Pode que a Segunda Autonómica sexa, a estas alturas de competición, a categoría máis apaixoante do fútbol lucense. Se no grupo Norte, a igualdade na zona alta é importante, no grupo Sur aínda é maior. Catro equipos en tan só dous puntos. San Roque e Bóveda ocupan o terceiro e cuarto posto con corenta e un puntos, mentras que Oural con corenta e dous e Palas con corenta e tres están en postos de ascenso e mediranse nos Chacotes este sábado ás 16:30 horas.
O Palas ocupa o primeiro posto malia caer derrotado nas dúas últimas saídas ante Becerreá e Brollón e non lograr os tres puntos a domicilio desde mediados de novembro, cando gañou en Cerdeiriños ante o Monterroso B. O feito de xogar nos Chacotes é toda unha garantía para o equipo adestrado por Quintela. Ningún equipo conseguiu derrotalos no seu campo e tan só o Bóveda foi quen de arañar un empate. Con estes antecedentes afronta o Palas este encontro ante o seu inmediato perseguidor, que no caso de gañarlle superaríao no golaverage particular, feito que coa igualdade existente, pode resultar decisivo de cara ao final de temporada.
O Oural, logo dun moi mal comezo de liga no que perdeu cinco dos sete primeiros encontros, soubo reaccionar e chega ás derradeiras xornadas de competición nunha posición inmellorable. Logo de que na pasada temporada unha mala xeira de resultados o afastase de pelexar cos conxuntos que remataron ascendendo, os pupilos de Negrete non queren que se repita a mesma historia. Con catro triunfos nos últimos catro encontros, en tres deles sen encaixar e no derradeiro acadando nove goles, afrontan o encontro ante o líder co obxectivo de arrebatarlle o primeiro posto.


O último encontro disputado entre o Palas e o Oural disputado nos Chacotes foi na pasada temporada, o 11 de marzo de 2018, practicamente nas mesmas datas. O triunfo marchou para o conxunto do Luis Pallin por un gol a dous. O «pichichi» Juanjo anotou o tanto local, mentras que Caneda e Óscar marcaron para os visitantes.
Falamos deste encontro con dous xogadores con experiencia en categorías superiores. Álvaro Barreiro «Alvarito» (Palas) formou parte do Castro, Polvorín e Outeiro de Rei na Preferente, mentras que Ramiro Valcárcel «Marino» (Oural) marcou unha época na Sarriana.

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?
ALVARITO (C.D. PALAS)
– A última derrota ante o Brollón. «Foi un partido duro. Xa sabiamos que nos ía costar gañar nese campo. A pesar diso, e das moitas baixas coas que contabamos, fixemos un partido moi serio. O resultado non reflicte o que se viu no campo, xa que, para min fomos superiores, pero fóra da casa non estamos tendo sorte. Quero enviarlle unha aperta a David, porteiro do Brollón, que se lesionou no encontro. Deséxolle unha pronta recuperación».
– O encontro ante o Oural. «Vai ser moi duro, pero como todos os que nos quedan ata o final de temporada. O equipo está facendo un moi bo traballo durante todo o ano e estamos preparados para afrontar este encontro. Xogamos na casa e iso é un punto a favor. O rival está a facer as cousas ben e chega nunha dinámica positiva. Non xoguei o encontro de ida, pero os compañeiros comentan que son un gran equipo».
– A igualdade na zona alta. «O ascenso creo que non se resolverá ata as últimas xornadas, xa que estamos catro equipos en dous puntos. Vai ser unha loita dura, pero bonita. Penso que os cinco primeiros temos opcións do tan desexado ascenso. Pero agora nós imos líderes, polo que somos o favorito a día de hoxe. Quero darlle a noraboa a todo o equipo pola gran temporada que estamos facendo. Somos unha gran familia e nótase nos adestramentos e nos partidos. O sábado xuntos acadaremola vitoria. Forza Palas».
MARINO (S.D. OURAL)
– A progresión do equipo. «Logo do comezo de temporada, o obxectivo de estar nas primeiras posicións a estas alturas semellaba complicado. Nese momento delicado, puxémonos a meta de traballar semana a semana e intentar estar o máis arriba posible ao final de liga. Os dous adestramentos que facemos cada semana, cunha media de catorce xogadores, está dando os seus froitos e iso vese reflexados nos resultados».
– O Palas. «Pola traxectoria que leva este ano e os anteriores, sempre son un equipo moi competitivo, e máis na súa casa. Ten un xogo combinativo importante e xogadores desequilibrantes en tódalas súas liñas. Teremos que estar concentrados durante todo o partido e saber sufrir nos momentos que nos dominen».
– Os aspirantes ao ascenso. «Non vexo candidato claro porque a liga está moi igualada. Tódolos equipos nos xogamos algo e calquer rival, se non estás ao cento por cento che pode gañar. Por calendario, opino que o San Roque, que non ten enfrontamentos directos, leva unha pequena vantaxe, xa que, entre os equipos que estamos metidos na parte alta da clasificación temos que xogar entre nós. Temos que sacar os partidos que xoguemos no Luis Pallín e intentar sumar os máximos puntos posibles como visitante para acadar un dos postos de privilexio a final de temporada».
ESTE FIN DE SEMANA TAMÉN PODES VER . . .
Terceira División
– Racing Vilalbés – U.D. Somozas (Domingo ás 17 horas na Madalena): importante choque para os chairegos, que teñen que sumar no seu feudo para escapar da zona perigosa. Enfronte, un Somozas practicamente sen obxectivos neste tramo final de liga.

