Emprego estas liñas para falar sobre as características que os adestradores (permitíndome a licencia de considerarme eu un) teñen que ter, que son moitas, e sendo todas elas importantes gustaríame centrarme en escribir de dúas en concreto polo nexo tan especial que creo que teñen. Non porque posúan máis ou menos relevancia ca outras, que o deixo á percepción que cada quen teña, pero si pola súa vinculación e por como inflúen na valoración que se ten do adestrador e afectan á labor que este desempeña.
A primeira é o coñecemento do xogo, deste deporte. O grao en que un adestrador “sabe de fútbol”. Debe de ser un pilar esencial no que se sustente todo, unha condición “sine qua non”. Ten que entender que é o que acontece nun partido de fútbol, cales son os motivos de que se sucedan as distintas situacións que se dan nel e cales son as formas de influír nelas. Sen isto é moi probable que se vaia equivocar nas súas decisións.
Pero aínda sabéndoo, aínda estando capacitado pode non ser suficiente, porque os que xogan o partido son os xogadores, son eles os que están no campo e se desenvolven sobre el. E aínda que moitos o esquezan ou parece que non se dan conta… son persoas, e convén telo moi presente pois moitos dos problemas que xorden veñen provocados por esquecer isto, por non saber aceptalas, comprendelas e axudalas. Cantos adestradores con coñecementos xigantescos non conseguiron que os seus equipos xogaran, competiran ben (substitúa isto polo obxectivo que o adestrador debe de ter) porque non foron capaces de que os xogadores se expresaran no campo individualmente e como colectivo da mellor forma na que son capaces de facelo…


E aí aparece a segunda característica, o saber comunicar, transmitir ese coñecemento. Ser capaz de que o xogador crea no que se lle pide, de que vexa que ten sentido o que se lle propón, de que se comprometa, se sinta importante e trate de dar o mellor de si mesmo en todo momento logrando que progrese. Para que se consiga todo iso estou convencido de que é moi importante como os adestradores transmiten as súas ideas ós xogadores, tanto nos adestramentos como nos partidos:
- Como o corrixen, as palabras e a actitude que adoptan ó facelo e os momentos nos que o fan (berrarlle e ofendelo non soe funcionar e se se fai diante doutros as consecuencias poden ser peores).
Como o motivan, como o animan, como conseguen espertar nel sensacións positivas que asocie ás conductas que se busca que teña. - Como lle explican as cousas, en que momentos, como logran que comprenda o que se lle quere transmitir, que xestos, que vocabulario.
- Como explican e dirixen as tarefas, como fan que o xogador entenda o que se busca con elas e a transferencia que teñen á competición é ó seu desenvolvemento.
- Etc.
Todas estas pequenas cousas e moitas máis que se deberían de facer sóense deixar de lado e pódese traballar sobre elas para melloralas, cada adestrador debe de analizarse a si mesmo e darse de conta de se o pode facer mellor. Cómpre non esquecer nunca que importa o fondo, pero tamén a forma.
Para acabar deixo está conclusión a modo de reflexión persoal: moitas veces os adestradores pensan que con saber chega e que ese saber ou a súa propia función lles da unha posición de autoridade sobre o seu equipo, elevándose sobre os xogadores, pero dende a miña humilde opinión quen así pensa e se comporta está equivocado. Os adestradores estamos para axudar ós nosos xogadores a ser mellores futbolistas e ós nosos futbolistas a ser mellores equipos ou eu creo que esa é a nosa labor, encauzalos e guialos. Ninguén dixo que fose fácil pero si que vale a pena tratar de conseguilo. Un saúdo.

Rubén Candal, xogador do Sán Lázaro e Adestrador Nivel 3 UEFA Pro.