Cinco equipos da zona alta derrotaron a cinco da zona baixa no norte. Resistiu o Mondoñedo que sumou tres puntos importantes ante o Xermade. Nos duelos directos por afastarse das posicións perigosas, saíron vitoriosos o Goiriz e o Cospeito. O cadro adestrado por Jose Carlos abandona os postos de descenso directo. No sur, o líder Palas caeu na súa visita a Brollón. O Oural achégase e a vindeira fin de semana xogan entre eles. O Portomarín logrou a súa primeira vitoria do 2019 e outros como o Incio, o Brollón ou o Chantada B sumaron de tres e marcan distancias coa zona baixa. Aurelio (unha vez máis), Rus ou Marino sobresaíron como goleadores.

No grupo norte, os de arriba manteñen o ritmo alto. O Guitiriz e o Folgueiro ocupan as dúas primeiras posicións logo de golear nos seus partidos. O cadro guitiricense venceu no Árbol a un Valadouro que entra en postos de descenso. Os visitantes adiantáronse xusto antes do tempo de lecer. Na reanudación marcaron o segundo e a partir de aí dominaron por completo. Jesús volveu cerrar o portelo. Só encaixou dous goles nos últimos sete encontro. O Folgueiro gañou con claridade ao Cervo tamén a domicilio. Aurelio continúa incrementando a súa conta goleadora. Marcou catro e leva 24 na tempada. A dous puntos segue o Lourenzá. Venceu a Candelaria na previa do desfile do entroido laurentino. A próxima xornada o Suso Cruz ten un partido de altura. O líder recibe aos pupilos adestrados por Diego Rego.

O Roupar non se resigna a quedar na zona morna. Enlazou o terceiro triunfo seguido e superou ao Xermade na clasificación. Derrotou na casa ao Abadín pola mínima. Os visitantes acudiron con doce e sen porteiro. Un penalti desequilibrou a balanza. O segundo posto está a oito puntos. Tampouco quere quedarse en terra de ninguén o Cabreiros. Gañou na casa ao Iberia. O cadro de Reinante conseguiu igualar na recta final. Pero os locais foron con todo arriba e lograron adiantarse de novo e sentenciar. O Mondoñedo volve ao sétimo posto. A distancia co descenso é de nove puntos. Venceu na casa ao Xermade. Os visitantes quedaron cun menos pola expulsión de Fran antes do descanso. Os locais aproveitaron a superioridade numérica no segundo tempo. Os de Israel tiñan sete baixas con respecto aos titulares en Guitiriz. O Goiriz volveu gañar logo de seis xornadas sen facelo. Trouxeron os tres puntos da súa visita á Comercial. O Cospeito saíu dos postos de descenso, aínda que segue empatado con eles. Goleou ao Meira na Fonte cun Rus moi goleador. O dianteiro de Goá marcou tres goles.

No grupo sur, o Palas mantén o primeiro posto a pesar da súa derrota ante o Brollón. Un punto de marxe sobre o Oural, vindeiro rival. O cadro da Ulloa leva dúas derrotas nos últimos tres encontros. Pola súa banda o cadro de Sarria atópase nun gran momento. Gañou con claridade ante o Monterroso B e sumou a cuarta vitoria seguida. Seis partidos sen perder. Marcou nove goles. Tres deles coa autoría de Marino. O dianteiro xa suma dezaseis. Non deixan de apretar o San Roque e o Bóveda. O cadro adestrado por Manolo García derrotou a un rival directo como o Guntín. Estaban empatados a puntos. O dobrete de Aldo en accións a balón parado decantou o choque. Pola súa parte, os pupilos adestrados por Cabanelas sacaron os tres puntos de Tras do Novo. O Bóveda púxolle as cousas complicadas ao Santa Comba xa dende o inicio. Recurtou distancias por dúas veces o cadro adestrado por Diego Mejuto. Non foi suficiente para rascar cando menos un punto.

Igual é tarde, pero por traxectoria pódelle dar tempo. O San Lázaro colócase a oito puntos dos postos de ascenso directo. Aínda que eles miran para a zona baixa. Suma cinco partidos sen perder dende a chegada de Diego Rey ao banco. Derrotou a un Becerreá nunha situación preocupante. A subida do cadro da Ponte coincide nas últimas xornadas, por exemplo, co baixón do Ferreira (catro partidos sen gañar). Foi superado desta volta polo Chantada B. Ambos están na zona media mirando tanto para abaixo como para arriba. Nesa zona tamén destacou o triunfo do Portomarín ante un Sporting Lucense que se presentaba con tres vitorias seguidas. Foi a primeira vitoria do ano do conxunto adestrado por Fernandito. Ademais logrou tres puntos importantes o Incio. Foi moito máis contundente ca o Corgo que quedou con 10 pola expulsión de Debasa. O equipo amarelo deixa en sete puntos a súa diferenza co descenso directo.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*