#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

A Residencia gaña o derbi na Pinguela

Na Terceira RFEF dous valiosos empates a domicilio dos conxuntos lucenses. O Racing Vilalbés igualou no campo do Alondras e o Viveiro fixo o propio co Rápido de Bouzas. Na Preferente, a Residencia fíxose co derbi provincial fronte ao Lemos na Pinguela. Triunfo importante do Ribadeo no Pepe Barrera diante dun combativo Ordes e derrotas pola mínima da Sarriana en Betanzos e do Portomarín no campo do Boiro.

Segundo empate consecutivo do Racing Vilalbés, desta volta no campo do Alondras (1-1)

O Racing Vilalbés mantén a segunda praza logo de acadar un punto no campo dun bo rival como é o Alondras, aínda que os chairegos xa saboreaban o triunfo ata que no minuto 92 os do Morrazo acadaron a igualada.

A primeira metade foi de moita disputa e as defensas impuxéronse de forma clara aos ataques. A mellor ocasión tívoa Javi Varela nun saque desde o curruncho.



Logo do intermedio chegaron os goles. Marcos Álvarez adiantou ao Racing Vilalbés logo dun bo centro de López. O encontro abriuse e o propio Marcos Álvarez tivo ocasión para poñer terra de por medio. A balón parado Vérez e Javi Varela contaron cunha doble ocasión que a zaga local sacou baixo paos. O Alondras tentouno sobre todo a balón parado, pero non lograron concretar. Nunha acción aillada David Mosquera fixo o empate xa no tempo de desconto.

Valioso empate do Viveiro no campo do Rápido de Bouzas (1-1)

Primeiro empate da temporada para o conxunto celeste no seu desprazamente ao difícil campo do Rápido de Bouzas. O cadro vigués imprimiu un ritmo moi alto no comezo e foi quen levou a iniciativa nos primeiros vinte minutos. Malia todo, foi o Viveiro o primeiro en avisar cunha boa ocasión de Sergio Otero que detivo ben Brais Pereiro. Froito do dominio local chegou o tanto de Cellerino á saída dun córner. Co paso dos minutos o Viveiro neutralizou ao rival, pero a mala lectura das xogadas de ataque impedíronlle xerar situacións de perigo.



Na segunda metade os de Alberto López pasaron a dominar o encontro. Xerou situacións de perigo por banda e nun saque desde o curruncho chegou o tanto do empate obra de Junior. Nos últimos compases ámbolos dous conxuntos foron a polo segundo tanto e tiveron ocasións para que os tres puntos caeron para calquera lado.

Derrota da Sarriana diante do Betanzos, rival directo na pelexa polo ascenso (3-2)

Primeira metade sen control do xogo por parte de ningún conxunto con moitas transicións, aínda que con escasas chegadas claras ás áreas. Os de Brais Prados foron quen de adiantarse no marcador cun gol de Álex Pérez que rematou un saque de esquina no segundo pao. Adri Pérez atopouse coa gran intervención de Javi Rumbo que saiu vitorioso do man a man. Dúas contras foron claves para darlle a volta ao encontro. Murilo e Juan de Dora aproveitáronas para darlle a volta ao encontro.

Na segunda metade a Sarriana foi quen de levar o control do partido, pero nunha das poucas transicións do Betanzos, de novo Murilo, puxo terra de por medio. Marcos cun testarazo recurtou diferencias e cun cuarto de hora por diante a Sarriana contou con ocasións para poder empatar. Santín, Herrero e Marcos gozaron das máis claras, pero non estiveron atinados.

A Residencia vence ao Lemos na Pinguela e mete en problemas aos monfortinos (2-3)



Intenso derbi o disputado na Pinguela entre o Lemos e a Residencia e que rematou con susto polo choque entre o monfortino Carrasco e o lucense Borja, que rematou con ámbolos dous no hospital. Por sorte, xa se recuperan no seu domicilio.

Comezou mellor a Residencia e transformou o seu dominio en goles. Dani Renda aos cinco minutos inagurou o marcador logo dun bo pase de Buján e pouco despois Borja Castro desviou para a súa portería un centro de Artai. Co marcador en contra o Lemos fíxose co dominio do encontro e non tardou en recurtar diferencias por medio de Diego Torres e ata o descanso continuou xerando situacións de perigo.

Na segunda metade o encontro seguiu a mesma tendencia, cos de Óscar Moure levando a iniciativa e gozando de claras ocasións para lograr a igualada. Esta chegou a falta de cinco minutos cun tanto de Mauro. Os monfortinos erraron varios man a man e viron como o colexiado anulaba un tanto. Xa co tempo cumprido Artai desnivelou o encontro cun bo remate dentro da área.

Tres puntos, a mellor nova para o Ribadeo no encontro fronte ao Ordes (3-2)

O cadro mariñán segue sen atopar un xogo convincente, pero foi quen de sacar adiante un difícil encontro diante dun Ordes que amosou unha boa imaxe no Pepe Barrera. Os visitantes comezaron asustando cun tanto anulado por fóra de xogo e o Ribadeo non tardou en poñerse por diante no marcador. O despexe do gardameta nun córner visitante aproveitouno Xairo que cunha gran volea aloxou o balón no fondo da portería. Pouco durou a ledicia. Tan só tres minutos máis tarde un pase desde a banda esquerda rematouno Pastur libre de marca lonxe do alcance de Dos Santos. Os de Dani Moirón entraron nunha fase de descontrol que foi aproveitada polo Ordes que gozou dunha dobre ocasión que desbaratou Dos Santos nunha gran actuación. O gardameta ribadense non puido facer nada no trallazo de Álex Martínez que puxo por diante aos seus logo dunha contra. Antes do intermedio Brais gozou doutra boa ocasión para poñer terra de por medio.

Na segunda metade Santi entrou no canto do canteirán Del Viso e o Ribadeo chegou con máis perigo á portería rival. Asier puxo a proba ao gardameta Manu Vázquez e pouco despois Prosi atopouse coa gran intervención do porteiro visitante. Na continuación da xogada Criss adiantouse ao seu marcador e rematou ao fondo da portería. Co marcador igualado o encontro entrou nunha fase de letargo da que espertou a falta de dous minutos co tanto de Santi que outorgou tres puntos vitais ao Ribadeo.

O Portomarín rozou o empate na súa visita ao campo do Boiro (1-0)

O encontro comezou cun Portomarín moi ordeado e ben prantado defensivamente en campo propio. O Boiro levou a iniciativa, pero foi incapaz de xerar perigo ante a portería de Chumi. Tan só Pedro Beda nun erro defensivo estivo preto do gol. O Portomarín tentou inquedar aos barbanzáns á contra e tivo ocasións por medio de Fernando e Javicho.

A segunda metade seguiu un guión moi semellante. Pardo e Hugo tiveron ocasións para adiantar a un Portomarín que cando gozaba dos seus mellores minutos viu como o Boiro logrou o gol da vitoria. Adrián Pereira anotou logo dun centro lateral nunha xogada moi protestada polo Portomarín ao considerar que o atacante estaba en posición antiregulamentaria. Os de Fernandito foron a polo empate e o Boiro rematou pedindo a hora.

A Residencia gaña o derbi na Pinguela

Sesión Plenario 05: Regueiro – Tucho

A Residencia gaña o derbi na Pinguela

Máxicos Luca’s Grill. Xornada 13

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *