#Fútbol afeccionado #Terceira Futgal

Os sobranceiros da Terceira na 4ª xornada

A igualdade queda patente nos  primeiros postos dos grupos da Terceira Rexional onde xa ninguén pode presumir de gañar todos os seus encontros. Aínda así os líderes non perderon ningún partido, Celta Barreiros e Quiroga; nin tampouco o Fonsagrada que é colíder do norte. Tamén goza deste cualificativo o Paradela, pero cun partido menos xa que aprazou o seu duelo co Lemos B para esta fin de semana na que toda a Terceira Galicia descansa. Unha xornada que nos deixa os seguintes destacados, que poida que algúns deles, sexan premiados a final de curso. 

No grupo norte, o Celta Barreiros é o primeiro clasificado ao vencer ao Matela e aproveitar a derrota da Milagrosa. O cadro da Mariña gañou cun gol do capitán Álvaro e destacou a actuación do porteiro Joserra que segue imbatido no que vai de competición. O Matela non saíu contento coa actuación arbitral despois de acabar o partido con tres expulsados. Sen encaixar goles tamén se atopa o Fonsgrada que colidera a categoría despois de vencer ao Celeiro. Kike, que inaugurou o marcador, foi do máis sobranceiro do choque.

O Muimenta colócase terceiro ao derrotar á Milagrosa nun dos duelos da xornada. O conxunto adestrado por Basi amosou superioridade nas xogadas a balón parado; así chegou o primeiro gol. No derbi vilalbés da xornada volveu ao camiño da vitoria o Catro Roldas ante o Rioaveso no que salientou o encontro de Esteban Carracedo e o gol de falta de Mario. O Alfoz logrou a súa segunda vitoria consecutiva ao vencer ao Friol B nun enfrontamento no que Jose, Jonathan e Sousa foron os máis sobranceiros nos locais e Sánchez e Rubén Marqués nos visitantes. No duelo de equipos que non conseguiran triunfos saíu vitorioso o Cazás que restreou o Catro Ventos ante o Lugo Unión. Cambiou o céspede, pero mantense o idilio cos resultados favorables. O cadro capitalino viuse moi condicionado polas baixas, xa que viñeron só con once xogadores. (Fotos do encontro nos vindeiros días)

No grupo sur, ademais do Paradela – Lemos B que se xogará este sábado no campo Luis Bodegas de Monforte, descansaron na xornada o Río Sil e o Relámpago Taboada. O Quiroga segue encabezando a táboa clasificatoria a pesar do seu empate ante o Castroverde. Liderado por Marcos e Gachán, autor de dous dos tres goles, o cadro quirogués púxose cun 2-0 no marcador, pero os visitantes remontaron o duelo cunha actuación destacada de Carlos Gemelo, quen tamén marcou dous goles. Nos instantes finais Gachán equilibrou a balanza.



O Rubián conseguiu o primeiro triunfo da temporada ao vencer na Medela ao filial do Taboada no que destacou o segundo gol. Unha xogada trenzada a un toque entre Iago, Rivi e Chema que culminou Iván para sentenciar o partido. No cadro local, o gardamallas xuvenil Alexito mantivo con opcións ao equipo ata que tivo que abandonar o campo por unha lesión despois dun choque cun rival. Finalmente, diagnosticouselle unha escordadura de xeonllo. Por último, inaugurou a súa puntuación o Antas que derrotou a un Sober condicionado, en parte, polas baixas. No cadro adestrado por Melendo a vitoria foi guiada dende o mediocampo cun gran traballo tanto de Cristian como de Xurxo.

Os onces da 5ª xornada na Segunda

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *