Camilo Andrés Basabe foi un dos grandes protagonistas da 27ª xornada na Segunda Futgal. Camilo marcou tres goles no importante triunfo do Paradela ante o Sober. O duelo directo pola salvación no grupo sur, deixa a Camilo e aos seus compañeiros moi preto da salvación.
Na zona norte, o ascenso púxoselle de cara o Folgueiro. Sabía do empate do Guitiriz en Pastoriza (1-1) e saíu a por todas na Granda (1-4). Oki inaugurou o marcador de falta directa e no segundo tempo remataron a faena. Alcanzaron os 59 puntos e contan con tres de marxe co club guitiricense máis o gol average.
Esta fin de semana longa non hai xornada como tal porque se xogan as semifinais de Copa. Non obstante, o Folgueiro acordou co Pastoricense adiantar o partido da penúltima xornada para este venres festivo ás 12:30 h en Boa Vista. Se o Folgueiro gaña, volverá ascender á Primeira Futgal.
Co Folgueiro moi preto do ascenso, a praza que dá acceso a xogar a promoción desputarase ata o final entre Guitiriz e Riotorto, despois de que este vencera ao Sanci (1-5). O cadro guitiricense conta cun punto de marxe máis o gol average. O Alfoz (4º) aínda ten opcións matemáticas, pero o seu empate en Goiriz (0-0) restoulle moitas opcións. Queda a cinco puntos da segunda posición.


Na zona media, Goiriz, Meira, Cabreiros (que venceu 3-2 ao Celta Barreiros), Xermade, Candelaria, Celta Barreiros, Pastoricense e Casás repartiranse as posicións. Precisamente o Casás venceu 0-1 en Meira e ten a permanencia virtual asegurada, ao contar con cinco puntos de marxe co Sporting Pontenova. Iso sempre que non descendan tres equipos da Primeira para a zona norte.
O club pontenovés venceu en Matela (2-3), pero agora mesmo a súa praza sería de arrastre. Coma sempre, hai que ter en conta que se o equipo que xogue a promoción de ascenso sobe de categoría, unha praza de arrastre tamén se eliminaría. Ese equipo deixaríalle o sitio a un dos que descenda, sen necesidade de provocar que se mova ningún terceiro.
O Castroverde empatou co Xermade (2-2), pero non o evita de seguir pegado ao descenso, só con dous puntos de ventaxe sobre o Matela. As opcións de salvación do Castroverde pasan por quedar antepenúltimo, que só haxa un arrastre dende a Primeira para a zona norte e que o equipo que xogue o play off do norte suba.
O Matela sitúase a dous puntos do Castroverde e aspira a colocarse na súa praza para soñar con esa posibilidade de permanencia. Pola súa banda, as opcións do Sanci son moi escasas ao situarse a cinco puntos desa antepenúltima posición.
Na zona sur, o Becerreá e o Lemos B chegan ao seu encontro pendente con vitoria e dous puntos de diferenza. O Becerreá superou con claridade ao Friol (4-0) e o Lemos B fixo o propio no duelo de proximidade co Ferreira que se xogou na Pinguela (4-0). Do que pase este venres festivo ás 17:00 h no Municipal dependerá e moito o ascenso.
Ningún outro equipo pode pelexar por subir. O San Roque quere a terceira praza pero non pasou do empate en Palas (1-1). Os capitalinos teñen tres puntos máis que o Antas (venceu ao San Lázaro 1-2), Santa Comba e Sarriana B (derrotou ao Chantada B 4-2).
O Portomarín vivirá tranquilo nas dúas últimas xornadas logo de superar ao Páramo (1-2). Tamén o está o Ferreira, a pesar de acumular seis xornadas sen gañar. Nesta fin de semana longa xogará dous partidos. Recuperará este venres o aprazado co Monterroso B e o domingo xoga as semifinais de Copa co San Roque.
O Palas e o Friol tampouco pasarán apuros nas dúas últimas xornadas cos seus 37 e 36 puntos, respectivamente. Agás que se dera un hipotético caso no que descenderan tres equipos da Primeira para a zona sur.
Camilo, tres goles nun cuarto de hora
O ex dianteiro do Incio asinou un hat-trick en apenas quince minutos. Polo medio marcou tamén o seu compañeiro Manu e antes do descanso Samos situaba o marcador 5-0. Con todo, no segundo acto o Sober sacou o orgullo e achegouse no marcador con tres tantos.
Deste xeito, e salvo circunstancias anómalas, o Paradela ten encamiñada a salvación. Logo o Chantada B (33 puntos), San Lázaro (30 puntos), O Páramo (29 puntos), Sober (27 puntos) e Monterroso B (26 puntos e un partido menos) pelexarán pola salvación nas dúas últimas xornadas. Na penúltima hai un duelo directo: Sober – San Lázaro. A maiores, unha vitoria do Monterroso B no encontro aprazado co Ferrreira, metería de cheo ao filial na loita. Iso si, non sairía do descenso directo porque o gol average está a favor do Páramo.
En xogo, evitar as dúas prazas de descenso directo. Ademais, agora mesmo habería unha praza de arrastre. Podería entrar dentro das quinielas que houbese dúas. Nun hipotético caso podería haber tres, se descenden tres equipos da zona sur dende a Primeira. Hai que lembrar que no grupo da Primeira ourensán, o Brollón tamén pelexa pola salvación.
Coma sempre, hai que ter en conta que se o equipo que xogue a promoción de ascenso sobe de categoría, unha praza de arrastre tamén se eliminaría. Ese equipo deixaríalle o sitio a un dos que descenda, sen necesidade de provocar que se mova ningún terceiro.
É necesario apuntar que no caso de que a Sarriana descenda en Segunda RFEF, a súa baixada non tería previsiblemente efectos na Segunda lucense. Arrastraría ao peor 15º clasificado dos seis grupos da Primeira Futgal. Agora mesmo o equipo coa menor puntuación sitúase no Grupo 5.
En #ONoso11AChaira express coñecemos os 22 futbolistas destacados da pasada xornada.
De acabar agora a liga:
Ascenso directo: Folgueiro e Becerreá
Promoción de ascenso: Guitiriz e Lemos B
Descenso por arrastre (un ascenso no play off, elimina un arrastre ata un máximo dun en cada grupo): Sp. Pontenova, Castroverde e O Páramo
Descenso directo: Matela, San Ciprián, Sober e Monterroso B
Partidos pendentes de xogar:
- Becerreá – Lemos B (01/05)
- Monterroso B – Ferreira (01/05)