Preferente Norte
– Viveiro C.F. – Boimorto C.F. (Domingo ás 12 horas en Cantarrana): o conxunto local tentará lograr outro triunfo que lle permita manter o marxe de catro puntos sobre o terceiro clasificado. O rival, que chega nunha posición cómoda na táboa, amósase moi perigoso lonxe do seu campo.

– S.D. Sarriana – C.D. Castro (Domingo ás 17 horas na Ribela): encontro, a priori desigual. Os de Alberto López buscarán aseguralos puntos para seguir a estela do Viveiro. O cadro chairego, sen nada que perder, tentarán dar a sorpresa.
Primeira Autonómica
– S.D. Santaballés – S.D.Chantada (Domingo ás 16:30 horas na Liga): logo da derrota na Cheda, os de Dani Moirón precisan tres puntos para non ver de lexos os postos de ascenso. Os chantadinos, que recuperaron o segundo posto, tentarán manter a súa boa xeira lonxe do Sangoñedo.

– Club Lemos – Atlético Escairón (Domingo ás 17 horas na Pinguela): os monfortinos, líderes intratables, reciben ao conxunto do Saviñao que suma catro xornadas sen perder. Os de Eskalza buscarán dar a sopresa nun feudo pouco menos que inexpugnable
Segunda Autonómica
– S.D. Guitiriz – E.D. Lourenzá (Domingo ás 16:30 horas no Suso Cruz): primeiro contra terceiro. O cadro local tentará ampliala diferencia cun dos seus principais perseguidores. Os pupilos de Diego Rego, que chegan nun gran momento de forma, tentarán asaltalos postos de ascenso nun encontro crucial para a parte alta do grupo Norte.

– Iberia C.F. – C.D. Cospeito (Sábado ás 16:30 horas nas Valgas): outro encontro decisivo, este pola zona baixa. Ámbolos equipos están fóra do descenso directo, pero na zona de perigo polos arrastres.
Terceira Autonómica
– Celta Barreiros – S.D. Muimenta (Domingo ás 16:30 horas no Cascabeiro): dúas frontas abertas. Para os locales encontro clave para entrar na promoción de ascenso, posto que ocupan logo de moitas xornadas. Os chairegos, se gañan son equipo de Segunda.

– C.D. Sober – S.D. Castroverde (Domingo ás 17 horas en Centeás): os soberinos precisan os puntos para non saír da zona de promoción, na que aínda poden entrar tódolos equipos. Os visitantes non poden ceder se queren aspirar a unha praza de ascenso directo.
Segunda División Feminina
– P.M. Friol C.D. Lugo – Atlético Arousana (Domingo ás 17 horas na Reigosa): encontro propicio para as razas de Josito Jul, no que reciben a un conxunto da zona baixa. Se acadan os tres puntos, practicamente aseguran un posto de ascenso á nova categoría que se creará a vindeira temporada.

Primeira División Galega Feminina
– S.D. Antas – S.D. Villestro (Domingo ás 17 horas no Castro Seoane): as da Ulloa precisan unha vitoria para escapar dos postos de descenso. O rival, asentado na zona media-alta da táboa, nas últimas xornadas está a amosarse irregular, feito que poden aproveitar as rapazas de Melendo.
Segunda División Galega
– S.G. Comercial – Xuventude de Crendes (Domingo ás 16:30 horas no Rodríguez Lago 1): logo de tres triunfos consecutivos, as lucenses queren continuar coa racha e acercarse ás súas rivais desta xornada.
– Carballedo C.F. – S.D. Chantada (Domingo ás 12 horas no Catro Ventos): derbi provincial no que o conxunto local tentará aproveitar a mala xeira das chantadinas.
Liga Feminina Fútbol 8
– S.D. Burela – Atlético San Pedro (Domingo ás 12 no Anexo á Marosa): co obxectivo de alcanzalo liderato, as mariñás tentarán superar a un conxunto da zona baixa da clasificación, pero que ven de gañalos dous últimos encontros.