Pasou o día, pasou a romaría. Pero a ver quen é o valente que nos quita esta dulce resaca. O 29 de xuño de 2019 xa forma parte da historia do fútbol lucense. Foi o día no que todas as estradas da provincia se conxuraron na procura dun balón. Dun esférico colectivo nun escenario inmellorable.

O tapete da Marosa regalounos sorpresas agradables dende o inicio da tarde. Vero Loureiro liderou a revolución feminina. Tumbou a todo aquel que se lle puxo por diante a base de golpeos dende o curruncho. No seguinte concurso, Pipita ensalzou a figura do porteiro. Ese que tamén sabe xogar cos pés aínda que moitos non o queiran ver. No longueiro burelao quedou o seu selo para sempre. Mentres outros deixaron a marca da pelota nos cristais da pista de pádel. A festa continuou ao carón da bancada. Partidos a un minuto en terreo reducido, co noso Santi Real como artista invitado. O futbolín humano derivou nunha comida familiar, na que a revelación San Lázaro cedeu ante o Mix conformado por Tichu, Santi Carballido e Javi Fraga. O pataqueiro ostenta o récord de recibir o primeiro cartón amarelo na historia deste evento.

O encontro feminino inauguraba o menú de luxo dunha tarde para o recordo. Aderezado co aliño dunhas equipacións exclusivas deseñadas para unha ocasión tan especial. No relativo ao xogo, o Sur impúxose con facilidade ao Norte. O importante foi unir a todos os conxuntos da provincia. A xogadoras de Segunda División Nacional con ilusionadas principiantes neste mundiño. Ese foi o maior triunfo.

Porque realmente gañaron todos. Podíamos pensar que perdemos a futbolistas da talla de Pablo Vivero, Michi Leal, Javi Chinchón, Kiko Mariño, Ros… Nós vemos o vaso medio cheo. Levaron a súa merecida homenaxe. Escoitaron pola megafonía o que merecían. As verbas que saen do corazón dos que máis os queren nisto do fútbol. Chegando a emocionarse coa montaxe e discurso do mellor mestre de cerimonias posible: o noso Iván Calaza.

Tamén houbo tempo para recordar a un dos pioneiros nesta loita. A de poñer en valor o fútbol de verdade na provincia de Lugo. Non sei se Canti nos puido ver dende onde esté agora mesmo. Pero unha parte del botou o día na Marosa. Na súa exposición de fotos, no saque de honra da súa filla, no sentido abrazo de Moski coa súa familia só interrumpido pola presenza das flores que merece.

O sol ía escondéndose. Non así a calidade. Asier abriu a lata no partido masculino. No escenario no que seu pai deixou tantos domingos de gloria. Xustiza poética. A mesma que apareceu cando Aurelio, máximo goleador lucense da temporada, igualou antes do descanso cun lanzamento marca da casa. A hexemonía mariñá evidenciouse na segunda metade. Gol de ‘killer’ de Borja Mella. Para darlle a remontada ao combinado de Primeira e Segunda nun choque competido e por momentos ata intenso. A pizarra de Roberto Fernández e Vitín atopou o seu recoñecemento. Por certo, Kadete non perdeu a respiración na súa apretada camisola. Gran noticia!

Coa noite amenazando, todos se colgaron a súa medalla. Javi Chinchón pechou unha longa carreira baixo a banda sonora dos seus amigos Ibán Gayol e Canario. Parapenaltis Pipita e Esther conquistaron os MVPs e leváronos para a capital. Esa para a que moitos marcharon. Porque o terceiro tempo rematou nun man a man entre Norte e Sur. Entre os serios proxectos de Celta Barreiros e Carballedo. Sempre co permiso dos chairegos, que nestos lares son auténticos referentes. O que pasou a partires das dúas da mañá, xa é outra cousa… Xa saben, nunca nada bo 😉

Comparte
                                                                  

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*