#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal

Once da xornada 36 na Preferente Galicia

Remataron xa as competicións regulares na Terceira, Primeira, Segunda e Terceira Galicia pero a que segue é a Preferente. Quédanlle os últimos coletazos en forma de dúas xornadas nas que tres equipos lucenses terán algo en xogo, aínda que os obxectivos que lles restan son complicados de cumprir. O que pasou nesta fin de semana queda reflectido no noso once.

O Lugo B debe agardar dous erros tanto do Estudiantil como do Laracha para asaltar unha segunda praza da que está a catro puntos. Nesta pasada xornada ningún dos tres fallou. O filial albivermello debutou con bo pé no Anxo Carro e derrotou por 2-o ao Arzúa. Marcos, Renda e Cuadrado (con dous goles) foron os máis destacados do equipo que adestra José Durán que queimará os seus últimos cartuchos ante o Bertamiráns (estase xogando a salvación) e o Sada (xa descendido).

Pola súa banda, Lemos e Chantada apuran tamén as súas opcións de salvación que cada vez son menos. No caso do conxunto chantadino só unha milagre evitaría o seu descenso á Primeira. Tería que gañar os dous partidos que lle restan, que os tres rivais que o anteceden perdan e despois agardar a que se eviten os arrastres. Para iso, deberían de ascender cando menos dous equipos galegos de Terceira á Segunda B para que lle dera opción ao terceiro da Preferente Norte de subir no play-off e así librar un descenso á Primeira. O equipo de Pepe Martín errou cando menos tiña que facelo e perdeu por 0-1 ante un rival directo como o Betanzos. O defensa Álex e o porteiro Ferre foron dous dos xogadores máis destacados do encontro.

Yago do Ribadeo e Chis do Viveiro repiten no once ideal da Preferente Norte lucense

O Lemos tamén complicou a súa permanencia na categoría xa que non pode conseguir a salvación definitiva e terá que agardar aos posibles ascensos de Terceira á Segunda B, algo que semella complicado. Cando menos deberá adiantar na clasificación ao Mugardos (co que se atopa empatado a puntos) para ser o primeiro dos arrastres en poder salvarse. Onte desperdiciou unha boa oportunidade na Pinguela ante un Viveiro sen grandes obxectivos en xogo pero que foi superior. Gañou por 0-4 con Erni, Dani Fernández e Diego Chis como futbolistas máis sobranceiros do equipo da Mariña.



No resto de equipos destacamos a actuación de Mauro Poratti e Yago no triunfo do Ribadeo por 3-2 ante o Paiosaco. Os tres puntos, deixan ao equipo adestrado por Fiz con posibilidades de loitar pola quinta praza da clasificación. Un posto ao que non pode optar o Escairón que empatou na casa do Noia (0-0). Iván González foi un dos xogadores destacados do conxunto de Alberto López. Por último, a Sarriana que volveu perder desta volta 0-1 co Xallas e segue sen atopar o camiño da vitoria no que está sendo a súa despedida da Preferente.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *