- PM Friol, Antas e Milagrosa consolidan a súa posición e candidaturas ó ascenso
- Carballedo e PM Friol B levan cadanseus derbis na 3ª Futgal
O PM Friol non falla ante un Domaio penúltimo
O PM Friol resolveu o seu encontro con solvencia ao superar por 3-0 ao Domaio. As xogadoras dirixidas por Isa fixéronse co control do balón dende o asubío inicial, xerando varias ocasións de perigo.

Yole abriu o marcador mediada a primeira metade, mentres que Nerea ampliou a vantaxe pouco antes do descanso. Xa na segunda parte, Paola encargouse de pechar o partido co terceiro tanto, certificando o dominio das lucenses ante o conxunto do Morrazo.
O Antas segue de goleada en goleada
Na Primeira Futgal, o Antas protagonizou unha goleada contundente (6-1) fronte ao Arenteiro. O encontro comezou costa arriba para as locais, que encaixaron o primeiro gol, pero reaccionaron con rapidez.

Dana e Nuria lideraron a remontada antes do descanso. Aínda que o equipo de O Carballiño saíu con máis intensidade tralo paso polos vestiarios, o Antas soubo repoñerse e sentenciou o choque con tres goles máis, amosando a súa superioridade.

A Milagrosa segue imparable
A Milagrosa continúa firme na loita polos postos de play off da Segunda División tras golear ao Órdenes por 1-7. As xogadoras lucenses deixaron o partido moi encamiñado nos primeiros vinte minutos con tres goles.

O conxunto local conseguiu recurtar distancias, pero a reacción foi insuficiente. A ‘Mila’ volveu apertar o acelerador e acabou por borrar calquera opción do rival cunha exhibición ofensiva.
O filial friolés, campión de 3ª, derrota a unha Comercial pechacancelas
Na Terceira Futgal, o PM Friol B segue coa boa dinámica tras o ascenso e sumou un novo triunfo ante a Comercial (3-0). Isa, actuando como xogadora de campo na primeira metade, foi clave cun dobrete que deixou o partido ben encarrilado.

Emma pechou o marcador no minuto 51, confirmando o dominio dun filial que continúa a gran nivel competitivo.

Derbi cheo de goles que leva o Monte Forte ante o Carballedo
No outro derbi lucense da xornada, o Carballedo impúxose por un axustado 3-4 ao Monte Forte nun partido cheo de emoción.
O equipo local, que contou con só dez xogadoras, ofreceu unha resistencia encomiable. O encontro estivo marcado polas alternativas no marcador, pero finalmente as xogadoras de Sementa levaron os tres puntos grazas a un bo disparo de Jessi.
O San Roque non pasa o seu mellor momento
A nota negativa da xornada púxoa o San Roque, que caeu por 0-2 fronte ao Bandeira. Alba e María Couto foron as autoras dos goles que condenaron ao conxunto dirixido por Blas Piñar, que non atravesa o seu mellor momento.


