PM Friol e Antas seguen gañando malia as adversidades

O PM Friol impúxose ao Lóstrego nun campo enchoupado

Non foi un partido doado para as amarelas, que se atoparon co campo do Lóstrego anegado de auga logo das fortes chuvias do domingo. A situación do verde non daba lugar ao xogo combinativo que acostuma o cadro friolés, e tocou adaptarse. Mais as amarelas souberon facelo. Yoleidis puxo o traxe de heroína e bateuse na lama como a que máis para conseguir uns novos tres puntos para as lucenses, ás que non lles quedou outra que xogar ao ‘patadón’.

O PM Friol marchou ao descanso xa co luminoso ao seu favor, 0-1, grazas ao tanto de Yoleidis no 20′. Á volta dos vestiarios, foi o Lóstrego o que anotou por medio de Julia (m. 50) para por as táboas no marcador. Pero tan só 7 minutos despois, foi Fati quen volvería anotar para dar a definitiva vitoria ás amarelas (1-2) coa que se colocan na 2ª posición da táboa, a 4 puntos das líderes, As Celtas B.

A SD Antas non falla pese a unha mala primeira parte

A entrada no partido das de Óscar Méndez foi para esquecer, sen que nada saíra ao dereito, mais sen que tampouco o Orzán B conseguira facer nada bo na súa casa.

Once inicial da SD Antas ante o Orzán B. Foto cedida

Á volta dos vestiarios, as tornas mudaron por completo. As seoanesas amosaron a súa mellor versión e Jenny puxo no 60′ ao seu equipo por diante (0-1). Rebeca aumentaría a renda no 78′ (0-2), pero semella que ao Antas non lle gusta acabar os partidos sen emoción. No 83′ foi Daniela a que anotou para recurtar distancias para o Orzán B (1-2) e ás celestes tocoulles sufrir para facer boa a vantaxe coa que contaban.

Finalmente, unha magnífica actuación de Xaiana, a porteira que saiu para sustituír a unha Julene mancada, foi esencial para que a SD Antas sumase outros 3 puntos esta xornada. O conxunto de Óscar Méndez sitúase na 6ª posición, con 10 puntos, e tan só a 5 das líderes, o Atlético San Pedro, que serán as rivais das celestes a vindeira xornada no Castro Seoane.

A Milagrosa sae goleada da visita ás líderes

Nada puideron facer as luguesas na súa visita ao campo do Tordoia, líder da Segunda Futgal, que amosou o seu gran estado de forma e calidade.

Xogadoras do Milagrosa antes do partido ante o Tordocia. Foto cedida

Un gol en propia porta de Aldara no 17′ adiantaba ás locais (1-0). Axiña aumentaron a vantaxe cos tantos de Tamara (30′) e Ana D. (46′), ata o 3-0. A Milagrosa non baixou os brazos e seguiu loitando polo partido. Foi así como chegou o único tanto das de Héctor Expósito, por medio de Martínez no 55′ (3-1). O marcador final pecharíao de novo Tamara cun gol no 80′ que deixaba o luminoso cun 4-1 e o partido visto para sentenza.

O San Lázaro lúcese ante o Nicrariense

Gran partido das luguesas dirixidas por Rubén Candal, que sumaron 3 puntos e unha goleada, nun encontro no que foron moi superiores.

O lance comezou moi de cara para as celestes grazas ao gol en propia porta de Almudena no minuto 3′ para adiantar xa ao San Lázaro.

As celestes tiveron que levar moito máis o peso do balón e a posesión do que están afeitas, pero souberon como facelo. Con varias ocasións antes, o segundo gol chegou no 27′ das botas de Xiana. Anita aumentou a renda ao 0-3 no 37′ e Dou sellou o partido co cuarto tanto no 48′.

Xogadoras e corpo técnico celebran a vigoria tras o partido. Foto cedida

Tres importantes puntos para o San Lázaro, que escala ata a 9ª posición, con 6 puntos; os mesmos que a Milagrosa.

Estreo do Carballedo con vitoria ante o San Roque

Primeiro partido para as amarelas dirixidas por Roberto ‘Sementa’, despois de que non puideran disputar a primeira xornada após a retirada da competición do filial da SD Antas.

O encontro, moi loitado por ambos equipos, tivo como gañador a un Carballedo máis concentrado, coas ideas claras, que foi capaz de adiantarse no marcador xa no minuto 7 co gol de Ari (01). Porén, no 27, Paula M. igualou o partido nunha gran contra do San Roque e cun auténtico golazo de vaselina.

Xogadoras e corpo técnico do San Roque antes de comezar o partido. Foto cedida

As de Sementa non baixaron o ritmo e, após o descanso, corrixiron certos detalles para saír de novo a dominar o partido. Así, o 1-2 chegou de novo con Ari como goleadora e co equipo centrado despois en manter a vantaxe.

Xogadoras e corpo técnico do Carballedo celebran a vitoria no vestiario. Foto cedida

Non o puxo doado o San Roque, que tivo grandes minutos cara o final do encontro e oportunidades para empatar, pero unha gran actuación da defensa do Carballedo e da súa porteira, Chusa, evitaron o gol do empate do conxunto adestrado por Blas, que quizabes fora o máis merecido.

O Monte Forte pasa por enriba da Comercial e xa é líder

Nada puideron facer as xogadoras de Vicky Burgo ante o dominio dende o inicio do Monte Forte de Meilán. As lemesas amosaron de inicio a fin un xogo moi vistoso ante unha Comercial que non puido facer valer as boas creacións de xogo nos primeiros minutos.

Noa puxo o 0-1 xa no minuto 10 e, no 12′, Marián aumentou a renda ao 0-2. Só tres minutos despois, Marián volvía anotar para pór o 0-3 ante unha Comercial que tras o primeiro tanto baixara os brazos.

As de Vicky trataron entón de repoñerse, pero Angie volvería anotar para o Monte Forte no 30′, colocando xa o 0-4 no luminoso.

Xogadoras do Comercial antes do partido ante o Monte Forte. Foto cedida

Tras o descanso, Moji puxo o 0-5 de penalti no 67 e o definitivo 0-6 chegaría cun gol en propia porta da Comercial.

Con esta vitoria, o Monte Forte colócase líder da Terceira Futgal con 6 de 6 puntos e unha diferenza positiva de +8 goles.

O PM Friol B paga a veteranía do Cruces

O filial friolés, un equipo moi novo, pagou coa derrota a experiencia das súas rivas, o Cruces. Lucía anotou os dous goles para o equipo visitante no 3′ e no 17′.

Malia que o PM Friol B recurtou distancias na segunda parte co gol de Patri no 60′ (1-2) o marcador non volvería a moverse. Pouco antes do asubío final, o filial friolés quedou con 10 tras a expulsión da propia Patri, á que o colexiado Rodríguez López lle amosou o cartón vermello no 89′.

Xogadoras do PM Friol B antes do partido ante o Cruces. Foto cedida

PM Friol e Antas seguen gañando malia as adversidades

Jorge e Brian, do Santa Comba ao

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *