Diario dun Mercado. Episodio 511
-
Eros López | 19/06/2026
- 0
- 3min de lectura
O Diario dun Mercado alcanza a súa edición DXI, 511 en números romanos debido ao Arde Lucus, con grandes movementos que fan que se mova a árbore en moitas das categorías do fútbol lucense. Xogadores importantes, xuvenis promocionados e incluso grandes lendas da provincia estarán presentes nesta nova edición, que chegará incluso á Primeira RFEF nesta ocasión.
Despois da fichaxe de Borja Fernández polo Lugo, a confección do corpo técnico era unha das principais dúbidas despois de que o seu segundo, Juan Carballo, se fixese co cargo da UD Ourense. A cousa é que o que pertencera aos Galácticos na súa época pescou das estrelas do noso fútbol. O que era ata o de agora adestrador do Lugo B, Dani Galán, será o seu segundo e estará acompañado dun All Star como Diego Seoane no banco como asistente. Ata hai nada estaba no San Roque xogando, pero despois de adestrar porteiros xunto a Simón Lamas no Bergantiños, Manu Cedrón encargarase de dirixir aos gardametas do Lugo.
Na Terceira RFEF hai unha gran novidade nos bancos, Marcos Pereiro será anunciado oficialmente como adestrador do Viveiro esta semana. O que fora segundo técnico nesta tempada de Alberto López tivo no mercado a oportunidade de debutar como técnico principal na Terceira RFEF nun proxecto novo dos mariñáns. Ao carón das nosas fronteiras, porque é o equipo máis próximo á provincia, o Somozas opta polo talento lucense de Lucas Fanego unha tempada máis.
Houbo grandes noticias no mercado grazas a continuidade de pezas importantes na Preferente. No Chantada, homes importantes como Povis, Sergio, Damián e David. O proxecto dos chantadeses ten algo importante que se está a demostrar coas continuidades, o bloque que acadou o ascenso merece a oportunidade de desfrutar da categoría. Desa categoría marcha un lucense como Lucky, que pon o rumbo ao Atlético Combarro, que este ano ascendeu á Primeira Futgal.

Na Segunda Futgal os movementos focalizáronse en tres equipos. Jorgito e Gabri promocionan ao primeiro equipo dun Iberia onde marcha Mario Pardo, que xogará no fútbol asturiano co Vegadeo. No grupo Norte, e pendente do que poida acontecer cos arrastres, hai un adeus dun corpo técnico. A dupla de Diego Barreiro e Álex Cortón marcha do Casás despois de que iniciaran o camiño do conxunto sénior cun ascenso a Segunda e loitaran por ir á Primeira no segundo ano de vida. No Grupo Sur péchase o diario coa continuidade dos capitáns do Paradela, Eros, Carba, Losada e Samos.