O Trío de Ases Panadería O Cantón déixanos unha Terceira RFEF sen derrotas lucenses. A Sarriana venceu no campo do Gran Peña, mentres que o Racing Vilalbés empatou no campo do Vilalonga. Polvorín e Viveiro tamén acadaron sendos empates a domicilio. Os albivermellos fronte ao Valladares e os celestes no feudo do Somozas.
Na Preferente destaca o derbi entre Ribadeo e Pol, que rematou con reparto de puntos. O Lemos caeu na Pinguela fronte ao Val, rival directo pola permanencia, mentres que o Escairón tampouco puido sumar na súa visita ao campo do Lalín.
O Racing Vilalbés mantén a segunda praza tras igualar no campo do Vilalonga (2-2)
Os chairegos afástanse en dous puntos do líder tras empatar fronte ao Vilalonga. Encontro parello no que o conxunto local buscou crear perigo mediante rápidas transicións con Rachu, Dieguito e Marcos como protagonistas. O Racing Vilalbés levou a iniciativa cun Jose Varela moi incisivo pola banda dereita. Das súas botas saiu o primeiro gol. Brais Pedreira combinou con Jose Varela e o centro deste rematouno de cabeza Anthony ao fondo da portería.


A segunda metade comezou cun Vilalonga moi metido no partido, aínda que foi o Racing o que puido ampliar diferencias no marcador nun man a man que errou Javi Rey. Raúl Diz logrou o empate para os locais, pero non tardou Javi Rey en castigar unha perda de balón dos locais para poñer en vantaxe novamente aos de Alberto López. No tempo de desconto, o Vilalonga logrou o empate cun remate de Abalo libre de marca á saída dun córner.
A Sarriana remonta fronte ao Gran Peña e segue moi preto da cabeza (1-3)
Segunda vitoria dos sarriaos con José Antonio Rodríguez no banquiño. Non foi a mellor primeira metade da Sarriana cun Gran Peña que quixo levar a iniciativa, áinda que sen xerar excesivo perigo ante a portería de Javi Liz. Álex Millán e Sané protagonizaron as chegadas máis claras dos visitantes.

No segundo tempo, nunha rápida contra chegou o tanto do cadro vigués. O lateral dereito Armada incorporouse con perigo e foi quen de culminar a xogada. A Sarriana mellorou tras o gol e comezou a mover o balón en zonas de perigo e en cinco minutos culminou a remontada. Álex Millán empatou cun gran gol desde fóra da área. Guitián aproveitou un moi bo servizo de Santi Gegunde para facer o segundo e pouco despois Boedo culminou unha boa xogada persoal cun disparo coa zurda para deixar o choque sentenciado.
Un punto, valioso botín para un Polvorín en inferioridade numérica no campo do Valladares (3-3)
O encontro púxose de cara para o Polvorín cumprido o primeiro cuarto de hora de xogo. Unha man dentro da área foi castigada como penalti e Maceira non errou desde os once metros. Os de David Páez, cun sistema de xogo con tres centrais, dominaron a primeira metade sen apenas sufrir en defensa. A piques de chegar ao descanso, Héctor cometeu penalti e o colexiado ensinoulle o segundo cartón amarelo. Freiría transformou a pena máxima e os lucenses tiveron que xogar con dez toda a segunda metade.
No segundo tempo o Valladares logrou adiantarse nun erro defensivo dos albivermellos que aproveitou Mike. Non se rendiu o Polvorín e non tardou en igualar por medio do recén incorporado Padín. No último treito de encontro aínda houbo tempo para dous tantos máis. Heber volveu adiantar aos locais ao rematar no segundo pao un saque de falta lateral e xa co tempo cumprido Germán igualou ao rematar un saque desde o curruncho. Na última acción do partido Padín tivo nas súas botas o gol da vitoria pero o gardameta Kevin detivo o disparo do atacante lucense.
O Viveiro suma un bo punto no campo do Somozas, pero achégase aos postos de perigo (1-1)

