Levamos varios días nos que o mercado está que bota fume. Pese a non contar cunha data confirmada para o inicio das competicións, todo apunta a que o fútbol volverá na 21/22, e por iso os clubes queren deixar pechados canto antes os cadros de xogadores.
Así sucede, por exemplo, na Terceira RFEF. Nela, o Racing Villalbés renova ao ariete Fernando Cuadrado, un dos pilares dos chairegos durante a 20/21. O CD Lugo «B» contará un ano máis co gardamallas Julen. Ademáis, incorpóranse ao filial albivermello Julio Lansade, centrocampista que chega desde o filial do Estudiantes de La Plata e que chegou a ter minutos co primeiro equipo no New York City, e Álex Ramos, con pasado na canteira do Deportivo e que chega desde o Fisterra. Mención aparte merece o lucense Álex Rey, que finaliza o seu contrato co CD Lugo logo de pasar un ano cedido no Unionistas de Salamanca.
Un chanzo máis abaixo, na Preferente, Óscar López seguirá como presidente do Club Lemos, conxunto que se atopa na procura dun «técnico de prestixio», tal e como o directivo recoñeceu a este medio. Máis ao norte, o Ribadeo CF continúa a súa reestructuración e asina a Nacho, defensa ribadense que estaba nas filas do Tapia. Pese aos cambios que se auguran no Pepe Barrera, o capitán Coki continuará no clube da Mariña.
Precisamente do Ribadeo marcha Jairo Campo. O dianteiro regresa á SD Burela despois da boa temporada que fixo na Preferente en calidade de «cedido». Así, Jairo capitaneará o proxecto da SD na Primeira Galicia, ademáis de coordinar o fútbol base da Marosa. Volvendo cara o sur, Beni renova como segundo adestrador da SD Chantada, polo que acompañará a Javier Montoto na segunda etapa do técnico no Sangoñedo.
Por último, hai novidades na Segunda Galicia. O Iberia CF recupera a Marcos Pernas, defensor que retorna ás Valgas logo de cinco anos sen xogar por motivos laborais. O futbolista, moi querido en Reinante, loitará por volver a acadar un ascenso á Primeira co clube branquiazul. E se ben no norte temos un retorno, no sur unha despedida. O dianteiro Titi abandona a SD Becerreá deixando pegada máis alá dos goles. O atacante, moi apreciado no Municipal, botou moitos anos no clube e deixou unha morea de goles nos seus primeiros anos.