No pasado mes de xuño, o All-Star Futbolinlugo estreaba á Terceira RFEF como categoría representada. Grazas a iso, houbo novos integrantes que todo o mundo desexaba ver no encontro. Poucas veces pensaríamos neste medio de comunicación que un partido da categoría máis alta conformada íntegramente por equipos galegos ía ter ata catro integrantes que xogaron no Acebreiro. O Racing Villalbés terá a Make, Brais Prieto e Martín, pero na súa contra estará o Estradense de Dani Pedrosa, que ademais ten o aliciente de ter xogado na Magdalena dúas tempadas. Será o domingo ás 17.00 horas.
Os chairegos están nunha xeira invicta espectacular. Non perderon nas primeiras cinco xornadas da competición, o que fai que sexan sextos na táboa con nove puntos empatados con Alondras e Sarriana e a un só punto dos catro equipos que lideran a liga, Boiro, Barco, Lalín e Antela. Os de Juan Rodríguez son un dos firmes candidatos a estar nos postos altos da competición cando todos se xoguen as castañas.
Ademais de ser un encontro fermoso para a provincia, tamén o é na competición, xa que o Estradense tamén ten pinta de ser un dos grandes candidatos. Todo cun Dani Pedrosa que é líder e que xa acumula tres goles no que vai de tempada. Xunto a el, outros nomes importantes da competición como Migui, Porrúa, Pablo Brea ou Carabán son as grandes figuras do equipo que dirixe Manuti.
OS PROTAGONISTAS
Make, centrocampista e un dos capitáns do Racing Villalbés

Xogar contra Pedrosa: Pedrosa sempre é difícil xogar contra el porque é un gran xogador. Teremos que traballar para que o pase moi mal, pero coñecémolo moi ben e sabemos que é moi perigoso. Sempre é unha alegría telo por aquí, pero temos que ter en conta que en calquer momento aparece.

Invictos en liga: Empezamos ben a competición e aínda non perdimos. É un dato importante porque nesta categoría sumar é moi importante e acabas recordando os empates como bos resultados. Queremos continuar a xeira e mantela o máximo posible, sobre todo na casa sumando de tres en tres para estar nos postos altos.
Obxectivo: En Vilalba falouse da salvación, pero somos realistas. Temos moi bos reforzos para poder loitar arriba, temos un grupo espectacular e cada un aporta. Se continuamos así e seguimos confiando, podemos ser un dos candidatos.

Pedrosa, dianteiro do Estradense

Pasado na Magdalena: Sempre é bonito voltar. Creo que deixei bo recordo con todos os goles que fixen. Era un ano complicado no que case entramos na última fase na liga posterior á pandemia. Teño moitas ganas de ver a todos os meus excompañeiros.
Inicio do Estradense: Creo que en liñas xerais é mellorable. Vimos de anos de xogar a promoción e mantemos unha base importante. Non comezamos todo o ben que nos gustaría, temos pezas que temos que ensamblar porque xogamos moi combinativo é arriscamos moito. Creo que temos moito marxe de mellora e temos unha puntuación próxima á zona alta.
Obxectivo: Vendo todo o que fixemos, o obxectivo é a promoción. Estamos asentados na categoría e temos unha continuidade importante. Este ano non hai un xigante, polo que podemos pensar en estar arriba e intentar todo o que sexa posible.
A ANÉCDOTA
O dianteiro de Ribadeo xa xogou en dúas campañas co Racing Villalbés. En 54 aparicións co equipo, foi quen de sumar 19 goles. Coincidiu con Make, Cadra, Vérez e os irmáns Varela. Agora, coincide con outro chairego, pero no Deportivo. Na súa faceta de nutricionista, comparte moitas horas do día con Diego Villares. Un encontro especial que tamén será un pequeno derbi no vestiario de Riazor.
A AXENDA
Terceira RFEF
Sarriana-Arenteiro (domingo ás 18.00 horas na Ribela): Despois de perder a oportunidade de ser líder en solitario ao caer nas Somozas, a Sarriana terá unha boa oportunidade para volver a sumar de tres. Os problemas económicos non só fixeron que o Arenteiro pasase da Primeira RFEF á Terceira, se non que sumaron ao club nunha gran incertidume que case lles costa a desaparición.
Preferente Futgal
Lemos-Barbadás (domingo ás 17.30 horas na Pinguela): Ademais de ser un encontro fermoso no futbolístico entre dous equipos con cadros moi competitivos, para Monforte será un partido moi especial. Despois dun inicio de tempada na que non puideron contar co alento da súa afección por unha sanción, A Pinguela voltará a encherse de seareiros.
Primeira Futgal
Lourenzá-Racing Villalbés B (domingo ás 17.00 horas en Santa Cruz): Os dous equipos están rendindo a un gran nivel neste comezo da tempada e póñense a proba nesta xornada. Un catou o liderado nos primeiros intres do curso, mentres que o outro está a un só punto e teñen a mellor xeira da competición.

Segunda Futgal
O Incio Terra Brava-Sarriana B (sábado ás 17.00 horas no Carboeiro): A tempada chegou cargada de derbis na comarca de Sarria e este é un dos máis especiais, sobre todo pola cantidade de integrantes do Incio que estiveron na Sarriana. Os da Ribela son o único equipo que suma todos os seus encontros por vitorias, mentres que os locais suman tres empates consecutivos.
Fútbol feminino
PM Friol-Victoria B (sábado ás 17.30 horas na Reigosa): Despois de dar un puñetazo enriba da mesa na última xornada ao vencer ás Celtas B, o PM Friol quere consolidarse na parte alta da táboa cunha vitoria ante o outro filial da categoría.

