Diario dun Mercado. Episodio 510
-
Eros López | 17/06/2026
- 0
- 3min de lectura
O Diario dun Mercado cada vez acumula máis movementos e, nesta edición, nótase que xa vai avanzando o tempo. Os movementos comezan a concentrarse, con moitos conxuntos renovando e fichando a un gran ritmo. Outros comezan a construir a súa base cos adestradores, mentres que outros manteñen a pezas chave durante moitos anos. Pero tamén trae unha das peores noticias do ano, que é o fin da andaina dun club lucense.
Sempre que un club remata a súa andaina, é a peor noticia dun Diario dun Mercado. O Matela non sairá a competir a próxima tempada. O club de Outeiro de Rei porá fin a case corenta anos de historia oficial, xa que a súa fundación data de 1987. A escaseza de xogadores e a falta de implicación obrigou á directiva a tomar esta decisión. O equipo competiu este curso na Segunda Futgal e non puido manter a categoría por mor dos arrastres.
O Chantada comeza a preparar a súa nova andadura na Preferente e faino co mesmo líder no banco. Traste seguirá como técnico do Chantada e, xunto a el, continuarán o resto de integrantes do corpo técnico que vén de lograr o ascenso á Preferente: Benigno Díaz ‘Beni’, segundo adestrador; Álex Varela, preparador físico, e Miguel Corral ‘Gorry’, adestrador de porteiros e axudante técnico. A nova directiva que encabeza Sabrina Rodríguez tamén renovou a Pedro Iglesias, Pablo Iglesias, Brais Mariño e Tino.
O Racing Villalbés tamén se fixo cun dos homes do mercado. O ‘Expreso de Paradela’, Martín López, volta á Terceira RFEF da man dos chairegos despois de ascender ao Lalín. Ademais de ocupar a banda esquerda da Magdalena, tamén acompañará a Senén López no banco do Paradela, como xa anunciamos na edición 504. No Racing Villalbés seguirán Borja Míguez, Gael e Sergio Otero. Por outro lado, Manu Mosquera será baixa.

Xa se dan movementos de todo o tipo no fútbol lucense e moitos son nos bancos. Na Sarriana, Alberto Mariano será o novo adestrador dun equipo que promociona desde o filial a Carlos Dono e renova a Keko e Jacobo Vilariño, na súa oitava tempada consecutiva, e a Arona. No Chantada Atlético continuará Ivi Casillas como adestrador, igual que a dupla de Rubén Bergantiños e Iván López en Meira. Por último, o recién ascendido Jony Lombardía seguirá na Piringalla.
No campo tamén hai máis cousas que se van facendo. O Celta Barreiros renova a Peque e a Miguel Andaina por cuarta tempada e a Daniel Montoya, que volveu a xogar o ano pasado no Cascabeiro. No Céltiga estaba o chantadés Pedro Delgado, pero marcha despois de catro tempadas seguidas. Tamén fai o mesmo Lucky no Villalonga. Por último, Adrián Román deixa o Casás e Javier Morán e Jairo Gegunda seguen un curso máis no Muimenta.