Cambio de directiva, novo adestrador e algunha que outra incorporación. Por cambiar ata se renovou o campo e chegaron camisolas novas. Unha temporada de reformas que antes de que remate xa logrou unha obra case perfecta. A SD Paradela leva uns días sabendo que a vindeira temporada xogará na Segunda Rexional. Cinco temporadas despois, o cadro do Gandarón sube un chanzo que perdera. Faino cun proxecto serio e moi de pobo.

O ascenso produciuse na antepenúltima xornada e sen xogar. A retirada da competición do FC Becerreá e do Laxosa convertiu a Terceira Rexional grupo sur nunha liga de dez clubs. Co calendario xa feito, optouse porque os equipos descansaran nas xornadas que lles tocaría xogar cos dous conxuntos que non saíron na liga. Ao Paradela coincidiulle na antepenúltima e na penúltima xornada de cada volta. Anteriormente, xa desaproveitara dúas posibilidades de subir no terreo de xogo. Pero o ascenso estaba na man. “Estaba moi encamiñado, pero van pasando as xornadas e díxenlle ao presidente “Se se chega a torcer agora, menuda…”; “Eu non o descarto” afirmou el. Sendo realistas, se o viramos dende fóra estariamos máis tranquilos ca sendo os propios interesados. Era moi difícil que non sucederá, pero no fútbol e na vida as cousas cambian moi rápido”, comenta o adestrador Rubén Bergantiños que recuncou esta tempada ao equipo do seu pobo a pesar de estar nunha categoría inferior. “É o equipo do teu pobo, no que xogaches a maior parte da túa vida, a xente que coñeces de toda a vida, todos aí empuxando, ver a xente no campo; é unha satisfacción enorme. Xa dixen cando volvín que non era un paso atrás, que ían ser dous de fronte seguro. Estou convencido. Por todo o que se está facendo”, explica con rotundidade o técnico.

A temporada pasada o equipo xa fora un dos destacados na segunda parte da competición. Pero finalmente non puidera alcanzar ao Guntín para poder xogar a praza final polo ascenso. A pesar dos cambios desta temporada, o obxectivo semellaba xa estar na parte alta. “Era algo moi desexado. Hai que pensar que entrou unha directiva nova, eu cheguei de novo e houbo fichaxes. Xerouse moita ilusión porque é un equipo modesto pero estanse facendo as cousas moi ben dende arriba. Nos últimos dous partidos na casa había arredor de 200 persoas. Ese creo que é o gran logro. Os que estamos nisto queremos gañar. Si que se fixeron un par de fichaxes de xente de moito peso. A idea era estar o máis arriba posible. Sen presión. Ninguén me dixo “tes que ascender”, pero si que era consciente de que había equipo para facelo”, apunta Rubén.

O reenganche coa afección e tamén o compromiso dos xogadores parecen ser dúas das chaves do curso. “Había 22 fichas e durante moitos adestramentos conseguimos incluso facer 11 pa 11. Fixemos adestramentos de calidade e intensos. Todo o mundo estivo enchufado. Eu dende o principio xa dixen que o que non adestrara non ía xogar. Dábame igual como se chamara”, comenta o adestrador. E todo nunha tempada con moitos paróns polo medio nos que o equipo non se veu abaixo. En palabras do míster, “ao formato de competición creo que lle hai que dar unha voltiña. Ao mellor a nivel Federación non teñen a culpa de que dous equipos se borren unha semana antes. Pero é unha liga moi corta. Si que está ben o tema do play off porque todo o mundo estivo enganchado ata o final. Fomenta máis a competitividade. A nivel de liga eu non sei a fórmula. Non sei se metendo a Copa no medio, se facendo menos Terceiras ou baixar algún máis de Segunda,…. non sei; pero con 10 equipos creo que non ten moito sentido unha liga”.

A pesar da obra case perfecta, a campaña aínda non rematou. Este sábado o Gandarón vístese de gala. O club e a afección celebrarán o ascenso no partido ante o Taboada B. Se puntúan tamén festexarán o campionato do grupo sur. “Quero gañar sempre. O gran logro é o ascenso, pero xa que estamos aí entramos en premios secundarios que sempre é bonito”, sinala Rubén Bergantiños. A semana que vén xa chegará a Copa 2019. Unha eliminatoria a dobre partido ante o Quiroga para comezar a fase previa. “Sempre é difícil enchufar á xente despois dun logro así. Pero ese é o meu labor. Aí é onde xogo un pouco máis eu de psicólogo. A chave vai ser ir paso a paso, se pensamos máis aló estamos perdidos. É un sorteo puro e duro. Se non fora isto estaríamos un mes máis parados. Así polo menos estás competindo e o que quede eliminado xa pensa no ano que vén”, comenta o técnico. Non obstante, sempre que ocorre un ascenso ilusiona mirar cara o seguinte curso. A idea do míster é que siga a base do pobo aínda que “hai que facer retoques sempre. Que xoguemos onde teñamos que xogar, pero con xente de aquí. Sempre hai rapaces que están xogando. A ver se conseguimos traelos. En Segunda creo que vai ser máis fácil convencelos deste proxecto”.

«Ser da casa sempre fai a unión moito máis grande», Javi capitán do Paradela

A quen de seguro non vai haber que convencer é ao capitán. Javi López Folgueiras é un dos que máis tempo leva portando a camisola do Paradela. Abandeira a un equipo nun 90% de xogadores do pobo: “Somos case todos. Ser da casa e coñecidos sempre fai unha unión moito máis grande”. Con experiencia xa do anterior ascenso á Segunda, considera que o equipo está preparado para dalo salto: “Eu diría que algo ímonos reforzar. Pero para dalo nivel eu digo que si. Por loitar que non quede. Hai un cadro de xogadores bastante novo. Temos a Dani que ten 18 anos e xente de vinte e poucos que é moi competitiva. Quédanlles moitos anos por diante”.

Javi recoñece que fora mellor ascender no campo. “Gustaríanos ascender o día do Río Sil. Pero non puido ser e lográmolo sen xogar. Celebrámolo algo pero volverémolo celebrar”. Na celebración nunca se pode quedar atrás e máis nun ano no que “o compromiso (presi, míster e xogadores) da xente e da afección que nos deu un apoio moi grande foron as chaves. O presidente novo, Roberto López, comprometeuse moito este ano. A afección de 10. Fomos a Quiroga e había moita afección local, pero tamén moita de Paradela animando durante todo o partido”, conclúe o capitán.

Ao Paradela chegáronlle 33 puntos para subir de categoría. Tentará puntuar na última xornada para acabar campión do grupo

A parte dos cambios que houbo, o club continúa medrando e as instalacións mellorando. Rubén Bergantiños recoñeceu que “está proxectado facer un campo de herba artificial na parte de atrás para poder adestrar. Tamén hai intención de poñer unha luz potente que sirva para xogar noutros horarios. A infraestrutura é de Segunda ou diría que máis. Pero a nivel deportivo imos asentarnos nesa categoría”, remata o míster. Paso a paso. Polo de agora a celebrar o ben que saíron as reformas. Antes cando se acababa a construción dunha casa tamén había festa para os albaneis.

Fotos vía SD Paradela

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*