Os Máxicos deixan unha terceira xornada na que o Lemos ‘B’ estrenou o casilleiro de puntos, o Lourenzá segue sen perder e o Melide consolídase como candidato a todo na sección que patrocina O Muelle Bar.
O Lemos ‘B’ faise forte na casa e supera ao Muíños (1-0). A primeira parte na Pinguela foi moi igualada e apenas houbo ocasións para ningún conxunto. No segundo tempo, porén, a presión alta proposta por Yesi surtiu efecto e o filial lemista roubou dous balóns decisivos: no primeiro estiveron a piques de anotar, pero o balón topou co pau; no segundo, Nico non perdoou e anotou o 1-0 logo dunha parede. Os Máxicos lucenses tiveron o control do choque ata a recta final, cando os ourensáns apretaron e puideron empatar nun balón que se estrelou na trave. Ao final, os tres puntos quedaron en Monforte para comezar a coller sensacións nesta nova categoría.
Oural e Lourenzá suman un punto tras unha segunda parte tola (2-2). A primeira metade estivo marcada pola igualdade e o respecto entre ambos conxuntos, se ben o Lourenzá protestou un gol que lle foi anulado. O balón parado, xa na reanudación foi protagonista: os Máxicos cementeiros adiantáronse logo dun saque de banda e o «Atleti» empatou cunha falta lateral. De novo os locais golpearon cunha acción de xogo directo desde o saque de meta.
Pouco despois, empataron os mariñáns nunha pena máxima moi protestada polo Oural. Desde ese intre, o Lourenzá tratou de aproveitar o enfado local, que remataron moi descontentos coa colexiada. Porén, non houbo máis acerto de cara ao gol e os puntos se repartiron nun Luis Pallín que sufriu cinco expulsións na recta final, repartidas entre xogadores e corpo técnico.

O Folgueiro cae pero dá moita guerra á Residencia (0-3). Os Máxicos mariñáns erraron as dúas primeiras ocasións do choque, moi claras, e pagaron os erros co paso dos minutos. Artai adiantou aos branquiazuis na recta final do primeiro tempo e a Residencia soubo aguantar os esforzos do Folgueiro tras o descanso. De novo nos últimos minutos, os Máxicos da Cheda sentenciaron cun tanto de Manu e o definitivo 0-3 dun Javi Calderón que voltaba ao verde tras lesión.
O Melide asalta o Martínez Otero (1-3). O «invitado» á Primeira lucense fixo unha posta en escea moi seria e, pese a que o Foz levou o peso do xogo, os coruñeses fixeron o 0-1 cun balón longo e, logo dun saque de esquina, fixeron o 0-2. Houbo reacción mariñá na segunda metade e Mista recurtou diferenzas, pero o Cire sentenciou nun contragolpe (1-3) ante un Foz que non tivo o seu día máis brillante en ataque.
Os Máxicos do Melide aínda non coñecen a derrota no grupo lucense
O Outeiro supera con contundencia ao Guntín (0-4). A proposta dos Máxicos chairegos saíu ben, pois cederon o balón ao Guntín e conseguiron adiantarse cun gol de Cadenas á saída dun balón parado. Os laranxas tiveron opcións na recta final do primeiro tempo, especialmente por medio de Goás, pero Lucho detivo os disparos e o Outeiro duplicou a diferenza por medio de Dani. No segundo tempo, e pese ao cambio de esquema local, a seriedade do cadro de Rubén Candal traduciuse en dous goles máis en dúas transicións para sacar tres puntos de ouro do Ladairo ante un Guntín pouco efectivo.
O Taboada e o Santaballés empatan tras dous goles na recta final (1-1). A igualdade protagonizou a primeira metade na Medela, cunha ocasión clara por conxunto, pero sen que ningún dos dous fose quen de materializar. Tras a reanudación, os Máxicos chairegos dispuxeron dunha dobre oportunidade que primeiro estrelaron no pau e despois botaron fóra, mentres que o Taboada foi quen de adiantarse nun desaxuste que aproveitou, coma sempre, un decisivo Mosky. Era o 78′ E, sen apenas tempo para celebralo, os locais viron como Dani anotaba o 1-1 desde fóra da área nun tiro que se envelenou cun rexeite. Nos últimos 10′, a igualdade en todo mantívose e os puntos foron repartidos.
O filial do Racing Villalbés asalta O Sangoñedo (0-6). O partido estivo dominado de principio a fin polos Máxicos chairegos, frente a un Chantada Atlético que sufriu e notou moito as sete baixas que os mermaban. Tres goles visitantes no primeiro tempo e outros tantos tras o paso por vestiarios deixaron constancia do dominio vilalbés sobre os da vila do Asma, que agardan recuperar xente para competir de ti a ti na categoría.
O Ribadeo saca partido da calidade individual fronte ao Brollón (4-1). Tras un inicio pouco vistoso, Martín fixo o 1-0 nun remate dentro da área. Porén, o Brollón empatou no saque de centro logo dunha sucesión de erros locais que aproveitou Moaad. No 30′, Meitín puxo un gran centro ás costas da defensa que rematou Cruña para poñer o 2-1.
Tras o paso por vestiarios e logo de facer cambios, o Ribadeo mellorou a imaxe e gozou de ocasións, pero tamén concedeu varias oportunidades en defensa que os visitantes non foron quen de finalizar. Finalmente, Óscar anotou un dobrete na recta final para pechar o choque e deixar os puntos no Pepe Barrera. O cadro dos Medos, pola súa banda, protestou unha pena máxima antes do tempo de lecer e reclamou fóra de xogo no terceiro gol celeste.
Empate a todo no Municipal entre Becerreá e Milagrosa (1-1). Aínda que a Milagrosa tivo algo máis de protagonismo con balón, Xairo tirou de efectividade nunha falta directa cando xa se achegaba o final do primeiro tempo. No segundo tempo, o Becerreá sufriu unha pena máxima en contra, padeceu a expulsión de Jose e quedou con nove pola lesión dun xogador.
Porén, Joel Vasco errou na definición —ou Rubén atinou cunha gran parada— da pena máxima e Juan tivo o empate nas súas botas, pero de novo emerxeu o gardamallas local cunha soberbia estirada. Cando semellaba que os tres puntos quedarían na casa, o capitán albivermello aproveitou a superioridade visitante e un balón colgado para disparar cruzado e poñer o 1-1 definitivo.
O Monterroso asalta o Saviñao para conseguir a súa primeira victoria do curso (0-1). O partido estivo marcado pola rápida expulsión do porteiro local, Dani Díaz, logo dunha falta que evitaba un gol visitante. Desde ese intre, o Escairón competiu de ti a ti e tratou de explotar as transicións para facer dano aos Máxicos vermellos, mentres que o Monterroso xeraba perigo a balón parado.
Non se cansaron de insistir os de Fernandito fronte a un Escairón que gozou tamén de oportunidades, especialmente por medio de Germán. Finalmente, os visitantes atoparon o premio co tempo case cumprido e cun remate de Burgo, precisamente, logo dun balón parado. Tras o 0-1, os do Saviñao sufriron a expulsión de Asier e non tiveron marxe para reaccionar: os puntos marcharon cara Cerdeiriños.



