A Medela terá un apelido ilustre

En poucas circunstancias un pode escoller o apelido. Habitualmente é algo dado que toca porque toca. Non obstante, sempre hai excepcións. O campo de fútbol da Medela en Taboada vai engadir máis palabras a súa denominación. Unhas letras que significan moito e cuxa memoria se debe preservar. Dende este domingo pasará a chamarse A Medela – Xosé Anxo Varela ‘Canti’.

Xosé Anxo Varela Rodríguez ‘Canti’ foi unha desas persoas que suman e constrúen. Unha persoa entregada ao seu Taboada CF. Primeiro como xogador, logo como directivo e colaborador incansable. Unha desas persoas que trataba con respecto ao rival porque sabía que isto non era só cousa dun. De aí as súas crónicas, os seus datos e as súas fotos por toda a provincia.

Canti era un auténtico alma mater que nos deixou moi cedo. Por iso, o seu club impulsou nos últimos tempos unha homenaxe que este domingo verá a luz. «Era unha persoa moi importante no Taboada CF. Propuxémoslle ao concello poñer o seu nome no campo de fútbol, pero por mor da pandemia ralentizouse todo. Nun pleno aprobouse por unanimidade a nova denominación. Dixemos que agora era o momento pola melloría da situación sanitaria», comenta a Futbolinlugo José Manuel Montes, presidente do Taboada CF.

Ademais do novo nome, descubrirase unha placa na entrada do campo e asistirán familiares próximos a Canti. «E moitas máis xente de Taboada porque era unha persoa moi apreciada no fútbol e en xeral na vila», destaca Montes.

Á par destes actos, desevolverase o I Memorial en lembranza de Canti. Trátase dun triangular que xogarán o Taboada, a SD Chantada e o Lalín este domingo dende ás 17:00h. O presidente afirma de que van tentar que este evento se repita xa todos os anos.

O nome que se lle sumará ao de A Medela leva o nome e primeiro apelido de Xosé Anxo ademais do alias. «O de Canti non podía faltar porque é un alcume dende pequeno. Os seus pais tiñan unha cantina xusto diante do colexio municipal de Taboada. Os nenos íamos alí para comprar as golosinas. De cantina lles vén o de Canti», comenta José Manuel Montes.

Imaxe da homenaxe realizada por Futbolinlugo no I All Star con diversas imaxes dos equipos da provincia feitas polo propio Canti

«Foi todo no Taboada: o que levaba as redes sociais, encargado das fichas, desde xuvenís ata o primeiro equipo estaba pendente cando había un problema cun xogador ou cun adestrador para amañalo…Foi de sempre unha familia implicada co club. Marcos, o seu irmán, segue sendo da xunta directiva e está ao 100% dedicado ao Taboada», argumenta o presidente.

O legado de Canti continúa no Taboada CF e en moitos amantes do fútbol afeccionado provincial. «Estamos intentando estar a altura pero facelo como o facía el é difícil. Dedicáballe moito tempo», explica Montes.

A temporada do Taboada

O conxunto taboadense continúa a preparar a campaña que comeza a mediados de outubro. José Manuel Montes amósase «moi contento da pretemporada polos bos resultados. Estamos tendo moitos problemas. Incluso este xoves nun amigable co Escairón tivemos que xogar cun porteiro deles«.

Non obstante, Montes ratifica que «hai moi boas sensacións e a xente está con moitas ganas. Temos uns xogadores moi involucrados, en Taboada ninguén cobra un céntimo, veñen adestrar vinte e pico rapaces».

Ante os problemas na portería o presidente agarda que tanto Roi como Isma podan estar dispoñibles xa para o amigable deste domingo. Unha ocasión ben merecida para que Taboada poña as súas mellores galas. Sempre nos acordabamos de Canti, agora tamén vai quedar por escrito ás portas da súa casa.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 474

Deja un comentario