A fase regular da Terceira Rexional lucense rematou a pasada xornada. O Celta Barreiros e o Sober fixéronse cunha praza para xogar a promoción. Mentres que o Alfoz e o Paradela finalizan como campións de cadanseu grupo. Non obstante, a competición non se detén. Esta fin de semana comezan as eliminatorias do play off e a fase previa da Copa 2019.
No grupo norte, o Celta Barreiros fixo valer a condición de depender de si mesmo. Superou ao Rioaveso no Cascabeiro pola mínima. Non foi un gran encontro dos locais. Celeiro e Xian marcaron os goles antes do descanso. Na segunda metade o cadro vilalbés conseguiu igualar. A lesión de Xian provocou a entrada de Jose Miguel. Súa foi a xogada do gol na que Aaron rematou a porta baleira. A baixa de Álvaro foi suplida pola actuación de Dani Chinchón no centro do campo. O seu rival na primeira eliminatoria da promoción será o Matela. O conxunto de Outeiro vén de cambiar de adestrador. Ángel Merino (comezou a tempada no San Lázaro da Segunda Rexional grupo sur) xa dirixiu ao equipo no partido ante o Cazás. Dominio claro dos locais. Maikel volveu ser un dos sobranceiros con tres goles. Tuto e Michi tamén completaron un bo partido. O Catro Roldas (4º) e a Milagrosa (5º) xa fixeron un ensaio para o que vén no play off. Os dous equipos xogarán entre si comezando no Luis Gorgoso. O primeiro dos enfrontamentos seguidos que van ter rematou en empate. Esteban Boo igualou o resultado preto do final cun bo gol. García e Diego tamén destacaron no cadro de Román.
O Alfoz é o campión da Terceira grupo norte da temporada 2018/2019. O cadro alfocense derrotou á Fonsagrada a domicilio. Os pupilos adestrados por Antonio Casal remontaron o gol inicial de Brais. Ayoub rendiu durante todo o encontro e Pille, Martiño e José espabilaron ao equipo na segunda metade. A vitoria e o empate do Muimenta permitiu que finalizaran no máis alto. O cadro celeste viuse superado polo Celeiro aínda que non se traducira no marcador. Silva cun bo gol e Payu lideraron aos da Mariña. Cascudo e Hugo destacaron nun Muimenta que xogará a primeira rolda da fase previa da Copa co Alfoz. No outro partido da xornada o Friol B venceu o Lugo Unión. Marcos Telmo e Miguel Boado destacaron no filial friolés. Rober no equipo amarelo.


No grupo sur, o Sober foi o gran beneficiado da xornada. Dependía de si mesmo para entrar dentro da promoción de ascenso. A súa vitoria ante o Quiroga colócao na cuarta posición. Luis Miguel entrou no segundo acto e marcou os dous goles do triunfo. Juanmi e Bombero destacaron no equipo ascendido pero non lles deu para batir o rival. Haberá derbi soberino na fase de ascenso. O Río Sil rematou quinto ao empatar ante o Rubián. Entre os pupilos preparados por Juan Diéguez destacou o traballo do dianteiro Ángel. Marcou o gol dos seus e despois tivo que xogar de defensa. Javi e Pitu guiaron aos locais. A outra eliminatoria de ascenso xogarana o Castroverde e o Antas. O cadro da Ulloa descansou na última xornada; mentres que o Castroverde venceu ao Lemos B.
Nunha xornada na que tamén descansou o Relámpago Taboada (a pesar de rematar a competición con tres vitorias seguidas non lle chegou para meterse na fase de ascenso); o Paradela confirmou o seu campionato. Chegoulle cun empate ante o Taboada B. Os locais dominaron na festa do Gandarón pero faltoulles concretar ocasións. Raúl e Romi guiaron ao campión. O filial taboadense conseguiu igualar o partido. Alejandro Rodríguez, Fabricio e Sergio Quintás foron os mellores.
Foto de portada: Mariluz Fagín
