Chega a cuarta xornada da Terceira División e faino cun máis que interesante encontro entre os dous primeiros clasificados do grupo A. Viveiro e Somozas cítanse ás 12 da mañá do domingo en Cantarrana co liderato en xogo. O encontro será dirixido pola viguesa Elena Casal Fernández.
Con seis puntos na clasificación, o Viveiro ocupa o segundo posto na clasificación. Un gran comezo ligueiro con dous triunfos convincentes ante o Estudiantil en Cantarrana e no Ara Solis diante do Fisterra, e tan só empañado pola derrota no derbi provincial ante o Polvorín. O conxunto adestrado por Chusky non se amosou firme en defensa diante do filial albivermello, e malia non realizar un mal encontro, o gran acerto dos locais lastraron as aspiracións de continuar invictos dos mariñáns.
Ámbolos dous equipos xa se viron as caras na pretemporada, no que foi o segundo test de preparación do Viveiro. O marcador daquela favoreceu ao conxunto celeste por dous tantos a cero.
O Somozas chega a Cantarrana na primeira posición da táboa clasificatoria. Un empate sen goles na primeira xornada ante o Fabril e dous triunfos consecutivos sitúan aos de Ferrolterra no liderato. Logo de dúas frouxas temporadas o Somozas conformou un cadro de xogadores co cal aspira a ser un firme candidato ao ascenso. Polo menos, as fichaxes convidan ao optimismo. Un emblema do Racing de Ferrol como Pablo Rey abandera o proxecto, e Marcos Álvarez e Diego Garrido seguiron os pasos do ferrolán. Ademáis, xogadores curtidos na categoría como Iago Blanco ou Álex Cabarcos tamén reforzron a un conxunto que aspira a voltar á Segunda División B.
O último enfrontamento oficial entre Viveiro e Somozas en Cantarrana tivo lugar o 16 de decembro de 2007 e rematou con triunfo visitante por 0-2, na temporada na que os branquiverdes remataron acadando o ascenso a Terceira.
Falamos do encontro con Manu Cedrón, gardameta do Viveiro, que xogou en dúas etapas no Somozas, e con Aldán Naval, viveirense que recalou esta campaña no Somozas, unha vez rematada a súa etapa formativa na base do R.C. Celta.
QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?
MANU CEDRÓN (VIVEIRO C.F.)
– A primeira derrota. «Independentemente da derrota chegamos con confianza. Perder co Polvorín sírvenos para aprender dos erros cometidos e para mellorar en certos detalles que nos costaron o encontro a pasada xornada«.
– O rival. «Agardo un partido moi complicado ante un rival que ten xogadores importantes e xa contrastados na categoría. É un equipo moi sólido e con futbolistas que son diferencias na liña de ataque«.
– A etapa no Somozas. «Gardo un recordo moi bonito das dúas etapas que xoguei no Somozas. A nivel fútbolístico tiven a sorte de poder debutar en Segunda División B nada máis saír de xuvenís e vivín un gran ano alí. É un clube moi humilde e cercano no trato co xogador. Agardo que podan facer unha gran temporada e que estén pelexando polo ascenso«.
ALDÁN NAVAL (U.D. SOMOZAS)
– Volta á casa. «Para min é moi especial xogar en Viveiro. Desde que marchei a Vigo non xoguei ningún partido oficial en Cantarrana. O placer de de ver á miña familia, amigos e a xente coa que me formei cando era un neno non ten prezo«.
– O Viveiro. «Agardo un partido moi intenso e disputado. Aínda que teñamos na xornada catro non deixa de ser un primeiro contra segundo e seguir sumando é clave para continuar nos postos de arriba da clasificación. O Viveiro é un equipo cunha gran estabilidade a nivel de plantilla nos últimos anos, a diferencia de nós que somos un equipo totalmente renovado«.
– Primeira experiencia sénior. «Por sorte cheguei a un clube moi serio e profesional como é a U.D. Somozas, e tamén a un vestiario top tanto a nivel deportivo como persoal, polo que estou moi contento. A nivel individual, despois de tantos anos no Celta é difícil adaptarse a un fútbol tan físico e intenso como é o da Terceira galega, polo que non queda outra que seguir traballando e aprendendo dos meus compañeiros«.