexa, aínda que o descenso do Arousa desde a Segunda RFEF fai que dous terceiros clasificados nos subgrupos perdan a categoría. O Santaballés, que perdeu co As Pontes, e o Escairón, que fixo o propio co Xallas, xa non teñen opcións de permanencia. O Ribadeo descansou nesta xornada.

A Sarriana gaña pola mínima ao Sigüeiro nun encontro que puido rematar en goleada (1-0).

O cadro sarriao volve a postos de ascenso logo dun axustado triunfo diante do Sigüeiro, xusto antes de afrontar as dúas xornadas finais diante de Arteixo e Paiosaco.

Os de Edu Rodríguez fixeron un encontro moi completo e foron moi superiores ao seu rival. Contaron con numerosas ocasións de gol, a maior parte delas moi claras. O rival chegou moito menos a portería de Javi Liz, pero cando o fixo foi con perigo, chegando a estrelar dous balóns no longueiro.



O tanto non chegou ata o minuto 72 nunha boa xogada por banda de Diego Rey que asistiu a Gerardo que empurrou ao fondo da portería. A peor nova na Ribela foi a lesión de Omar que tivo que abandonar o terreo de xogo. Ogallá poda estar nos campos o antes posible!.

O Lemos caeu co Dubra nun encontro con pouco en xogo (1-2).

A escaseza de obxectivos fixeron que o encontro se desenrolase cun ritmo baixo de xogo. Ademáis, as numerosas baixas lastraron a un Lemos onde debutou o xogador do filial Sergi.



O Dubra dominou amosando unha mellor actitude e máis intensidade durante os primeiros corenta e cinco minutos. Sen embargo, foron os monfortinos os que se adiantaron no marcador nunha xogada por banda de Álvaro que asistiu a Sidibé, e este superou ao gardameta visitante. Sobrepasado o ecuador do primeiro tempo o Dubra empatou nunha contra que Dani soubo finalizar á perfección.

A segunda metade foi de ida e volta. O cadro visitante logrou adiantarse nun saque desde o curruncho que rematou David Noya. Nos seguintes minutos o Lemos sufriu e ben puido chegar o terceiro se non fora pola boas intervencións de Arturo que salvou dous man a man. Nos últimos intres tivo o empate Sidibé, pero atopouse coa gran intervención do gardameta do Dubra.

Segundo triunfo consecutivo dunha Residencia que olla de preto a salvación (3-1).

O conxunto lucense sumou tres puntos claves diante do Puebla ao que superou na clasificación. Os de Dani Galán controlaron o encontro en todo momento e deixaron o encontro encarrilado xa na primeira metade. Aos vinte minutos de partido, Txiki conectou con Rois e este desde fóra da área disparou ao pao longo lonxe do alcance do porteiro. Antes do descanso, un balón morto dentro da área aproveitouno Esteban para poñer moi de cara o marcador para a Resi. Xabi gozou de dúas ocasións claras para deixar o encontro sentenciado.

O encontro baixou de ritmo na segunda metade, pero o cadro lucense mantivo o control do mesmo e apenas concedeu ocasións a un Puebla que non amosou unha boa imaxe na Cheda. No minuto 82 un centro de Borja Rasilla rematouno López ao fondo da portería. Xa co tempo cumprido Madiop recurtou diferencias desde o punto de penalti.



O Foz chega con vida ás últimas xornadas logo de sumar un punto no campo do San Tirso (0-0).

Bo punto o acadado polo conxunto mariñán diante dun San Tirso que xa ten os deberes feitos. O Foz terá que verse as caras con Boimorto e Victoria, os dous conxuntos que o preceden na táboa clasificatoria, e terá que gañarlles aos dous para ter opcións de seguir un ano máis en Preferente.

Os de Gayol realizaron un encontro moi práctico e non concederon practicamente ocasións a un San Tirso que o intentou sobre todo nos primeiros quince minutos. O Foz tampouco xerou excesivo perigo diante dun rival que soubo defenderse ben.

Na segunda metade librouse unha batalla no mediocampo e o xogo embarullado propiciou que non se viran situacións claras de gol.

O Santaballés perdeu no Poboado e xa é equipo de Primeira Autonómica (4-0).

O cadro chairego certificou o seu descenso no campo do As Pontes. Os de Juan Rodríguez competiron durante boa parte da temporada moi lastrados polas lesións e foron quen de chegar con vida ás derradeiras xornadas, pero non resultou posible alcanzar o obxectivo.

A primeira metade foi parella en canto ao xogo e o conxunto local penalizou dous erros do Santaballés e convertiu dous tantos que os poñían en clara vantaxe. Primeiro foi Lucky, logo dunha contra e sobrepasada a media hora Sergio Otero aproveitou un balón perdido pola defensa chairega para poñer terra de por medio.

Na saída da segunda metade, os de Rafa Casanova pouco tardaron en sentenciar por medio de Dani Bellas e ese gol lastrou moito a un Santaballés que tiña entre algodóns a varios dos suplentes. Iván Pérez fixo o cuarto e definitivo aínda con vinte minutos por diante.

Derrota dun Escairón que amosou boa imaxe no campo do Xallas (3-0).

Os de Jorge Rodríguez, a pesar do que indica o resultado, plantexaron un partido disputado fronte a un Xallas que se xogaba boa parte das súas opcións de permanencia. Cun Toto inspirado, o Escairón xerou perigo diante da portería rival no primeiro tramo de encontro, mentres que o seu rival non atopaba o camiño para batir a Álex Ávila.

Na segunda metade o Xallas logrou adiantarse no primeiro achegamento a área do Escairón cun centro de Carlos que rematou Álex Blanco. A partir de aí os de Santa Comba atoparon máis espazos, pero non lograron sentenciar o encontro ata os últimos dez minutos con dous tantos de Carlos.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *