Este sábado desenvolveranse as I Xornadas Futbolinlugo Burela Bonita. Futbolinlugo, en colaboración co Concello de Burela, lanza unha serie de relatorios de adestrador@s galeg@s. Un congreso que se celebrará no Salón de Conferencias pertencente ao Concello de Burela; edificio coñecido como ‘Correos Vello’.
O acto contará coa presenza dun número moi reducido de público. Por baixas de última hora, aínda queda algunha praza libre. Para inscribirse é necesario comunicalo na dirección de correo electrónico: futbolinlugo@gmail.com. Ademais o evento poderá seguirse por streaming. A través dun enlace que será anunciado nas nosas redes sociais.
O chantadino Roberto Fernández é un dos grandes reclamos dun cartel cheo de referentes do fútbol galego. O gardamallas é un dos futbolistas con maior traxectoria profesional da provincia. Xogou no Real Sporting, CA Osasuna, Granada CF ou no CD Lugo. Precisamente no conxunto lucense desenvolveu nas últimas temporadas a función de adestrador de porteiros ata este verán.

Yago Iglesias (técnico da SD Compostela), Simón Lamas (adestrador do Racing Vilalbés), Adrián Laureda (ex xogador e ex coordinador da base do CD Lugo), Julián Castaño (director de comunicación do CD Lugo e adestrador), Cris Oreiro (adestradora do Victoria CF feminino), Juan Rodríguez (míster do Monterroso SD e gañador do I Certame de Promoción do Técnico Galego) e Bruno Gómez (preparador da UD Xove Lago) conforman a lista de ponentes.


Simón Lamas será o encargado de inaugurar as xornadas ás 10:30h. A continuación será a quenda do tándem formado por Adrián Laureda e Julián Castaño (11:15-12:00h). Yago Iglesias (12:15-13:00h) e Juan Rodríguez e Bruno Gómez (13:00-13:45h) completan a quenda da mañá. Despois do parón para xantar, Cris Oreiro (16:30-17:15h) e Roberto Fernández (17:15-18:00h) darán pé a mesa redonda na que participarán tod@s @s adestrador@s. As xornadas rematarán ás 19:15h.
Os espectadores que sigan os relatorios vía streaming poderán interactuar. Reservamos os dez minutos finais de cada exposición para preguntas do público. O evento, de Burela para o mundo, pretende chegar a todos os recunchos grazas ao sistema de streaming. E tamén poderá ser seguido nas nosas redes sociais a través do cancelo #XornadasFutbolinlugoBurela

Futbolinlugo e o Concello de Burela levarán a cabo un exhaustivo protocolo COVID para grantir a máxima seguridade posible: medición de temperatura, uso obrigatorio da máscara, emprego constante de xel hidroalcólico e ventilación.
Dende Futbolinlugo agradecemos a aposta que fai, de novo, o Concello de Burela polo noso fútbol. Tal e como xa acontecera coa primeira organización do All Star Futbolinlugo. Ademais, tamén lle damos as grazas a todos os patrocinadores que nos amosaron o seu apoio: Gadis, Ditram A Mariña, Galicia Calidade, Deportes Élide, El Progreso de Lugo, Xuntos marketing deportivo, Learn & Coach, Lucus Pádel, Clínica Marco Saúde e a Deputación de Lugo.