Esteban Pernas do Xermade

Esteban (Xermade): «Este título é de todos os que fixeron camiño»

Tres finais perdidas tiveron que pasar para que o Xermade levantase a Copa Deputación por primeira vez na súa historia. Despois dun gran camiño durante o torneo onde eliminaron a Celeiro Club del Mar, San Ciprián, Muimenta, Casás e Sporting Pontenova, un gol de Álex Gimeno no minuto 38 bastou para vencer ao Ferreira no Sangoñedo. O encargado de erguer ese torneo foi Esteban Pernas, que foi titular na final. Todo un home de club despois de 21 tempadas e que, ao mellor esa final foi a última vez que puxo unhas botas de fútbol.

Futbolinlugo: Chegabas a esta final despois de perder tres finais de Copa Deputación, como foi a final?

Esteban Pernas: Foi ben, tomamos a competición con moita seriedade, o que nos permitiu ir avanzando roldas con paso firme. Na final, a pesar de toda a calor que facía, conseguimos facer un encontro moi bon e solvente que nos permitiu levar a Copa.

F: Cando pitou o árbitro o final e levantaches o título, que sentiches?

EP: Foi unha grandísima emoción. Despois de 21 anos pensas en toda a xente que pasou e en todas esas finales que se nos escaparon das mans. No vestiarios comentabamos que este partido non era só por nós, tamén era para todas as persoas que foron parte do camiño. Ademais era a primeira, polo que toda a familia do Xermade estaba moi emocionada.

O Xermade celebra a Copa

F: O Xermade xa ten que ser algo máis que un equipo para ti.

EP: É a miña segunda casa. Levas moito tempo non só xogando, senón que axudando en todo o que fai falta. Vai pasando moita xente, pero ese sentimento de familia continúa desde a directiva, que tamén e veterana levando a xestión do club ata o equipo.

F: Os teus compañeiros sentían esa responsabilidade de poder darche un título despois de tantos anos?

EP: Ao final son moitos anos alí, eu tiña claro que a necesitaba para pechar un círculo. Os rapaces supoño que non, non falamos diso. Podía máis a ilusión de traela para Xermade que pensar nun xogador só.

«Non tiña pensado seguir no Xermade, pero é difícil atopar xente»

F: Íache preguntar máis tarde, pero este é un bo momento. Vas continuar unha tempada máis?

EP: En principio non o tiña pensado, pero estanse complicando as cousas. É moi difícil atopar xente e tes o sentimento de que non vas deixar o club con poucos xogadores. Se hai bastantes, chegará o momento de colgar as botas, que algunha vez toca.

F: Tocando un pouco á liga, é curioso ver que levades catro tempadas consecutivas quedando sextos. Como foi a tempada para vós?

EP: Sempre estamos loitando arriba, pero coa nova promoción ás veces estamos mermados porque hai un punto da tempada onde te deixas ir porque ves que os primeiros están moi arriba. Saes a divertirte, pero veste nunha terra de ninguén que é moi dura.

F: O que si que demostra o dato é que non é raro para ningúen ver ao Xermade na metade alta da Segunda Futgal, que tamén é un éxito.

EP: Hai moitos que levan anos xogando e sabemos que, cando toca competir, damos todo. Nótase que hai encontros nos que só che vale gañar, pero hai outros onde a mentalidade é diferente. Arriba imos estar. O que pasa é que no baile de posicións sempre nos toca a sexta. Podía ser máis arriba, pero isto é fútbol.

F: Como é o vestiario do Xermade?

EP: É moi bon, cada persona que chega, independentemente da idade, todos somos da familia. O que marca o DNI non importa, ás veces tes máis relación cos que son máis novos ca ti. Collemos a todos os que veñan da mellor forma posible.

F: Nun futuro, cando as botas xa se colguen definitivamente, ves que vas seguir ligado ao Xermade noutro rol?

EP: Sexa con cargo ou sen el, seguro. Levo toda a vida alí e botarei unha man en todo o que poida. Vou axudar sempre a que o equipo poida seguir arriba. Iso sí, no banco non que non me tira tanto. Os adestradores teñen que ter moitas virtudes que eu creo que me faltan.

penaltis

Esteban (Xermade): «Este título é de todos os que fixeron camiño»

Diario dun Mercado. Episodio 511