Unha vez que a publicación da terceira edición da Guía de ‘Fútbol en Lugo’ xa é algo oficial, os equipos teñen un motivo máis para seguir confeccionando os seus cadros. Á espera de coñecer o calendario, os conxuntos de Preferente xa saben como será o formato de competición para esta temporada que comeza.
Un dos clubs lucenses da categoría é a Sarriana que aspirará a estar nos postos altos da táboa. O grupo da Ribela anunciou como será a súa preparación de cara ao próximo curso. Este sábado xogará un amigable na casa ante o Ourense CF. O último sábado de agosto participará nun triangular coa UD Ourense e a SD Chantada. Logo o primeiro domingo de setembro desprazarase para xogar co Taboada. Á semana seguinte, segundo amigable na casa ante o Barbadás. Pechará pretemporada o domingo 19 fóra da casa ante o Outeiro de Rei.
Na Primeira Nacional feminina, o PM Friol anunciou tres novas fichaxes. A valenciana Alicia Martínez chega para reforzar a dianteira do cadro friolés. A xogadora de 21 anos formouse na canteira do Valencia CF. No cadro ché tamén se formou a defensa alicantina Ana Vallés ‘Peque’. Aterra na provincia de Lugo procedente do FF La Solana de Ciudad Real. E do mesmo cadro manchego vén Raquel Martín. A mediocentro de 18 anos foi a última incorporación en ser anunciada.
![](http://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2021/08/ivan-castro-bruno-gomez-adrian.jpg)
Volvendo ao fútbol masculino, na Primeira Rexional a UD Xove Lago confimou o corpo técnico de cara a próxima campaña. Como xa adiantara Futbolinlugo, Bruno Gómez continúa como primeiro adestrador. Ao seu lado seguirá Adrián como segundo preparador. A novidade chega coa fichaxe do ex adestrador do Celeiro, Iván Castro que tamén se incorpora ao corpo técnico.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
No concello de Chantada os dous clubs da categoría tamén presentan novidades. O Chantada Atlético comunicou a renovación de Lucas Pardo. O dianteiro cumprirá a súa segunda temporada logo de recalar no Sangoñedo procedente da SD Monterroso. Tamén continúa o capitán Miguel. Por outra parte, a SD Chantada fixo pública a continuidade dos centrocampistas Álex Delgado, Povis, David e Pedro. O conxunto chantadino comeza este martes os adestramentos.