O Viveiro amosou unha imaxe moi mellorada respecto ao encontro do pasado fin de semana en Cantarrana. Os de Adrián Benavides estivo moi ben posicionado sobre o campo dificultando o xogo combinativo do seu rival. Pero un erro no mellor momento de xogo dos celestes aproveitouno o veterán Álex Ares para poñer por diante ao Somozas. O colexiado anulou un tanto ao viveirense Herrador por un fóra de xogo moi dubidoso.
Tras o intermedio, o Viveiro volveu a amosar a súa decisión por non machar de baleiro do Alcalde Candocia e non tardou en igualar cun bo tanto de German. Pouco despois, Arturo tivo nas súas botas o segundo, pero o seu remate sacouno de xeito providencial o gardameta Paco. Nos últimos intres o Somozas deu un paso adiante sen que chegara a inquedar a zaga mariñán.

O Pol rescata un punto no tramo final fronte a un Ribadeo ao que se lle resiste a vitoria (1-1)
O derbi provincial mantén as rachas contrapostas dos dous conxuntos. Os mariñáns sumaron o segundo empate consecutivo e a sexta xornada sen gañar e seguen nunha situación clasificatoria delicada, sobre todo se temos en conta os posibles arrastres que poden chegar desde a Segunda RFEF. Pola contra, o Pol dalle continuidade á sua boa xeira e suma a oitava xornada consecutiva sen perder.
O encontro foi intenso e de numerosas disputas, das que o Ribadeo saiu vitorioso en moitas delas. No primeiro tempo o dominio foi alterno e as ocasións escasas, aínda que os visitantes gozaron das máis claras. Alvarito e Iñaki estiveron preto de superar a Javi Pita, mentres que o Ribadeo non era quen de poñer en apretos a zaga chairega, salvo nalgunha acción a balón parado. O marcador desnivelouse preto do intermedio. Castrín sacou rápido de banda e Álex Meitín desfíxose do seu tocaio Guntín e puxo un preciso pase para que Kevin Pierre rematara a pracer.
No segundo tempo o Pol puxo unha marcha máis e, fronte á dificultade do xogo por dentro, buscou xerar perigo por unha renovada banda dereita con Laye e Buján. Os de Manolo García non eran quen de inquedar a ben situada zaga ribadense e Kevin Pierre a piques estivo de sentenciar pero non aproveitou o regalo de Samu para facer o segundo. Preto do final, o colexiado ensinoulle cartón vermello a Agus por supostas protestas e os visitantes aproveitaron a superioridade para empatar. Buján centrou e o primeiro remate de Cuadrado salvouno o central Mario, pero o rexeite caeulle de novo a Cuadrado que xa non perdoou.
O Lemos desaproveita a oportunidade de escapar do perigo ao caer na Pinguela fronte ao Val (1-2)
Primeira metade parella na que o Lemos se amosou lixeiramente superior. Os de Edu Rodríguez contaron con varias ocasións para poder adiantarse no marcador que non foron quen de aproveitar. Os ferrolterráns apenas inquedaron a portería de Losada nos primeiros corenta e cinco minutos.
Tras o descanso, Luis adiantou ao Lemos cun bo gol e os monfortinos non souberon xestionar a última media hora de xogo co marcador en vantaxe. A moita distancia entre liñas e unha mala xestión co balón fixeron que os visitantes creran na remontada. Dous tantos de Pol servíronlle ao Val para acadar tres puntos que lles fagan soñar coa permanencia.
O Escairón merece maior premio na súa visita ao campo do Lalín (1-0)
Encontro moi parello nos primeiros corenta e cinco minutos. O Lalín tivo máis o control do balón, pero o Escairón soubo saír á contra e xerar perigo. As ocasións estiveron repartidas e ámbolos conxuntos contaron con dúas boas opcións para marcar que non foron quen de aproveitar.
Nada máis comezar o segundo tempo chegou o único tanto do partido. Un disparo desde fóra da área bateu en Asier e o balón quedou morto para que Chiño rematara ao fondo da portería. A partir do gol do Lalín, os de Brais Prados deron un paso adiante e fixeron merecementos para, cando menos, empatar o encontro. Asier estrelou un balón no longueiro nun lanzamento de falta, mentres que Xoel e Ospina, en sendos lanzamentos desde dentro da área, atopáronse coa gran actuación do gardameta Mario.
