Sanmi amósase moi contento polo debut e agradece a Resi que conten con el

A Preferente estreouse con resultados dispares para os equipos da provincia. Salientou a vitoria da Sarriana, o empate da Residencia, do Escairón e do Santaballés (os dous últimos enfrontándose entre si) e as derrotas do Ribadeo e do Foz. Ademais do debut dos conxuntos, tamén se produciu a estrea de xogadores na categoría.

Este martes, no Ser Deportivos Lugo, a presentadora do programa, Sara Meijide, e o redactor de Futbolinlugo, Iván Calaza conversaron con David Sanmiguel Castro ‘Sanmi’ na sección ‘O protagonista da xornada’. O porteiro lucense xogou o seu primeiro partido en Preferente e o primeiro encontro oficial coa Residencia en categoría sénior, logo de dar o salto dende os xuvenís.

Pódese escoitar o audio da entrevista no SER Deportivos Lugo no seguinte enlace: Entrevista Sanmi (21-09-2021).

O gardamallas amosouse moi contento polo debut: «Estou moi ilusionado por esta temapda. Doulle as grazas á Resi por terme no seu cadro de xogadores», apuntou Sanmi.

O porteiro estreouse na primeira xornada de liga cun empate do seu equipo ante o Betanzos na Cheda (1-1). Logo de varios anos na base do cadro branquiazul destaca o orgulloso que se sente e agradécelle tamén o apoio amosado polo seus compañeiros.

A estrea de Sanmi produciuse tamén no debut de Dani Galán en partido oficial como adestrador do primeiro equipo. «Xusto antes de saír ao campo díxome que se estaba alí era porque o merecía. E que o fixera o mellor posible, sen nada de nervios; que fose como eu era persoalmente», afirmou Sanmi sobre os consellos do míster.

Sanmi dubida se terá opcións de seguir no posto de titular pero márcase os seguintes obxectivos para o curso: «Mellorar como xogador e como persoa. Ademais de ter unha boa relación con todos os compañeiros e pasalo ben con eles dentro e fóra do campo».

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 474

Deja un comentario