Comezamos cunha baixa significativa no CD Lugo. O gardameta Julen causa baixa na entidade lucense logo de toda unha vida defendendo as cores albivermellas, sendo peza clave nos últimos anos do seu filial. Seguimos falando de porteiros. O ‘gato do Vicedo‘ Javi Pita asinou como novo xogador do As Pontes da Preferente, logo de acadar o ascenso nas filas da Sarriana. Competirá co mallorquín Jesús Jurado, que chega ao Poboado procedente do Arteixo.
Na Primeira Autonómica, máis novas de porteiros. A SD Chantada fichou a José Ramón Carballude ‘Moncho‘ para defender o arco do Sangoñedo. Procede da SD Cruces e militou en conxuntos como o Lalín e o Silleda. No Santaballés causa baixa Adrián, logo de nove temporadas baixo os paos da Liga. O conxunto chairego renovou a Josiño. O meta Roy chega ao Portomarín procedente do San Roque. Non é o único movimento no cadro miñoto, que renovou ao central Nacho Carbonell, logo de realizar un bo papel en Preferente. Asimesmo, xogará no Chao da Poza Alberto Caloto, a onde chega procedente do Sporting Lucense. E para rematar no Portomarín, Diego Díaz xa ten axudante no banquiño. Será Adrián Roa, que retorna ao club no cal xa estivo como xogador.
O Chantada Atlético asegurou a continuidade de Ariel Aquino e Álex Rodríguez ‘Arca‘. No Meira causa baixa, logo de dezasete temporadas, o capitán Javier Cortón. De tódolos xeitos non abandoará o club e será o novo vicepresidente.
O Burela asinou ao centrocampista Xoel Rodríguez. O futbolista, formado na base do Viveiro, militou no Conxo e no Compostela B antes de facer un paréntese na súa carreira futbolística que retomará na Marosa. Sen saír da Mariña, o CD Foz volve a xuntar nun campo de fútbol aos irmáns Moreda. Aitor renova unha temporada máis e Álvaro volverá calzar as botas no Martínez Otero despois de varios anos de parón.
Na Segunda Autonómica tamén temos novas na portería, neste caso na do Brollón. César renova no conxunto ds Medos. O gardameta conta con experiencia en Preferente e Primeira Autonómica nas filas de Escairón e Ferreira, respectivamente. No Friol continuará o extremo Lucky e no Río Sil o ‘mago’ Matama.