Dentro de tan só cinco días estaremos no Acebreiro para celebrar, un ano máis, a gran festa do fútbol lucense. Pastoriza agarda polos e polas protagonistas dunha tarde que quere quedar na lembranza. Para os despistados, lembramos o programa da sexta edición do All Star.

A sesión comezará ás 16.30 co partido feminino. Un combinado que representa á parte norte de Lugo enfrontarase a outro que xogue polo sur. A igualdade, sobre o papel, é máxima e a man dos adestradores poderá cambiar o rumbo do choque. Héctor Expósito e Pili Neira estarán do lado norte, mentres que Óscar Méndez e Ana Buceta forman o corpo técnico do sur. Tanto Héctor como Óscar chegan por votación popular como adestradores en activo, Pili é xa un clásico desta cita e Ana, nada en Moaña, representa ao fútbol feminino profesional.
Tras cinco edicións do All Star, os xogos populares seguen a ser un dos pratos fortes da tarde
Ao pouco do remate do duelo feminino, comezarán os concursos populares (18.30). O crossbar challenge abrirá unha sesión na que estaremos acompañados polos nosos amigos de BMS Sports and Health. Da súa man, os concursantes poderán participar no exitoso chutómetro e nos rebotes intelixentes. Todo o mundo pode participar nos xogos e aínda podedes inscrivirbos nesta ligazón.

Unha hora despois (19.45) chegará outro dos pratos fortes da xornada. O partido masculino medirá as forzas dun conxunto integrado por xogadores de Preferente e 3ª Futgal e as dun cadro formado por futbolistas de 1ª e 2ª Futgal. Abel Rochela e Alberto López estarán co primeiro combinado, mentres que Adrián Méndez ‘Traste’ e Fiz Rodríguez acompañarán ao segundo.

O Acebreiro agárdavos con máis premios, sorpresas e emocións que iremos desvelando ao longo da semana e no propio campo. Despois de cinco edicións e coa sexta a piques de celebrarse, non podemos estar máis ilusionados. Vémonos alí!

