O partido da xornada . . . Racing Vilalbés – Deportivo Fabril: tres puntos clave para asentarse no grupo de cabeza

Villares xogará o seu primeiro encontro oficial na Madalena como rival do Racing Vilalbés

Non é un derbi, pero a autovía achega a Coruña á capital chairego dun xeito exponencial. O domingo ás 16:15 horas na Madalena, dispútase un dos encontros marcados en vermello no calendario. O Racing Vilalbés recibe ao R.C. Deportivo Fabril coa arbitraxe do colexiado compostelán Miguel Ángel Castro Castro.

O Racing Vilalbés é sétimo na táboa clasificatoria con catro puntos e un partido menos, o que ten que enfrontar aos chairegos co Polvorín e que foi adiado. Logo do empate da primeira xornada no sempre difícil campo do Viso e da goleada na Madalena ante o As Pontes, o pasado domingo chegou a primeira derrota para o cadro adestrado por Simón Lamas. Foi ante un dos galos da Terceira, como é o Bergantiños, pero o Racing non se amosou inferior aos de Carballo, chegando incluso a adiantarse no marcador. Logo dunha actuación arbitral moi protestada, o conxunto local logrou remontar en erros puntuais da zaga.

Once inicial do Racing Vilalbés no Torneo President ante o Deportivo

O encontro ante o filial deportivista é de suma importancia para non caer aos postos baixos da clasificación nunha competición tan curta como é este ano a Terceira. O Deportivo Fabril chega a este partido con cinco puntos, un máis que os vilalbeses e cun encontro máis disputado. Os pupilos de Valerón golearon ao Paiosaco en Abegondo, pero non puideron gañar aínda lonxe do seu feudo, acadando sendos empates ante Somozas e Silva. Na última xornada caeron derrotados na casa ante o Arzúa. A falta de regularidade propia dun filial está lastrando estas primeiras xornadas dun Fabril que conta con xogadores de enorme proxección como o central Juan Rodríguez ou os atacantes Manu Mosquera ou o xa habitual co primeiro equipo Adri Castro. De tódolos xeitos, o grande atractivo do choque será a volta á Madalena do vilalbés Diego Villares, capitán do Fabril.

Bruno Caballero retornou este verán ao Racing para reforzar o centro da defensa

O último encontro ligueiro entre ámbolos conxuntos na Madalena data do 13 de novembro de 2016 e rematou con triunfo local por un tanto a cero. O gol foi anotado por Gerardo, hoxe nas filas do Viveiro. A pasada temporada, suspendeuse a competición por mor da pandemia do Covid-19 antes da disputa do encontro entre Racing e Fabril.

Falamos con dous xogadores que vestiron as dúas camisetas. Ángel (Racing Vilalbés) formado na base do R.C. Deportivo e Diego Villares (Deportivo Fabril), un emblema dos cadro chairego malia súa xuventude.

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

ÁNGEL (RACING VILALBÉS)

 – Encontro especial. “Sempre é bonito e especial porque gardo moi bos recordos do meu paso pola canteira do Deportivo. Foron moitos anos compartindo vestiario e terreo de xogo con compañeiros fenomenais. Aínda que do cadro de xogadores actual só coincidín con Adri Castro e Kanouté“.

O Fabril. “Igual que ante a maioría de filiais, creo que nos imos atopar un equipo que quererá dominar desde o comezo mediante a posesión de balón e teñen xogadores con moita calidade individual para levar a cabo ese plan de partido. Nós debemos cometer os mínimos erros posibles porque ante estes equipos acábalo pagando. A partir de aí, intentaremos roubar o balón e saír rápido á contra“.

A derrota ante o Bergantiños. “Os erros puntuais en partidos tan igualados páganse, e iso foi o que nos pasou en Carballo. Trataremos de correxilos e a partir de aí seguir medrando como equipo. Cos xogadores que temos non teño ningunha dúbida de que melloraremos co paso das xornadas. O comezo de temporada é positivo, o equipo adestra ben e o ambiente dentro do equipo é moi bo, e ao final todo suma“.

DIEGO VILLARES (DEPORTIVO FABRIL)

Foto: Carlos Castro

 – A volta á Madalena. “É o primeiro encontro oficial que xogarei como rival na Madalena. Volver ao sitio no que un medrou é sempre moi especial. Aínda que sexa nesta situación que nos tocou vivir e con pouca xente nas gradas con moita ilusión de xogar ante a xente que me leva vendo medrar desde cativo“.

Un rival ben coñecido. “Será un encontro moi disputado. Simón coñece moi ben aos rivais e traballa moito durante a semana os partidos. A clave creo que estará en poder xerarlle perigo ao Racing. Non será doado, xa que, é un equipo bastante forte en defensa e concede moi poucas ocasións. A pesar da derrota ante o Bergantiños están a realizar un bo arranque ligueiro“.

Un comezo irregular do Fabril. “Comezamos realizando un bo fútbol, sendo protagonistas con balón, pero quizáis nos falta xerar máis perigo cando chegamos a tres cuartos de campo. Logralo será clave se queremos gañar na Madalena“.

Adestramento co primeiro equipo. “Foi unha gran experiencia. Non coñecía persoalmente a Fernando Vázquez, salvo dalgunha conversa puntual e foi moi enriquecedor. Foi un adestramento no que puiden coller sensacións de cara ao primeiro equipo“.

Imagen por defecto
Marcos Fernández
Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte
Artículos: 407

Deja un comentario