#Feminino #Fútbol afeccionado

Cara, canto e cruz no remate da Primeira

Rematou a Primeira galega cun final do máis variopinto para as nosas. Unha noticia positiva, outra negativa e outra que queda en ‘stand by’.

O gol de Nerea Chantada resultou insuficiente para o PM Friol B

A cara da moeda foi para o Antas, que ratificou a súa permanencia cunha vitoria pola mínima na casa. O tempraneiro gol da xogadora-adestradora Noe Pires afastou tódalas posibles pantasmas do Castro Seoane. Un tanto que resultou tan suficiente como prescindible para a salvación, xa que o Chispa perdeu o seu partido. Iso si, o soberbio exercicio defensivo das lucenses na segunda metade queda como un dos bos exemplos de saber sufrir.

A cruz caeu do lado do PM Friol B. O cadro de Diego Vivero descende de categoría despois de caer no campo do Tordoia. Nerea Chantada tardou pouco en igualar o gol inicial das locais. Porén, as de Tordoia volveron poñerse por diante dous minutos despois. E sentenciaron ao inicio da reanudación. Demasiado castigo para as rapazas da Reigosa despois de asinar un encontro disputado e que se decidiu por detalles.

E de canto quedaron as da capital da provincia. O Lugo fixo os deberes empatando no campo do Sárdoma B. E agora haberá que agardar ao que ditamine a Real Federación Española de Fútbol e ver se o segundo posto das de Joaquín Blanco lles outorga o ascenso.



Noe Pires marcou o tanto que ratificou a salvación do Antas

O choque foi de poder a poder, con escasas ocasións na primeira metade e bastante incertidume na pelota detida. Ambos equipos abusaron do xogo directo e non puideron roubar en avanzado.

O inicio da segunda metade chegou con mazazo incorporado. Despois dun pequeno barullo, o Sárdoma B marcou a porta baleira. Esta circunstancia espoleou ao CD Lugo e as branquiavermellas deixaron os seus mellores minutos. Dominaron e aproximáronse con perigo, ata que María empatou.

O tramo final do encontro foi un pouco tolemia. Un ‘correcalles’ no que as de Joaquín Blanco souperon sufrir para chegar a bo porto.



Resultados da xornada

Sárdoma B 1-1 Lugo

Tordoia 3-1 PM Friol B

Antas 1-0 Victoria FC B

Cara, canto e cruz no remate da Primeira

Diario dun mercado. Episodio 268

Cara, canto e cruz no remate da Primeira

Diario dun mercado. Episodio 269

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *