O CD Lugo sobrepúxose ao susto inicial, en forma de gol, para conservar a segunda praza da Primeira Galicia. Ás de Joaquín Blanco custoulles adaptarse á viaxe e ao campo pero foron crecendo co paso dos minutos. As albivermellas colleron o mando do partido e non o soltaron. Igualaron rozando a media hora e remontaron, con dous tantos máis, antes do intermedio. Na reanudación, as lucenses redondearon a súa actuación ante un rival voluntarioso e que puxo as cousas difíciles. Iria e Candela remataron os noventa minutos con dous ‘dobretes’.
O Antas acudiu con tan só dez xogadoras a Carballo. Un hándicap importante ante un rival da entidade do Bergantiños. As de Dani Abelairas competiron o mellor que puideron ante un rival que non quixo facer sangue e que gastou todas as súas substitucións ao descanso.
o derbi decidiuse na segunda metade e os ‘santos’ roque e lázaro desátanse na segunda
Esta última xornada só tivemos un derbi na Segunda Galicia. E quedou na casa. A igualdade reinou nunha primeira metade na que o Milagrosa tivo as súas opcións. No segundo acto, o Monte Forte impuxo a súa lei nun encontro disputado no campo Alex Blanco 2 dos Escolapios. Hai que recordar que o Luis Bodegas atópase en reformas.
Pola súa parte, o líder segue ao seu. O PM Friol B venceu con claridade ao EF Silleda. Iso si, esta vez tivo que agardar á segunda metade. A resistencia visitante durou preto dunha hora. E aí, as xogadoras en dinámica do primeiro equipo volveron marcar as diferenzas. Nuria Meijide rompeu o muro do EF Silleda, Nerea Lombardero fixo dous goles a falta de un. E Nerea ‘Chantada’ pechou o encontro co cuarto da xornada.
O San Lázaro logrou tres valiosos puntos ante un dos conxuntos máis en forma da categoría. As de Luchi realizaron unha magnífica posta en escena ante o Touro e xa mandaban por 2-0 ao cuarto de hora. Iso si, xa sabemos o competitivas que son as de Xanzy. E as visitantes nunca se foron do encontro. De feito, metéronse de cheo nel cun gol ao inicio da segunda metade. No tramo final do choque volveu o mellor San Lázaro, para sentenciar co segundo gol de Jenny. Terceiro para un conxunto capitalino, que fixo un dos partidos máis completos da tempada.
O San Roque viviu unha tarde plácida, que empezou virada. Zaira, a pichichi da competición, abriu a lata para o Arzúa aos tres minutos de xogo. A partires de aí, o cadro de Quiroga creceu desde a posesión. E mostrouse superior para golear cun póker de Irene Rebolo, sendos ‘dobretes’ de Sofía Lage e Paula. Así como o noveno e definitivo tanto da destacada Mery.
E dun domingo para o recordo a outro para o olvido. Ao Carballedo atragantóuselle a sesión matinal en Cruces. As de Sementa e Adrián Rodríguez mandaron no xogo pero cederon os tres puntos nunha das escasas oportunidades locais. Un penalti preto do tempo de lecer tumbou ás do Catro Ventos nun día no que tamén viviron a lesión da súa ‘killer’ Ana Lamas. Un lumbago propiciou o seu cambio obrigado.
O Chantada non pasou do empate no feudo do Bandeira nun encontro no que desperdiciou varias ocasións na primeira metade. O cadro local apenas inquedou a meta de Andrea nos primeiros corenta e cinco minutos. As forzas igualáronse tralo paso polos vestiarios. Aínda así, as de Gorry tamén tiveron oportunidades para levar os tres puntos. Especialmente no tramo final e a pelota parada.
Por último, a Comercial caeu nas Gándaras ante o Santiso. As de Vivian Dors competiron ben pero pecaron de falta de agresividade na conquista do balón. Un gol nada máis comezar e outro ao remate, ditaron sentencia.
O PM Friol máis internacional morre na beira
O conxunto de Covi perdeu novamente na Reigosa ante o potente Atlético de Madrid B. O cadro madrileño buscou o gol con insistencia ante un PM Friol que se guareceu con uñas e dentes. A defensa numantina lucense veuse abaixo cinco minutos antes do asubío final. Un gol en propia porta de Kazakevich e outro de Lauris, xa na prolongación, mataron á entidade dirixida por Geluco Villar.
Un club no que se estrearon esta semana a meta moldava Munteanu e a colombiana Caicedo, que non tivo minutos. Dúas nacionalidades máis para un equipo do máis multicultural, no que xa contan con representación de Guinea Ecuatorial, Croacia, Bielorrusia, Venezuela, Perú… E no que a presencia española continúa baixando tras prescindir de Sara Jiménez o último día do pasado mes de febreiro, debido a importantes diferencias entre as partes.
Resultados da xornada
PM Friol 0-2 Atlético de Madrid B
Mos B 2-6 CD Lugo
Bergantiños 4-0 Antas
Monte Forte 3-0 Milagrosa
San Lázaro 3-1 Touro
Comercial 0-2 Santiso
PM Friol B 4-0 EF Silleda
San Roque 9-2 Arzúa FC
Cruces 1-0 Carballedo
Bandeira 0-0 Chantada
Ana Lamas, unha gañadora Torre de Núñez con ADN Futbolinlugo
A dianteira do Carballedo Ana Lamas foi a gañadora do premio #XogadoraTorredeNúñez do mes de febreiro. A goleadora xa recibiu o seu lote de produtos ibéricos, o cal decidiu compartir coas súas compañeiras. E tamén cos compañeiros do equipo masculino do Catro Ventos.
Ao remate do adestramento do pasado venres, todos os integrantes do Carballedo gozaron en familia duns pinchos cortesía de Torre de Núñez (como se pode ver na nosa foto de portada). E de Ana Lamas, quen engadiu que: «Este xamón non o conseguín eu soa, é de todas». Espírito de equipo e compañeirismo ante todo! Ana Lamas, coma nós, pensa que o fútbol compartido sabe mellor. E ben que nos aledamos por elo!