#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Primeira Futgal #Segunda Futgal #Terceira Futgal #Terceira RFEF

Diario dun Mercado. Episodio 507

Rafa Casanova firmou neste mercado a súa renovación

As novidades non paran no Diario dun Mercado e, con só tres equipos lucenses en competición actualmente, os movementos comezan a acelerar para que os cadros de xogadores collan ritmo de cara á vindeira tempada. Non só hai adestradores que collen os seus bancos, senón que hai regresos e renovacións importantes para moitos dos equipos da provincia. A un día de que comece o Mundial, ten pinta de que os ollos do fútbol lucense estarán postos en todas as novidades que depare o mercado.

Os bancos seguen tendo moito protagonismo

Os bancos seguen con grandes movementos que para moitos equipos serán chave á hora de confeccionar o cadro de xogadores. Un dos que máis cambios tivo foi o do Friol, onde Martín se despediu alegando motivos persoais. O seu substituto xa está definido, porque Juanma será quen ocupe o seu cargo despois de dúas tempadas no Pastoricense, equipo no que militara como xogador durante seis campañas ao inicio da súa carreira.

Outro dos movementos de mercado nos bancos do fútbol lucense é a renovación de Rafa Casanova como adestrador da Residencia. O técnico cumplirá a súa terceira tempada e en todas o obxectivo é o mesmo, devolver ao conxunto capitalino á Preferente. Este ano veñen de quedar ás portas da promoción de ascenso tras perder na última xornada co Ribadeo, un dos seus rivais directos polos postos de honor.

O Iberia enche de movementos o mercado

O equipo que máis activou o mercado nos últimos días foi o Iberia, que quere asentar as bases pronto para ir a polo regreso á Primeira Futgal. Continuarán Ángel, Brais Varas e Dani Vidal, ao que se suman a volta de Antón despois de dous anos de inactividade e a firma de Jaime, canteirán do Ribadeo que ven de xogar no Vegadeo. Outro equipo que se moveu moito foi o ascendido Folgueiro, no que siguen Martínez, Iago, Oki e un Kiños que cumprirá catorce anos no club.

Un dos grandes xogadores da Mariña, como é Pol Bassa, remata a súa etapa en Fuenlabrada para voltar ao Ximnástica de Torrelavega, que ascendeu á Segunda RFEF. Nunha categoría máis abaixo houbo unha despedida, como foi a de Noah Rodríguez do Lugo B despois de tres anos na canteira albivermella. Noutros movementos que xa nos deu o mercado está a fichaxe de Azziz ao Lourenzá despois de estar no Mondoñedo, o regreso de Lorigados ao Pastoricense e a volta aos terreos de xogo de Sahbi, que o fará nun Celta Barreiros onde renovan Cafú e Jota.