Gran tempada mais sen premio para o PM Friol

  • As friolesas rematan a tempada en cuarta posición da Terceira RFEF xa que, malia gañar ao Bergantiños, os resultados do resto da xornada prívanas do play-off

PM Friol 4-1 Bergantiños

O conxunto lucense despediu a tempada cun triunfo sólido diante do Bergantiños nun encontro que foi de menos a máis. Tras unha primeira metade equilibrada, o Friol conseguiu abrir fenda no marcador na segunda parte, impulsado polo acerto de Paola, autora dun dobrete, e polos goles de Yole e Mery. O resultado deixounas finalmente na cuarta praza, nun curso no que o equipo mantivo unha liña competitiva constante.

Antas 1-1 Villalonga

O Antas non puido pasar do empate diante do Villalonga nun duelo moi igualado. As locais mantéñense na segunda posición tras sumar un punto que sabe a pouco, xa que buscaban unha vitoria para achegarse ao liderado. O partido estivo marcado pola igualdade e polas poucas ocasións claras, cun resultado final que reflicte o equilibrio visto sobre o céspede.

Milagrosa 1-1 Cee

Na Segunda División, o duelo entre Milagrosa e Cee rematou en táboas. Lidia adiantou ás locais desde o punto de penalti xusto antes do descanso, pero o equipo visitante reaccionou tras o paso polos vestiarios e conseguiu empatar grazas a un tanto de Paula. Un punto para cada equipo nun partido moi igualado.

San Lázaro 1-0 Unión Campestre

O San Lázaro levou os tres puntos pola mínima nun choque no que marcou cedo e soubo administrar a vantaxe. O control do xogo foi clave para manter o resultado, aínda que o Unión Campestre tivo opcións ata o final, especialmente grazas ao bo desempeño da súa porteira que evitaba unha vantaxe maior do San Lázaro.

Monte Forte 5-0 Lalín

Na Terceira División, o Monte Forte foi moi superior ao Lalín nun partido que se decidiu tras o descanso. Cunha segunda metade moi efectiva, o equipo local ampliou diferenzas ata lograr unha goleada clara que reflicte o seu dominio

San Roque 2-3 Cruces

O enfrontamento entre San Roque e As Crúas resolveuse por detalles nun duelo moi disputado. As visitantes acabaron levando a vitoria nun final axustado, cun gol decisivo chegado nunha xogada a balón parado.

PM Friol B 6 – 0 Carballedo

O filial friolés, xa ascendido, proclamouse oficialmente campión de liga da Terceira Futgal após a súa vitoria sobre o Carballedo, con goleada incluída. Despois duns primeiros 45 minutos moi igualados, na segunda parte as friolesas foron moi superiores tamén grazas aos cambios introducidos tras o paso polos vestiarios.