A Milagrosa no grupo norte e o Quiroga no grupo sur son os dous únicos equipos que gañaron os tres partidos que xogaron na Terceira Rexional lucense. Ben é certo que no sur, só catro equipos disputaron tres partidos. Nesta xornada foi o turno de descanso para o Lemos B e o Antas.
No grupo norte, a Milagrosa queda soa á fronte da clasificación ao vencer pola mínima ao Cazás e aproveitar os resultados non tan positivos dos seus rivais. Un gol de Óscar volveu ser decisivo unha xornada máis. No cadro xermadino agardan ansiosos a volta ao Catro Ventos para tentar volver á seguridade defensiva que os caracterizou no seu campo. Segundo na táboa é o Celta Barreiros que venceu con contundencia ao Celeiro no duelo mariñán da tempada na Terceira. Roberto con tres goles, Álvaro e Jorge lideraron o cadro de Barreiros coa súa actuación.
👏 Case un ano despois das visitas do xabaril, o Catro Ventos de #Cazás volverá ver rodar o balón pola súa herba. Será este sábado!
No @SDCazas levan traballando varios meses para a súa posta a punto ⛔🐗 pic.twitter.com/kG26iSF4qd
— Futbolinlugo (@futbolinlugo) October 3, 2018
Tamén con sete puntos atópase a Fonsagrada que gañou pola mínima na casa do Lugo Unión. Javi Freijo e Víctor foron os destacados dun triunfo que mantén ao conxunto fonsagradino sen encaixar ningún gol. Colle pulo o Matela co seu segundo triunfo consecutivo e con contundencia ante o Rioaveso. Por riba de todo salientou o traballo de Adrián «Torito» que marcou catro goles, xunto coa labor de Óscar «Gayoso». Pola contra, o Muimenta sufriu a primeira derrota da tempada ante un Friol B que conseguiu a primeira vitoria cun protagonista claro: Santi Carballido que marcou catro goles. No conxunto adestrado por Basi salientou o traballo de Irimia, Javier Morán e Miguel Morán, aínda que os erros condenaron ao equipo. Tamén estreou a súa puntuación o Alfoz que no primeiro partido de Casal dirixindo dende o banco superou ao Catro Roldas na Canteira. Os autores dos goles Jose e Legaspi, xunto con Luismi guiaron o conxunto verde e branco.
No grupo sur o Quiroga é o lider en solitario logo de sumar o terceiro triunfo da tempada na súa visita ao Relámpago Taboada. Dani Gemelo e Jose Gemelo amosaron a súa superioridade no ataque do cadro visitante. Segundo queda o Paradela que non pasou do empate no Poste ante o Rubián. O cadro de Rubén Bergantiños non estivo acertado nos momentos decisivos. Encaixou un gol en propia porta co que os locais empataron o partido e fallou un penalti nos instantes finais.
Quen medra na clasificación é o Río Sil ao vencer por segunda semana seguida, desta volta ante o Castroverde. O equipo soberino volveu ter no contraataque a mellor arma para batir ao seu rival. Isma cun dobrete e Molina cun gol de volea foron do máis salientable do choque. Nos locais non faltou a súa cita co gol David, a pesar de que non serviu para acadar ningún punto. Por último, o Sober, con Martín e Mauro como guías, recuperou sensacións despois de descansar e colleitou o primeiro triunfo ante un filial do Taboada no que Jony, Dieguito e Fabricio foron os máis sobranceiros.